Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 30 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o álbum infantil Suleiman y Salúa de Francisco X. Fernández Naval e Ali Ali (I, 5’50); o disco-libro Toc Toc de Pablo Díaz (I, 8’50 e II 0’00); o ensaio Para que nos serve Galiza? de Xaime Subiela (II, 1’50); a novela Matarte lentamente de Diego Ameixeiras (II, 4’30) e a antoloxía Novas_de poesía. 17 poetas (II, 4’30 e III, 0’30),da que lin poemas de Mario Regueira (III, 6’40) e mais de Xiana Arias (III, 7’50).
Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.
Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.
A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.
Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.
Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.
Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.
As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.
Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.
A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.
Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.
Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]
@s amig@s do Diario Cultural da Radio Galega emitiron o día de San Xoán un especial dedicado á figura de Xosé María Díaz Castro, o poeta guitiricense ao que a Real Academia Galega decidiu dedicar o Día das Letras Galegas do 2014.
Con tal motivo, Ana Romaní, Xiana Arias e mais Anxo Quintela recuperaron unha batería de entrevistas realizada hai agora un par de anos, cando se cumpriu o cincuentenario da publicación de Nimbos, título referencial da poética do autor.
Claudio Rodríguez Fer, Pilar Pallarés, Xosé Manuel Salgado e o que escribe intervimos para dar o noso parecer sobre da traxectoria vital e literaria do escritor, salientando a súa importancia e o indiscutible papel protagónico que o autor de “Penélope” ten na nosa literatura da pasada centuria.
Clicando aquí accederes á páxina na que poide escoitarse o corte coa gravación completa, sen dúbida un excelente aperitivo do que ha ofrecer o ano Díaz Castro.
Nos últimos tempos teñen sido varios os volumes nos que a literatura de noso foi vertida á lingua inglesa. Así sucedeu, poño por caso, coas amplas escolmas de Jonathan Dune (Anthology of Galician Literature, 2010) ou Antonio Raúl de Toro Santos (Breogán’s Lighthouse: An Anthology of Galician Literature, 2010). Nesta mesma liña, implementada coa achega de translacións gaélico-irlandesas, avanzaTo The Winds Our Sails, volume coordinado pola poeta Mary O’Donell e mais a profesora Manuela Palacios, que foi publicado pola prestixiosa editora insular Salmon Poetry.
O que O’Donell e Palacios propoñen fica ben definido no propio subtítulo da obra: Irish Writers Translate Galicia Poetry; é dicir, unha tradución de poesía galega realizada por escritoras irlandesas. E emprego o feminino deliberadamente, pois esta é unha tradución xenericamente marcada, onde as voces galegas antologadas foron mulleres e tamén as súas tradutoras se procuraron maioritariamente entre colegas das illas, nun intento de reivindicar a visibilidade da poesía de muller tanto na nación irlandesa coma na nosa propia.
Deste xeito, seleccionáronse de entre as poetas galegas vivas unha decena de nomes que representasen a pluralidade de xeracións e liñas de creación que na actualidade conviven no noso espazo literario. Así, xunto a veteranas de promocións precedentes como Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg e Xohana Torres, escolmáronse escritoras que se deron a coñecer principalmente a partir dos anos 80 do pasado século (Marilar Aleixandre, Ana Romaní e, un pouco máis tardiamente, Chus Pato e Luz Pichel) e, por remate, autoras que se revelaron ben andados os 90 e mesmo xa ultrapasado o milenio (María do Cebreiro, María Lado e Xiana Arias).