A música das palabras

cedesliterariosPor fortuna, cada vez son máis numerosos os traballos nos que música e poesía galega se dan a man. Nos últimos tempos ten visto a luz unha notable cantidade de discos nos que son musicados temas literarios de noso, o que resulta unha agradecida sinerxía para ambas as partes, pois os músicos contan con letras de indubidable calidade artística para as súas pezas e, pola súa banda, as e os poetas poñen voz á súa escrita, vendo como cobran vida alén do papel.

Hoxe quero referirme a tres destes cedés nos que poesía e música son un todo lírico que nos lembra, máis unha vez, que, nas súas orixes, os versos todos dos diferentes pobos naceron para ser cantados e que é no canto onde se ven enfatizados os ritmos e cadencias que caracterizan harmonicamente os poemas.

Así acontece en Sedia la fremosa, o disco do grupo Manseliña que publica Lindoro, no que se recollen trece temas que recrean cantigas medievais e tradicionais do noroeste hispánico. Os catro compoñentes de Manseliña (a saber: María Giménez como voz do grupo e intérprete de fídula e percusión; Belén Bermejo co órgano portativo; Pablo Carpintero nos aerófonos tradicionais e percusión; e Tin Novio para o laúde e cítola) envolven en música varias cantigas de Martin Codax e Alfonso X e unha de Estevão Coelho, mais suman a esta lírica trobadoresca os ritmos da música tradicional incluíndo un alalá de Noia, unha cantiga de segada, un romance, un valse de Ribarteme, unha muiñeira de Ameixenda e unha cantiga do liño, entre outros. Por xunto resultan unha admirable fusión ou contrafacta que anoa músicas de diferentes ámbitos (o cortesán e o popular), reconstruíndo alí onde as partituras conservadas non ofrecían información como debían de soar estas cancións milenarias. Un traballo, xa que logo, para escoitar con deleitación, tanto pola magnífica voz de María Giménez coma pola sonoridade evocadora que todo o grupo consegue, transportándonos melodicamente ao fascinante mundo das cantigas de amor e amigo e dos cantos marianos.

Unha liña moi diferente é a que anima o disco Literaria, do cantautor ferrolán Miguel Alonso. Os once temas que compoñen o seu traballo parten de poemas de autoras e autores coetáneos, que van dende Marta Dacosta a María Castelo, pasando por Toño Núñez, Miguel Alonso Diz, Ramiro Vidal Alvarinho, Iolanda Aldrei, Xavier Frias, María José Fernández e Xosé Iglesias. A música que os acompaña ensaia diferentes modulacións, que beben do pop e o blues, sen esquecer os toques rock e os aires soul. Un cedé, cómpre dicilo, no que á voz de Miguel Alonso (tamén guitarrista e intérprete de mandolina, piano, teclados, harmónica e loops) se suman a batería e percusión de Iago Blanco, o baixo de Suso Pereiro, o acordeón de Abel Pérez e coros e recitados de Irene Quinteiro, Óscar Martínez, X. M. Lago, Miguel Alonso Diz e Xosé Iglesias. Toda esta enerxía común e o crowdfunding previo fixeron posible que o disco cobrase vida nunha produción de autor, á que contribuíron tecnicamente Pequeno Desastre Records e mais Drum & Roll Studios.

Por remate, non quero deixar pasar a ocasión de recomendar tamén Lueiro, o álbum musical de Xardín Desordenado que edita Sul Producciones coa colaboración dos concellos de Fornelos de Montes e O Grove e mais da Deputación de Pontevedra. Neste traballo, os compoñentes de Xardín Desordenado (isto é: a prodixiosa voz de Marlene Rodrigues; Santiago Ferragud tamén na voz mais guitarra e composición musical; Isaac Garabatos á guitarra e nos arranxos, composición e produción musical; Lorenzo Boo co baixo; e David Outomuro nas percusións) poñen clave a oito poemas das escritoras e escritores distinguidos no Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey e do autor que dá nome ao certame. Así, amais das deste, cántanse composicións de Eli Ríos, Silvia Penas, Isaac Xubín, Luís Valle, Antón Lopo e Marcos Abalde que forman parte dos poemarios cos que foron galardoados, o que asegura a variedade e calidade das letras que, con tanto ben como é adoito, interpretan os Xardín Desordenado.

