Da lusofonía literaria

Coido que ben poucos en Galicia teñen escrito tanto e tan ben sobre os espazos literarios da lusofonía como Xosé Lois García. Máis de trinta anos de artigos, conferencias, monografías e estudos varios confirman o que digo, pois case non hai autor, realidade escritural ou evento de importancia lusófono acaecido nas últimas décadas que non fose convenientemente glosado por este profundador das excelencias literarias da nosa lingua irmá.

Polas diversas xeografías da Lusofonía é unha amplísima recompilación de case novecentas páxinas nas que García puxo por xunto boa parte dese labor. O volume, editado pola Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María, recolle varias ducias de traballos entre os que se contan prólogos, artigos xornalísticos, ensaios en libros colectivos e revistas e mesmo entrevistas a autores.

Grazas a esta extensa recolleita sabemos da literatura e principais voces de Portugal e do Brasil, mais tamén de Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Mozambique, São Tomé ou Timor, escrita espallada polos diversos continentes que abrangue igual os clásicos que os creadores máis recentes, tanto narradores coma poetas, dramaturgos ou ensaístas.

Xosé Lois García achega tamén outras pedras de azucre a este seu doce compilatorio, como é, por exemplo, a serie de artigos publicada no seu día na sección “Ecos Lusófonos” de A Nosa Terra na que estudaba a presenza da literatura e a cultura de expresión portuguesa en autores galegos como Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Castelao, Antón Vilar Ponte, Xohán Vicente Viqueira, Manuel Curros Enríquez, Antonio Noriega Varela, Eloy Luis André, Vicente Risco ou mesmo unha moito máis nova Iolanda Zúñiga.

Imprescindible. Ese é o cualificativo que mellor describe este Polas diversas xeografías da lusofonía para aqueles que queiran coñecer, de primeira man, o que na escrita de expresión portuguesa leva vendo a luz tanto nos últimos lustros coma en épocas precedentes, unha obra de Xosé Lois García que engrandece a súa xa dilatada traxectoria.

Literatura labrega

O poeta e ensaísta Xosé Lois García tenlle collido a medida á xeira escolmadora. Regresa agora a ela coa Antoloxía poética da escola labrega luguesa, selecta publicada baixo os auspicios da colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra, que afianza así a súa andaina tras o excelente comezo que supuxera O asombro e o máis recente Novas_de poesía. 17 poetas.

Esta Antoloxía poética da escola labrega luguesa engade un subtítulo revelador: ‘De Leiras Pulpeiro a Uxío Novoneyra’, autores que balizan cronoloxicamente o período literario ao que pertencen os creadores escolmados e que coinciden, todos eles, en incorporar ás súas creacións a nidia pegada do rural campesiño lucense.

García dispón un amplo e informativo “Prefacio” no que achega unha panorámica da escrita dos poetas antologados, sete voces senlleiras que revelan estreitos lazos xeoliterarios entre eles: Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé María Díaz Castro constitúen o dream team da escola mindoniense (apenas se faltaría o gran Cunqueiro, tan pouco paisaxista el); a maiores, Manuel María (chairego maior) e Uxío Novoneyra (o courelao por antonomasia).

Representativa e moi variada, esta selecta á que convida García inclúe algúns moi coñecidos versos destes autores a canda outros menos divulgados, mais non de menor interese, o que asegura o atractivo da obra.

A Antoloxía poética da escola labrega luguesa conta cunha cuberta que reproduce un curioso gravado do propio Novoneyra, o lobizorricán, perfecto limiar visual para esta escolma, que aínda amece unhas útiles fichas biobibliográficas finais para completar un volume tan preciso coma precioso.

Os días asolagados

Estes días pasados acompañoume a lectura dun libro singular, tanto polo moldeado que nel se fai da arxila literaria coma, sobre todo, polo mundo retratado. O título é xa todo el un poema: Remitencias, memorable volume de versos de Xosé Lois García, escritor imprescindible tanto no eido lírico coma no ensaístico dende hai décadas.

