Ollando a través de A Xanela

xanela 38A Xanela, Revista Cultural das Mariñas, anda xa polo número 38 nos seus preto de vinte anos de vida. Chégame agora esta nova entrega da cabeceira coordinada por Suso Torres e volvo revalidar a positiva opinión respecto do intenso labor de promoción e difusión cultural levado a cabo pola Asociación Eira Vella de Betanzos, quen nesta ocasión non quixo deixar de lembrar o pasamento do guitarrista, escritor e actor Xulio Cuns Lousa, betanceiro do 26 que tristemente nos deixou o pasado ano e ao que vai dedicado este número.

Ollando a través de A Xanela poden verse textos de creación en prosa e verso en galego de Elena Veiga Rilo, Nora L. Salgueiro, X. H. Rivadulla Corcón, Manuel Fiaño Sánchez, Vanesa Santiago e mais Gabriela Rodríguez e, xa na irmá lingua lusa, do angolano Namibiano Ferreira e tamén de Maria Virgínia Monteiro.

A entrega complétase con gráfica humorística de Víctor Tizón e Sabela Arias e articulística de tema histórico, patrimonial, musical e doutro xorne da autoría de Xosé María Veiga Ferreira, Juan Sobrino Ceballos, Moncho do Orzán, Manuel B. Dans, Maxi Rei, Rafael Balsa de la Vega e Xosé Luis Sobrino. Completa a nómina o texto “Xulio Cuns (1926-2014), unha vida na cultura”, onde Torres Regueiro realiza unha garimosa semblanza do amigo ido e as súas achegas á nosa cultura.

Dá gusto asomarse a A Xanela e contemplar como a creación, o ensaio, o humorismo e a memorialística gozan de boa saúde nas mans dos betanceiros da Asociación Cultural Eira Vella. Faremos votos por que así siga sendo por moitos anos.

Rosalía de conto

Esta semana na que andamos, sabido é, vén sendo de obrigada cita rosaliana pola efeméride do seu cabodano. Mais desta volta vira un moito especial en tanto en canto coincide no ano en que celebramos, tamén, o sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos.

Con tal motivo, diversas iniciativas foron xurdindo no país nos últimos meses e, así, hai nada soubemos da aparición dun retrato inédito, un suposto autógrafo da escritora e un manuscrito reproducindo un outro texto sobre ela e aínda estes días a fundación que leva o nome da autora está a desenvolver un ciclo de xuntanzas con varias actividades.

Pois ben, sumándome á onda admirativa e rosaliófila, quero hoxe destacar aquí a oportuna edición facsimilar do durante moito tempo coñecido como “Conto gallego” de Rosalía realizada pola Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos con motivo do aínda recente cento setenta e cinco aniversario do natalicio da escritora.

Este traballo opuscular vai precedido dun valioso artigo do estudoso Xesús Torres Regueiro que fora publicado, inicialmente, na revista Grial (195, 2012). O texto, resumidamente, explica o seguinte, moi pertinente para comprender o facsímile ao que precede: o relato que se exhumara de xeito póstumo en 1923 co nome de “Conto gallego” e a atribución deste a Rosalía foi obxecto de revisión pola profesora María do Carme Ríos Panisse en 1995, quen descubriu que non era propiamente inédito, pois aparecera publicado como folletín no periódico El Avisador da Coruña en 1864, aínda que alí figuraba asinado só coas iniciais R. C., o que fixo dubidar a esta analista da súa autoría. Grazas á descuberta dunha segunda edición de 1868 en El Eco Ferrolano —que é a que aquí se facsimila co título co que apareceu, “Contos da miña terra”— confirma a autoría, inequívoca, de Rosalía Castro de Murguía, nome marital co que era adoito asinaren as esposas neste tempo. Canto ao título, parece insinuar a idea dunha serie que, de existir, se perdeu, aínda que é posible que nunca fose continuada pola autora e se esgotase nesta primeira e única entrega.

Acompaña esta edición facsimilar, amais do artigo sinalado, o sobradamente coñecido retrato de Rosalía realizado a carbón por Antonio Portela sobre o orixinal de Luis Sellier, tras do que aparecen as vinte e dúas planas deste folletín de 15,5cm X 18,5cm. amarelado polo pasar do tempo.

Benia á Asociación Cultural Eira Vella, á que tantos e tan salientables esforzos a prol da nosa cultura debemos, e a Xesús Torres Regueiro por axudar a recuperar un retalliño máis dese perfil que, aos poucos, vai conseguindo esbozarse de quen é a nosa máis transcendental e gabada autora.