Tenros soños

Petaron á porta da casa dúas ben xeitosas obras de poesía infantil e, como Cunqueiro á rula, saudeinas dicíndolles: “pasen, miñas señoras”. E é o caso que elas viñan moi postas, amosando xa dende as cubertas títulos de atractivo: Soños de nenos (Edicións Embora) e mais Versos e bolboretas (Edicións Fervenza). Vestíranse para a ocasión coas mellores galas, inzadas de ilustracións que engadaban os ollos e un andar de prelo fino que moito prestaba aloumiñar nas mans.

¿E el como resistir? Boteime a ler a Mónica Inés Varela Gestoso.

O que descubrín pronto foi unha poética lizgaira, sensorialista, chea de resonancias musicais e moi plástica nas imaxes e eufonías. Un ir verso a verso ganduxando as palabras coma quen prende contas a un sutil fío dourado.

A poesía de Varela Gestoso dinos dos soños das nenas e nenos, convida a que lean, que gocen da natureza, das estacións, dos xogos, do baile e, xaora, do mar, da súa beleza, a súa inmensidade, o seu misterio. Son, estes, poemas nos que o amor entre nais, pais e fillas e fillos agurgulla en cada recanto, onde todo o sobrevoan as miradas garimosas, as bolboretas delicadas, os bicos afectuosos, os silencios reveladores.

Na escrita desta arousá de nacenza e estradense de adopción as olladas falan sen palabras, os pensamentos florean e as gaivotas acompasan os latexos. Unha aura de tenrura estende o seu velo dondo sobre os seres e o vitalismo e o amor gobérnano todo.

Mais se hai un selo propio nesta poética ese é, a non dubidalo, a súa musicalidade, o cadoiro de asonancias en versos ora curtos ora longos, tradeados de paralelismos cruzados, de anáforas e sintagmas encadeados que procuran ás estrofas unha sonoridade ben característica, que pide abrirse camiño en alta voz.

Abondaría tal arquitectura harmónica e a positiva luz destes poemas para que as propostas da autora fosen máis que recomendables. Pero aínda debe sumarse outro reclamo non pequeno: as fantásticas ilustracións que acompañan ambos os dous volumes. No caso de Soños de nenos da man de María Brenn, delgado trazo de perfecta definición, mesturando bases fotográficas e debuxos tratados por ordenador con asombrosa limpidez. Tamén si, o festival de imaxes que achegan a Versos e bolboretas Alba Lugo, Amalia López Brea ‘Luchi’, Anabel Montouto, Diego Porto, Francisco Alén ‘Picho’, Iago Castro, Juan Liñares, Manuel Fragoso, Marcela Santorun, María Armada e Ramiro Cimadevila, estilos diversos e complementarios, que se serven tanto da acuarela coma das ceras ou témperas, nunha explosión de cor que envolve de lirismo plástico os textos.

E non esquezan tampouco deixarse guiar polos acaídos prologuistas destas obras, que deseñan o marco necesario para comprender e degustar con fruición as súas páxinas. Xosé Luna en Versos e bolboretas e Luís Reimóndez en Soños de nenos dan coa clave interpretativa da corda do corazón na que vibran as poesías, transmitindo nos seus comentarios toda a vida que leva dentro esta escrita, os tenros soños que espella.

A poesía infantil galega está de en hora boa. Non só polo seu brillante presente —velaí, poño por caso, o recente Premio Nacional a Antonio García Teixeiro por Poemar o mar, libro, por certo, que no seu día tamén comentei nestas páxinas—, senón pola confirmación de voces moi prometedoras que agora nacen, como esta de Mónica Inés Varela Gestoso, quen se descobre con estes dous interesantes poemarios e que, de seguro, continuará dándonos alegrías.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 29-10-2017]