O que fai de Remitencias un poemario irrepetible é, xaora, a alta dicción dos seus versos, mais tamén o espazo do canto que convoca; a saber: as parroquias e lugares que o encorado do río Miño mergullou no pasado, territorio máxico que homenaxean as oitenta e seis composicións do libro, acompañadas de fotografías destes eidos tiradas polo propio García a comezos do 2011, cando, por mor de incorporar dúas turbinas novas ao salto de Belesar, os enxeñeiros de Unión Fenosa deixaron que do vello leito do río pai emerxesen os enclaves alagados tanto tempo atrás.

Porto, Castro Candaz, Pincelo, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Viña, Ribó, A Hermida, A Pereira, Padrizán, Reximonde, Santa Marta, Seixón, Figueiroá e Portomarín son as dezasete estacións nas que a musa e a cámara de García se detiveron para facer oír o berro afogado de cada escada, campanario, viñedo, muro, pendello ou capela enmudecidos polas augas, resucitando os seus días asolagados.

O poeta vai, así, percorrendo poboacións que de neno coñeceu en esplendor, supra fluminem, e ten nesa acordanza instantes para a dignificación dos que en tales rueiros foron represaliados, mais tamén para outras memorias máis amables e festivas. Todo un mundo que desapareceu baixo as augas, o latexar dunha vida chea de xeiras que esvaeceron sepultadas pola acción empresarial hidroeléctrica.

Porque se os versos de García alcanzan en non poucas ocasións un tremor épico —asistidos sempre por unha selección léxica de primor culto e luminosa retórica—, as instantáneas que con eles dialogan revelan unha ollada de admirable penetración, decote atenta aos detalles fuxidíos, eses que a primeira vista non retemos e só unha segunda ou terceira contemplación son quen de ben transparentar.

Remitencias —substantivo que evidencia o avagar poetizado— é unha realidade grazas ao esforzo editor da Asociación Cultural Xermolos, inestimablemente axudada nesta ocasión pola Deputación de Lugo, facendo así posible que estes dous centos longos de páxinas da mellor escrita e fotografía vexan luz para deleite dos ollos do espírito e o corpo, un galano de Xosé Lois García que moito engalana a súa máis recente traxectoria, esa que glosa Xesús Alonso Montero, prologuista deste libro que ten agradable saibo regala.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 8-9-2013]

Balada de Podente

A traxectoria de Xosé Lois García como activista cultural, ensaísta e crítico da literatura lusófona é de sobras coñecida tanto na Galicia da Terra coma nesoutra ponla da nosa árbore tribal que é a comunidade galega nas landas catalás. Talvez non teña recibido tanta atención a súa faceta como poeta, malia contar, en máis de dúas décadas de oficio, cunha vintena longa de poemarios que o significan como unha voz particular e xenuína no concerto lírico dos últimos anos.

Volve agora Xosé Lois García á actualidade coa publicación de Tedempo, poida que o seu libro máis persoal, entrañado e familiar, pois nel literaturiza un diacrónico retrato do seu clan, que arrinca do Medievo e chega ata os nosos días.

Para tal empresa, parte de documentación histórica pública e privada ―velaí o influxo do García arquiveiro e especialista nestes temas― e, a partir da mesma, vai creando un relato versal nucleado arredor de senlleiros personaxes do pasado.

Todo o anterior, xaora, cun escenario de fondo que non é outro que o anagramático Tedempo que o propio libro anuncia, isto é, o lugar natalicio de Podente, na parroquia chantadina de Merlán, raíz e horizonte omnipresente nestas páxinas.

Escrito en versos longos e alento de ecos épicos, case baladísticos, estes poemas narrativos xogan cunha rítmica parapopular que non desapide do rimado, os paralelismos e outras fórmulas iterativas que contribúen á arquitectura interna destas longas tiradas que, por veces, chegan a ocupar varias planas.