Poesía para oír ou música para ler sonoramente, como se prefira. Moito e moi bo onde escoller mercé ás suxestivas e ben diversas propostas de Manseliña, Miguel Alonso e Xardín Desordenado, tres apostas gañadoras escóitense por onde se escoiten e léanse por onde se lean.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 21-4-2019]

25 anos de espírito PEN

[Para o amigo Miro Villar,
polo que el e eu sabemos]

anelida piñon, xose luis mendez ferrin, manuel rivas, luis gonzalez tosarA poesía é o gran milagre do mundo, dicía Luís Pimentel. O mundo é un gran poema milagroso, digo eu. A palabra, as palabras son a arxila esencial que une vontades e acompaña os espíritos no fragor dos traballos e dos días.

Foi esa singular comuñón pola verba a que experimentaron os asistentes á VI Bienal Literaria en Compostela o 2 e 3 de outubro na Cidade da Cultura. O Gaiás santiagués deixouse habitar por animais literarios que quixeron celebrar o XXV Aniversario do Centro PEN Galicia, a entidade que organizou o encontro no que participaron poetas, narradores e outros axentes culturais tanto galegos coma foráneos nunha concelebración interxeracional onde as pontes literarias se transitaron amablemente.

elena_zernovaE esa foi a unción pola palabra que fixo que tres astros do firmamento literario como son Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas compartillasen unha mesa de clausura na que as complicidades revoaban arredor dos relatos orais e onde Piñón fixo boa a súa ascendencia cotobadense recoñecéndolle un papel decisivo na simbólica da súa escrita e Rivas pronunciou un máxico e entrañable discurso de recepción na academia dos afectos á súa amiga carioca. Da súa parte, Méndez Ferrín lembrou como o PEN internacional estivera ao seu carón cando en 1972 botou dous anos na cadea (Penal do Dueso) pola inquina franquista. Un triángulo de tanta altura literaria que, coma un imantador buraco negro da palabra, acabou por mergullarnos a todos os que vivimos o momento nun océano de luz e letras, unha reunión histórica que, quen sabe, talvez non sexa doado que se repita, pois ben poucas veces tres púlsares escintilan por xunto para iluminar a galaxia toda e espaventar tantas sombras da orfandade.

Velaí foi a inesquecible coda. Mais as xornadas comezaran xa o día anterior coa sesión de apertura e os discursos de benvida de Beatriz González Loroño, Directora-Xerente da Fundación Cidade da Cultura, María Ángeles Antón Vilasánchez, Concelleira de Cultura e Patrimonio en Compostela, Luís González Tosar, Presidente do Centro PEN Galicia e mais Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Eles foron os primeiros en poder ver o magnífico traballo videográfico que, para ocasión, creou Xabier Castro Martínez, Director do PEN galego, unha peza na que se leva a cabo unha sintética historia en imaxes do que foi a andaina do noso PEN neste último cuarto de século e que podedes ver ao final deste post.

narradores xornalistasAs sesións propiamente literarias comezaron a última hora da mañá do xoves 2 coa mesa redonda “Narradores xornalistas hoxe”, xuntanza que moderou Xesús Fraga na que interviñeron Camilo Franco, Santiago Jaureguizar, Luís Pousa e Juan Tallón, todos eles, en efecto, xornalistas e narradores, que, con posturas complementarias que abriron un fértil diálogo en contrapunto, debateron sobre a difícil e complexa maridaxe de periodismo e ficción, un matrimonio para algúns imposible e para outros inelutable.

