Ética e estética de Manuel García Barros

A figura de Manuel García Barros érguese como a dun xigante ético que atravesa dende finais do século XIX ata o último cuarto do século XX. O seu galeguismo indobregable —polo que foi castigado co cárcere en varias ocasións—, o seu anticaciquismo firme, o seu espírito librepensador, a súa defensa da causa dos menos favorecidos socialmente e os máis humildes e a súa adhesión inquebrantable á bandeira da lingua e da cultura propia fan del un exemplo de entrega e enteireza que hoxe, máis ca nunca, cómpre recoñecer e admirar.

Por iso a recuperación da súa escrita é tan valiosa. Porque (re)lendo o que verteu sobre o papel será máis doado comprender ata que punto o seu legado segue a ser, case medio século despois do seu pasamento, modélico e inspirador.

Conscientes desta verdade palpitante, os investigadores Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono, ambos e dous estradenses e conterráneos de García Barros, veñen de publicar Estampas desde o Val. Artigos xornalísticos 1901-1963, unha moi ampla recolleita de ensaios do autor que compila case medio cento de textos nos que se condensa o esencial do seu pensamento sociopolítico, cultural e lingüístico.

A presente escolma pon por xunto obra producida ao longo de máis de seis décadas, fundamentalmente publicada en xornais de época, pero tamén nalgúns casos estritamente inédita. Ao ter visto a luz en etapas históricas e momentos sociais ben diferentes (dende a monarquía de Alfonso XIII ata a ditadura franquista, pasando pola II República e a Guerra Civil), as temáticas e motivos tratados varían moito. Deste xeito, conviven dende ensaios centrados nos costumes, idioma e símbolos de noso (a música tradicional, figuras históricas como a do Mariscal Pero Pardo de Cela, viaxes galeguistas ao Pico Sacro, apoloxías da lingua), pasando por textos especificamente políticos (sobre o Estatuto de Autonomía, o anticaciquismo ou o galeguismo), ata aqueloutros máis atentos á actualidade sociocultural da súa Estrada natía (pranto polo pasamento dos irmáns Valladares e outras realidades da bisbarra ullá).

Cómpre salientar nestas prosas de García Barros a eficiencia do seu didactismo: sen descoidar a fasquía máis estética, os textos non perden nunca de vista o afán intervencionista, pois foron maioritariamente publicados en medios que pretendían chegar ao pobo e mobilizalo, polo que na súa redacción o afán literario aprendeu a convivir coa transmisión diáfana das ideas a un público xeral.

Aparecidos en El Eco de Galicia, El Emigrado (sobre todo), A Fouce, Céltiga, El Áncora, El País de Pontevedra, Galicia, A Nosa Terra e Vieiros, cando non inéditos, estes ensaios poñen de manifesto tamén a coherencia e fidelidade de García Barros aos seus principios democráticos e galeguistas, o que coa chegada da ignominia franquista lle causou graves prexuízos, pois case octoxenario foi preso e xa antes perdera a posibilidade de exercer o maxisterio, mais non cedeu ás presións persoais e familiares e mantívose firme ata o derradeiro alento.

Oportuna e meritoria esta edición de Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono de Estampas desde o Val. Artigos xornalísticos 1901-1963, un volume que actualiza para as novas promocións a figura senlleira de Manuel García Barros, exemplo de dignidade, de compromiso e de talento ao servizo do país e da súa xente, que ha merecer sempre admirativo aplauso e rendido agradecemento.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 24-5-2020]

Manuel García Barros, insubmiso

manuelgarciabarrosManuel García Barros é unha desas voces sen as que é imposible entender o discurso cultural e literario do pasado século, pero que, por razóns non doadas de determinar, por veces semella non estar o suficientemente presente ou non merece toda a consideración que sen dúbida gañou pola súa entrega, polo seu exemplo e polo seu legado.

Galeguista de cerna, mestre republicano que sufriu as represalias do bando sublevado coa suspensión no corpo docente, labrego e convencido loitador agrarista, o seu camiño vital está vencellado ás Irmandades da Fala e ao Grupo Nós, mais ao ter gozado dunha longa existencia (naceu en 1876 e finou en 1972, noventa e seis anos de xenerosa andaina a prol da causa de Galicia), coñeceu e tratou a case toda a intelectualidade galega do seu tempo.

A García Barros debémoslle un dos conxuntos de relatos que mellor reflicte a idiosincrasia da nosa xente: Contos da terriña, volume publicado en 1930 que recolle textos que fora dando a coñecer no periódico estradense El Emigrado, do que foi redactor xefe. A maiores, son tamén froito do seu quefacer a peza teatral Carta da Habana (1926) e diversas obras póstumas, entre as que salientan as Aventuras de Alberte Quiñoi, que viron luz en 1972, poucos meses despois do seu pasamento, pero que levaban escritas preto de trinta anos.

Case medio século despois do seu finamento parecía pouco probable que puidese compoñerse un novo libro con textos seus. Mais se hai alguén que podía vencer en tal desafío eses son os investigadores garciabarrianos Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono, que veñen de publicar A pluma insubmisa. Ensaios inéditos, un volume no que deron ao prelo tres ensaios que permanecían ata o de agora entre a documentación legada polo escritor: “Divagacións verbo do discutible e o indiscutible”, “Para a caixa de correo do Padre P.” e mais “O que se leva deste mundo. Resposta a Lidia”.

García Barros, moi dado ao emprego de pseudónimos como o seu famosísimo Ken Keirades, asinou estes textos como Fulgencio Tizón, revelando xa no seu propio nome literario o carácter ardente e polémico destes traballos. Escritos entre 1939 e 1945, naceron no momento no que o autor se viu máis castigado polos réxime franquista, privado da súa profesión docente, suspendido de emprego e soldo e obrigado a se refuxiar nos labores agrícolas. Non é de estrañar, polo tanto, que neles desenvolva unha acendida argumentación antibelicista, se ben o motivo principal de non poucas da súas páxinas é a defensa dos postulados anticlericais dende posicións cientifistas, non exentas de fundadas acusacións de conivencia entre a xerarquía eclesiástica daqueles anos e o fascismo dos mandatarios sublevados.

 A carón deste anticlericalismo e pacifismo radicais estas páxinas engaden tamén xuízos a prol do que hoxe denominariamos principios ecoloxistas, mais tamén de reivindicación do ensino como antídoto a toda ignorancia maliciosa, de defensa da igualdade social e de progresismo.

Escritos nunha prosa diáfana que gaña polo seu didactismo, estes ensaios completan a coñecemento da admirable obra de Manuel García Barros, intelectual comprometido coas causas da xustiza, a liberdade de pensamento e a cultura expresada na nosa lingua. Cómpre agradecer a Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono tan valioso traballo de recuperación, que complementan cun documentado estudo introdutorio a propósito da orixe e sentido dos textos. Oxalá este libro volva poñer o foco sobre a figura de Manuel García Barros e gañe para a súa escrita novos lectores, será sinal de que algo vai mudando e de que o recoñecemento unánime e a necesaria actualización da súa memoria se abren paso.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 28-7-2019]