O poeta e ensaísta Xosé Lois García tenlle collido a medida á xeira escolmadora. Regresa agora a ela coa Antoloxía poética da escola labrega luguesa, selecta publicada baixo os auspicios da colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra, que afianza así a súa andaina tras o excelente comezo que supuxera O asombro e o máis recente Novas_de poesía. 17 poetas.
Esta Antoloxía poética da escola labrega luguesa engade un subtítulo revelador: ‘De Leiras Pulpeiro a Uxío Novoneyra’, autores que balizan cronoloxicamente o período literario ao que pertencen os creadores escolmados e que coinciden, todos eles, en incorporar ás súas creacións a nidia pegada do rural campesiño lucense.
García dispón un amplo e informativo “Prefacio” no que achega unha panorámica da escrita dos poetas antologados, sete voces senlleiras que revelan estreitos lazos xeoliterarios entre eles: Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Xosé Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé María Díaz Castro constitúen o dream team da escola mindoniense (apenas se faltaría o gran Cunqueiro, tan pouco paisaxista el); a maiores, Manuel María (chairego maior) e Uxío Novoneyra (o courelao por antonomasia).
Representativa e moi variada, esta selecta á que convida García inclúe algúns moi coñecidos versos destes autores a canda outros menos divulgados, mais non de menor interese, o que asegura o atractivo da obra.
A Antoloxía poética da escola labrega luguesa conta cunha cuberta que reproduce un curioso gravado do propio Novoneyra, o lobizorricán, perfecto limiar visual para esta escolma, que aínda amece unhas útiles fichas biobibliográficas finais para completar un volume tan preciso coma precioso.