Conversas nordesías

É curioso observar a proporcionalidade inversa que garda o impacto de calquera nova aparecida no periódico coa pegada que, pasada a xornada, esa mesma noticia deixa. Ben certo é que hai textos xornalísticos que, transcorridos días dende a súa publicación, ancoran aínda na memoria dos que os leron, mesmo algúns gozan da extraordinaria fortuna de ser recortados e gardados entre os papeis que un gusta de conservar. Mais estes últimos son ben poucos e o que adoita suceder é que, se ben o día no que unha noticia, un editorial, un artigo ou unha entrevista se publican son centos, miles, os lectores que a descobren, en rematando a xornada unha lápida abafante de esquecemento parece defuntar para sempre eses textos, que esvaecen no limbo dos fugaces escritos perdidos e moi raramente, como digo, regresan ao mundo das palabras perdurables.

Por iso, que unha editora como a ferrolá Edicións Embora se prestase a editar unha compilación de materiais periodísticos é unha magnífica nova, por canto contribúe a rescatar textos que, doutro xeito, só serían consultables visitando hemerotecas ou, no mellor dos casos, mergullando na Rede durante horas e horas ata dar con todos eles.

Se, ademais, os textos recuperados son preto de medio cento de entrevistas realizadas a destacados artistas e intelectuais de noso, non cabe dúbida de que o interese da publicación está asegurado.

Todo o descrito se cumpre, e con positiva abundancia, no volume Ferroláns de seu, da autoría de dous dos máis competentes xornalistas culturais do país: Nicolás Vidal e Xosé María Gómez Fadiño. Entrambos puxeron por xunto un bo feixe dalgunhas das moitas conversas que con diversos personaxes mantiveron nas páxinas do suplemento “Nordesía” do Diario de Ferrol entre os anos 2005 e 2007, faladoiros nos que participaron ferrolterráns de moi diversa condición, entre os que non faltaron historiadores, fotógrafos, médicos, antropólogos, músicos, pintores, biólogos, editores, cantantes, actores, presentadores, tradutores, escultores, caricaturistas, sindicalistas e ata magos, teólogos e periodistas.

Agora ben, por deformación profesional, quen isto escribe ten especial debilidade polas entrevistas que Vidal e Gómez Fandiño mantiveron no seu día con diversos persoeiros das nosas letras, algúns deles desafortunadamente xa lonxe de nós, caso dos chorados Isaac Díaz Pardo ou Fernando Pérez-Barreiro Nolla, outros, por ventura, no mellor das súas traxectorias e publicando para lecer de todos, como acontece coas poetas Medos Romero e Eva Veiga ou os ensaístas Luís Alonso Girgado, Xosé Chao Rego e Guillermo Llorca Freire. Con elas, con eles, falaron o de Limodre e o de Ferrol conseguindo que, dende o recordo da súa raiceira natal, abrisen o discurso ao cosmopolita, repasando as súas biografías e a súa andaina autorial nun conversar cheo de agradables sorpresas e nutridísima información.

De por parte, hai un valor engadido neste Ferroláns de seu que se cadra ha pasar desapercibido a algúns e, polo mesmo, convén subliñar: Vidal e Gómez Fandiño non só amosan o seu excelente quefacer na escolma de voces entrevistadas, senón tamén na habelencia para ‘desaparecer’ do discurso mimetizándose con el: a pregunta, idónea, é unha escusa para que o parlamento bote a andar, coidándose ben de permanecer nun discreto pero sutil segundo plano, que deixa o protagonismo todo ao entrevistado, reaparecendo como un preciso guadiana cando procede inserir unha nova cuestión que reconduza ou abra ángulo na conversación.

Interesa saber, amais, que este Ferroláns de seu agocha aínda outras bondades que moito deben estimarse, como son as magníficas caricaturas que acompañaron as entrevistas, realizadas por Juan Veiga, un dos grandes no seu xénero en Galicia, ou o feito de que os beneficios que se obteñan coa venda da obra irán parar á Asociación Lazos Prosolidariedade de Ferrol, unha entidade que desenvolve un admirable labor na loita contra a sida.

Así pois, non queda senón congratularse publicamente pola publicación deste libro, xermolado cando dirixía o rotativo da cidade departamental outro xornalista de altura, Germán Castro ‘Man’, nun tempo no que hoxe director, Carlos Miragaya, era xustamente o responsable de suplementos e maquetador destas entrevistas.

Nicolás Vidal e Xosé María Gómez Fandiño anuncian na breve presentación do volume que, debido ao “valor do material”, non descartan a futura publicación dunha segunda entrega destes Ferroláns de seu onde se sumen moitos outros parladoiros que ficaron fóra desta primeira. Oxalá tal desiderátum se cumpra máis pronto que tarde, pois así poderemos gozar os lectores doutro interesante libro no que se siga facendo país con intelixencia e lucidez.

[Publicado no xornal dixital Praza Pública, 21-1-2013]