Á tarde dese mesmo día un recital poético-musical deunos a oportunidade de oír na voz dos Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferraguz e Isaac Garabatos) os versos de Díaz Castro, Novoneyra, Álvarez Blázquez, Blanco-Amor, Manuel María e Rosalía de Castro e tamén de escoitar os recitados dos novos valores da nosa lírica representados por Alba Cid, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Mario Regueira e Dores Tembras, entre os que oficiou como experimentado guieiro Román Raña, unha asemblea poética que arrequeceu coas palabras da profesora da Universidade de San Petersburgo Elena Zernova, quen non quixo faltar á cita e deixou para os que alí estaban a regalía de escoitar en ruso “Penélope” dando conta da tradución a este idioma de Nimbos. Do saber facer de todos puiden gozar en primeira liña, pois honreime presentándoos.

recital poetasA primeira xornada da Bienal rematou coa intervención do poeta e ensaísta arxentino Roberto Alifano, quen nos convidou a revistar a “Borges e o xardín de conversas que se bifurcan” nunha animada conversa co seu presentador, Luís Alonso Girgado, na que repasaron os principais episodios da literatura non só de Borges, senón tamén Julio Cortázar, Adolfo Bioy Casares, Francisco Luís Bernárdez e moitos outros.

O segundo día comezou na sesión matutina coa mesa “25 Anos do PEN Galicia: Novelistas”, na que, moderados por Inma López Silva (tamén ela narradora), participaron Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias, que fixeron un balance dos pros e contras que viviu a prosa galega nos últimos tempos e onde se cuestionou a vitalidade da novela, os camiños do seu futuro e os pasos que nos trouxeron ata aquí.

mesa poetasPola tarde, unha última mesa de “25 Anos do PEN Galicia: Poetas” proporcionounos a ocasión de escoitar a radiografía lírica destes lustros que realizaron o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a poeta e ensaísta María do Cebreiro e mais o poeta e libreiro Modesto Fraga. O tríade, magnificamente conducido polo profesor e crítico Luciano Rodríguez, abordou os avances e desacertos da nosa poesía recente dende ancos ben diversos: a taxonomía xeracional de discurso (meta)teórico de María do Cebreiro, a conxunción da visión do editor de Espiral Maior e creador que achegou Fernán-Vello e a praxe e vivencia como poeta deste tempo de Fraga.

O remate regalounos o amentado encontro con Piñón, Méndez Ferrín e Rivas, broche de ouro desta VI Bienal Literaria en Compostela na que conviviron poetas e narradores, xornalistas e estudosos, galegos por nacenza e por querenza, confrades de letras todos que durante dous días irmandaron o seu camiñar, enchoupándose do espírito PEN para lembrarnos, máis unha vez, que o milagre da vida é a poesía e existir sen a palabra é un vivir demediado. Por iso xuntanzas coma esta son tan necesarias en tempos prosaicos.

a                                    

Crónica de Baires (II)

Baires é coma un dragón durmido. Se te deixas arrastrar pola corrente, acabará por devorarte, o que, neste caso, vale tanto como dicir que te obviará. Sabedores de que o movemento se demostra andando, a delegación galega que este ano participa nos eventos que xiran arredor da Feira do Libro da cidade —unha das dúas mellores de Hispanoamérica e tamén unha das mellores do mundo— multiplicou os seus esforzos nestes dous últimos días.

O venres 25 foi o Centro Lalín o que acolleu a esta delegación para que o Terzo da Fala tivese unha intensa e emotiva reunión na que a literatura e o idioma, a vivencia migratoria e o sentimento de galeguidade foron os eixos principais arredor dos que xirou a conversa que, da parte arxentina, estivo presidida por Gisela Barbeito e, da banda galega, contou coa asistencia do Secretario Xeral de Cultura Anxo Lorenzo, a Subdirectora Xeral de Bibliotecas Cristina Rubal, a membro do Gabinete de Cultura da Secretaría Xeral María Barallobre, o Presidente e Director do Pen Clube de Galicia Luís González Tosar e mais Xabier Castro Martínez e o periodista Luís Pousa.

Xa pola tarde, e tras a presentación por parte de María del Carmen Porrúa do novo número da revista valleinclanesca Cuadrante e doutros textos do stand galego da Feira, tivo lugar na Sala Roberto Artl un acto musical e literario verbo de Díaz Castro no marco da xornada de literatura e cultura galegas que a delegación galega levou á Feira e que incorporou tamén unha presentación de diversas publicacións diazcastrianas preparadas por González Tosar, Pousa mais eu baixo a moderación de Lorenzo, nun acto que rematou coa soberbia actuación de Xardín Desordenado.

