Ames literaria

Como cada ano dende hai xa oito o Concello de Ames publica nun volume os traballos distinguidos no seu Certame Literario. Relatos curtos e poemas de participantes que concursan en categorías infantís, xuvenís e de adult@s e que son premiad@s por un xurado de creador@s e crític@s designado polo propio concello coa axuda da AELG.

Nesta ocasión foron case unha vintena os textos recollidos neste libro do VIII Certame Literario Concello de Ames: seis correspondentes a contos e poesías de concursantes ata os trece anos, outros tantos de moz@s ata os dezaoito e outra media ducia de propostas para maiores de idade.

Desculparáseme que non me deteña en todos e cada un dos textos do volume —secasí, para os que queiran saber a relación completa d@s premiad@s figura no etiquetado do post—, pois conformareime con salientar tan só algúns dos que, ao meu ver, sobrancean no conxunto.

É o caso do relato de desamor “Zume con cabezas” do noiés Ismael Ramos Castelo, gañador na modalidade de narrativa entre os catorce e dezaoito anos, unha historia con finura psicolóxica abonda e sutil manexo do rexistro humorístico, calidades que contrastan coa prosa fragmentaria e calidoscópica mais tamén sentimental de “Porcións”, de Lara Porto Mato, segunda nesta mesma categoría.

Est@s autor@s son tamén primeiro e terceira premiad@s na súa categoría de poesía, revelándose el como poeta do metaliterario e xogo imaxinístico e ela do amatorio e o marítimo.

Xa entre @s adult@s, o texto máis sólido, con moita diferenza, é o de todo un consagrado como Xesús Manuel Valcárcel, narrador que regala aquí unha peza curta de extraordinaria factura, “Selección persoal”, lograda parábola verbo da presión do grupo sobre @s individu@s e o afogamento da liberdade do eu na disolución asolagadora da masa atafegante.

A canda o relato de Valcárcel merecen nomearse a prosa irónica de Lois Pérez Díaz en “O voto da escultora” e a contística evocadora e rememorativa de María Xosé Ónega Filgueira en “Proxeccións”.

Da súa parte, a poética de Marcela Porto Mato —irmá da amentada Lara e da tamén escritora Andrea— en “Pentágono” gañou o favor do xurado na categoría para @s máis nov@s pola súa clave de cifra simbólica e amor de beiramar.

Finalmente, na categoría de poesía para maiores de dezaoito foron o verbo desconforme e acendido de Natalia Alonso Ramos en “Desexo”, a erótica entregue de Cruz Martínez Vilas en “Atraídos por un choque de feromonas” e mais a arquetípica d@s amantes complementari@s de Xosé Daniel Costa Currás en “Amantes de maínzo” @s que acadaron os galardóns.

Por xunto, xa que logo, os textos reunidos neste VIII Certame Literario Concello de Ames ofrecen un mosaico diverso de estilos e temas nos que escritor@s máis coñecid@s e noveis comparten protagonismo e fan deste premio un referente no seu xénero. Un logro polo que cómpre felicitar ao Concello de Ames e, moi especialmente, á súa Técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro, secretaria do concurso e verdadeira alma mater deste feliz evento ao que lle desexamos moitas futuras convocatorias.

O simbolismo transcendente do Camiño a Compostela

Da man de Bubela Editorial o poeta, narrador e ensaísta Xesús Manuel Valcárcel presenta a súa última monografía, Un novo Camiño a Compostela. A vía sentimentalista, volume no que prosegue a aposta (in)formativa e doutrinaria desta nova filosofía vital e artística á que o autor lucense deu en chamar senti_MENTAL_ismo.

A obra, que ten como principal razón de ser o espallamento do ideario sentimentalista, é tamén, asemade, un lúcido argumentario sobre a historia e teorías priscilianistas, de radicación eminentemente compostelás, pois Valcárcel defende —como xa fixeron outros antes del— que quen fica soterrado na cripta da catedral non é senón Prisciliano.

Coas ensinanzas daquel heterodoxo —que, en pleno século IV, chegou a ser nomeado bispo de Ávila e causou unha escisión tan profunda no catolicismo peninsular que os seus seguidores mantiveron viva a práctica cotiá das súas ensinanzas durante máis de tres séculos— tracexa Valcárcel unha ponte que o conecta co senti_MENTAL_ismo, nunha sorte de “continuidade secreta” na que conflúen ambas as dúas cosmovisións do simbólico transcendente e que ten, amais, o seu particular vieiro iniciático e místico, dende Trier (escenario no que é axustizado, martirizado, Prisciliano) ata Compostela (espazo irradiante a onde o traerían os seus discípulos para darlle terra), pasando por outros lugares emblemáticos para o religacional como París, Tours, Bordeaux, Donostia, Santander, Ovieu e Roméan (enclave lugués sé do senti_MENTAL_ismo).

Para aqueles que anden á procura dunha nova visión sobre o Camiño a Compostela, que queiran profundar na esencia espiritual do mesmo e gusten de ser sabedores da súa tradición priscilianista e a súa herdanza en actuais filosofías como a sentimentalista, este libro ha ser unha suxestiva guía que os sorprenderá en máis dun sentido.

Poetas senti_MENTAL_istas

Vai agora para os cinco anos que botaba a andar a aventura literaria da Editorial Bubela. Neste tempo, teñen sido varias as voces importantes que viron impresos os seus versos no selo, que na súa breve pero intensa andaina se confirmou xa como unha plataforma referencial para a poesía de noso.

Con tal motivo, os responsables da editora coidaron que era ben dar a luz unha escolma na que se reunisen algunhas composicións representativas da escrita das autoras e autores que, ata o de agora, foron sumándose á xeira creativa de Bubela.

Os encargados de levar a cabo esta selecta foron os profesores —e, tamén si, poetas— Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira, que xunto a outros cinco escritores integran o septeto de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de Fundación, longo título co que se presenta esta obra.

Por tanto, amén dos poemas de Matalobos e Patiño, reprodúcense aquí versos de César Arias, Cristina Ferreiro Real, Xesús Alfonso Parada, Mariña Pérez Rei e Xesús Manuel Valcárcel, todos eles autores senti_MENTAL_istas, ou o que é o mesmo, voces que propugnan un rebelde stil nuovo non suxeito a escola ningunha e decididamente instalado nunha vangarda anti-institucionalizadora, heterodoxa e alternativa que se afirma na loita contra a hexemonía do mercado, a banalización e infantilización dos contidos e o politicamente correcto, convencidos da necesidade da liberdade creadora e a autoesixencia artística superadora da formulística lírica caduca.

Seguir lendo