Na literatura de Xosé Daniel Costas Currás cabe toda a épica da beiramar conserveira, proletaria e sentimental. O seu é ir avanzando por un campo de minas da memoria, creando o mecano dos sentidos no que o enxeñeiro poetiza as loairas da lembranza que veñen prendidas do fío dos cheiros, a salgadura da vida en xeiras eternas. Un teatro do ser, monicrecado dos nosos días e traballos nun ollar transxenérico de abraio ante o esplendor da ruína.
Fundador da Lonxa Literaria de Moaña e moi activo rapsoda, Costas Currás conta os libros por premios, de Conservas (Premio Eusebio Lorenzo Baleirón) a Monicreques (Premio Novacaixagalicia), permitíndose algún interludio alternativo para a rememoración da súa Infancia de vacas mortas.
Veñen ata aquí as súas palabras caudais, reflexivas, anguladas. Chegan ata o areal como en marea viva. Convén peneirar nas crebas.
—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?
Os meus primeiros poemas publicados aparecen grazas ao premio de poesía da Universidade de Vigo, onde acadei diferentes accésits. Da edición encárgase Xerais. Canto ao contacto co libro, a partir deses poemas publicados tentei acadar libros completos, busquei no premio unha saída para chegar á publicación dos meus libros.
—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?
A miña produción individual cóntase cunha man, e sóbranme dedos, como para poder falar das publicacións e diferencialas unhas das outras. Pero o libro que máis se moveu, o que tivo máis repercusión foi Monicreques. O libro sae publicado polo Centro Pen Galicia, despois de gañar o X Premio de Poesía Novacaixagalicia. A importancia do premio fixo que tivera repercusión na prensa e nos medios de comunicación. Despois foi un traballo de mover o libro, presentalo e mergullarse con el nas redes sociais. Foi o libro que máis críticas tivo, polo que tamén axudou a difundirse.
—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
Chego ao poema ou á idea do libro de moitos xeitos diferentes, non teño manías concretas á hora de escribir. O que si fago é facer manuscritos diferentes coa estrutura do libro e cos poemas, é onde mellor os refago e retoco. Podo ter diferentes manuscritos dun mesmo libro, é por iso que emprego diferentes cadernos, guías de teléfono das axendas, calquera espazo onde poder escribir e que sexa manexable para ir corrixindo por aí.
—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?
Fuxo de grupos que poidan parecer xeracións, son bastante rariño literariamente falando e aínda ninguén me catalogou en antoloxía ningunha. Se podo escoller, gustaríame que dixesen que me escoitaron recitar cos poetas da Hostia en Verso, polo tanto xunto a Ledicia Costas, Daniel Landesa, María Lado, Xabier Xil Xardón ou Lucía Aldao, entre outros.
—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
A primeira vez que me premiaron un texto foi no ano 2008 e no ano 2011 gañei o premio Novacaixagalicia. Neses catro anos publiquei tres libros, dous deles resultado dun premio. Non se pode salientar historiograficamente nada salvo que, como moitos escritores neste país, empreguei a vía do premio para publicar e tiven sorte. Os meus libros falan eles por si. Aínda son un produto que respira nos meus libros, sen tempo para asimilalo nin para que deixase o suficiente pouso para valoralo dende esa perspectiva. Encántame recitar poesía, penso que os poemas teñen que saír á rúa sen complexos.
—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?
Non son de reler demasiado. Ultimamente teño tantas cousas pendentes de ler que intento aproveitar o tempo. Leo moitísima poesía actual en galego porque me gusta ler as propostas poéticas dos que me rodean. Formar parte do faladoiro da Lonxa Literaria de Moaña sérveme para ter que obrigarme a facer lecturas recomendadas, iso crea un espazo para a lectura e obrígate a achegarte a textos diferentes. Iso non significa que non volva a ler libros buscando poemas, ou textos, pero non collo novelas xa lidas para gozar do libro e da lectura, busco algo novo sempre.
—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
Neste momento, estamos monopolizados pola crise e todo o mal que se fai parece que está relacionado con ela. Independentemente dos problemas económicos, a cultura, a literatura, merecen mellores xestores políticos que crean en nós. Respecto á produción literaria, penso que se están facendo cousas ben interesantes, propostas diferentes, hai que seguir pensando a literatura como unha descuberta. Cando escoito ou leo poemas ou textos extraordinarios póñome feliz, porque me satisfai sorprenderme coa literatura.
—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?
Eu escribo cando sei que teño algo de que falar. Penso moito nos temas que quero tratar, para iso preciso de moitas lecturas que acompañan a escritura. Aínda que sexa un poema, teño que saber que detrás hai historia e cronoloxía, aínda que o poema ou a historia despois prescindan diso para quedar en simples versos.
—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
Atopo cousas que me gustan, outras que me fascinan e outras que sinxelamente non me gustan ou pasan desapercibidas, como en calquera sistema literario. Temos moito de escribir nós para nós, iso fai que a literatura teña un ton selectivo que prexudica a universalidade do texto. Estes anos saíron numerosas novelas dunha calidade excepcional, con moi boa acollida entre os lectores polos universos que crean. Observamos como aparecen ensaios que dignifican a nosa literatura, que a elevan pola calidade dos mesmos. En poesía hai moitísimas voces excepcionais acordes á calidade da nosa literatura. Mais, de xeito xeral, aparecen moitas inclusións literarias que semellan unha extensión das redes sociais. Por unha parte serven para difundir información literaria e por outra xeran unha gran cantidade de estados de ánimo que moitas veces se confunden con literatura. Hai que habitar esa fronteira e afastarse dela creando diferenciadamente.
—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
Agradecerche o traballo que fas a través da túa blogue, Criticalia, pola literatura de nós. Grazas por escoitarnos, facilitarnos a difusión dos nosos libros e dedicarte con alegría ao traballo voluntario da crítica literaria, imprescindíbel para un sistema literario normalizado.