Na xornada do sábado 25 achegouse a delegación ao Centro Galicia novamente, onde, entre outras cousas, recuncouse na idea do acto literario-musical, que contou con recitadores dos textos diazcastrianos como os amentados Pousa, Castro ou González Tosar con intervencións de Lorenzo e Peleteiro como máximas autoridades do encontro.

De por parte, varios destes eventos tiveron como inmellorable colofón a actuación do trío Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferragud e Isaac Garabatos), quen espallaron coas súas imantadoras melodías os acordes poéticos de varios poetas de noso entre os que, xaora, non faltaron os de Díaz Castro.

A cosmópole do Sur foi sabendo, así, da nosa literatura, da fala de noso, da cultura que ao mundo regalamos. Ogallá o futuro nos depare novos e vizosos froitos desta unión arxentino-galega que tanta historia xunta nos fixo xa andar e, de seguro, seguirá a facernos camiñar.

Crónica de Baires

Escribo estas liñas dende ese territorio singular que o patriarca don Ramón Otero Pedrayo non dubidou en alcumar cosmópole suramericana. Buenos Aires, Baires para os porteños, acolle estes días diversas iniciativas que procuran a difusión e coñecemento da figura de Xosé María Díaz Castro entre a colectividade galega da capital arxentina e non só.

Nese empeño de divulgar a biopoética diazcastriana no día de onte tiven a honra de participar nun acto no Colexio Santiago Apóstol onde, tras ser recibidos polo responsable da Delegación da Xunta en Arxentina, Luís González Tosar (en calidade de escritor galego-arxentino e especialista en Díaz Castro), Anxo Lorenzo (como representante institucional) e mais eu puidemos dirixirnos ao público asistente (autoridades, docentes e, sobre todo, alumnado deste particularísimo centro bilingüe galego-castelá en pleno pulmón da América do Sur) para achegarlles a vida e obra do autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

Logo da entrega dunha distinción (a Rosa dos Ventos, concedida polo alumnado do propio centro) a González Tosar como importante persoeiro da comunidade galego-arxentina e dunha memorabilísima actuación musical do grupo Xardín Desordenado (isto é, Marlene Rodrigues, Santiago Ferragud e Isaac Garabatos, quen interpretaron temas de Rosalía, Darío Xohán Cabana, Xosé María Álvarez Cáccamo e unha versión extraordinaria de “Ai, capitán” de Díaz Castro), tiven a fortuna de asistir xunto coa restante delegación galega (os amentados e aínda outros representantes culturais e institucionais como Cristina Rubal, María Xosé Barallobre e Xabier Castro Martínez) a unha visita guiada ás instalacións do centro, no que se custodian materiais de gran valor documental e histórico-artístico e cultural, como, poño por caso, algún cadro orixinal de Castelao e mais Seoane e aínda outros efectos destes dous xenios literarios.

Tras desta mesa redonda diazcastriana nas dependencias do Colexio Santiago Apóstol (sito nas dependencias da ‘cuadra’ que o Centro Galicia rexenta no popular barrio Balbanera), a tarde deparounos unha moi agradable e enriquecedora visita á sede da Academia Arxentina de Letras, onde puidemos facer entrega dalgunhas publicacións sobre Díaz Castro e outros autores que dende agora figurarán tamén na magnífica biblioteca desta institución que atesoura máis de 130.000 volumes.

A xornada rematou coa visita ao Museo da Emigración (MEGA) en Chacabuco (guiada polo  bibliotecario Miguel Chiloteguy) na fregresía de San Telmo e un outro acto na Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, onde o presidente da mesma, o grovense Francisco Lores, presentou o volume Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida editado agora baixo o selo bonaerense de Alborada, evento no que participamos, a canda Fernando Lores (prologuista da obra) os citados Anxo Lorenzo, Luís González Tosar e mais eu.

Intensa e proveitosa xornada na que puidemos achegar a distintas persoas de ben distintos ámbitos a maxia da palabra diazcastriana, facendo patria literaria nunha cidade e uns espazos imprescindibles para ben comprender a nosa historia sociocultural e artística.