Tedempo ―que conecta e recolle motivos e presenzas que xa sobrevoaran textos seus anteriores como Tempo precario (1988), Do Faro ao Miño (2005), Kalendas (2005) ou Petroglifia (2010), entre outros― atesoura aínda outro importante activo que engade prestancia e valía ao conxunto: os coloristas e elaboradas ilustracións de Héitor Picallo, artista que viste cos seus retratos dos personaxes aludidos nos poemas planas completas do libro que locen, así, nas súas acuarelas enriquecidas con técnicas mixtas nas que as tintas chinesas e o outros elementos tamén achegan finos acabados.

Valiosa publicación este Tedempo de Xosé Lois García, feita posible pola inequívoca aposta en clave cultural de país da Asociación Xermolos de Guitiriz e mais a Irmandade Manuel María, que integran este volume na súa colección As Foulas do Rañego, que alcance así a decena de títulos editados para gozo de todos os que apreciamos o traballo literario ben feito.

            http://www.youtube-nocookie.com/embed/IFPezitJniA

Arredor de Manuel María

A Editorial Everest, que tanto e tan bo fai polas letras de noso capitaneada pola incombustible Irene Penas Murias, publicaba aí atrás Do A ao Z con Manuel María, un volume poético de Xosé Lois García ilustrado por Jaime Asensi.

O libro ofrece non poucos atractivos e tamén algunha sorpresa. Entre o mellor que este título agocha está, a non dubidalo, a mestría versal de García para recrear, seguindo as letras do abecedario, vinte e tres referencias vitais do poeta da Terra Chá que definen á perfección o seu mundo creativo e a súa circunstancia persoal.

Destarte, o Regato do Cepelo, a Casa de Hortas, o río Miño ou o Xistral alternan nestas páxinas con Florencia, os Irmandiños, a dorna mariñeira ou a súa admirable compañeira Saleta Goy, entre outros. Todos eses enclaves, xentes e realidades son obxecto de metrada e ritmada versificación por García, que se amosa aquí como un consumado dominador das fórmulas clásicas.

Doutra parte, todas estas composicións van seguidas dun interesante apéndice final onde se completa a información sobre as referencias poetizadas e o seu vencello co propio Manuel María.

Agora ben, se algo chama a atención neste volume —e enténdase isto cum granum salis mínimo— é que se presente editorialmente como recomendable “a partir de 10 anos”, o que explica a súa inclusión na colección escolar “Ler é vivir” baixo a serie, xa amentada, “Do A ao Z con…”. E escribo que é feito rechamante porque, se ben as ilustracións e a maqueta están pensadas para lectores desa franxa de idade, as sabenzas eruditas que desprega García imposibilítanlle ao público máis novo o acceso aos textos, pois coido que algúns deles mesmo se lles resistirían inicialmente a  adultos de non escasa formación.

Como é probable que haxa quen fique coa dúbida de se o que afirmo é así, deixarei que sexan os versos do propio García os que diriman a cuestión. Lede e xulgade se son ou non de doada comprensión este tipo de poesías para o alumnado de Primaria; velaí o botón de mostra:

             Florencia
 
Murcha flor de Cosme e de Lourenzo,
posuída no poderío dos Médici.
Primavera venérea e iconoclasta
polo solsticio maior divinizada,
confirmando beleza en Botticelli
no rostro de Simonetta Cattaneo,
humanizada no verso de Manuel María
inmortalizando os dons da primavera
e Galiza achegándose ao seu paraíso,
onde Venus, transformada en sosego,
meditando ía entre Dante e Petrarca.
Manuel María por Galiza transitaba,
con selecto e transparente viño,
en purísimo e sacro cáliz ofrendaba,
por el todas as deidades devecían.                                                                                                                                                                                                                                       
 

Por tanto, hai que felicitar a Xosé Lois García polo valioso poemario que arredor do universo de Manuel María teceu, a Everest Galicia que fixese posible a súa publicación e recomendar aos adultos que se animen coa súa lectura e llela fagan entendible aos receptores máis novos, para que cheguen a gozar, con acuidade, do fascinante territorio que estas páxinas habitan.