Efervescencias poéticas

Miriam ReyesDei gorentoso remate á lectura de Punto de ebullición, antoloxía de poetas galegos das últimas xeracións publicada no prestixioso selo hispanoamericano Fondo de Cultura Económica a través da súa filial madrileña.

Punto de ebullición é unha escolma bilingüe na que os orixinais galegos son vertidos ao castelán pola tamén poeta Miriam Reyes (Ourense, 1974), unha das voces máis recoñecidas da escrita peninsular do novo milenio.

Videopoeta e artista multimedia, Reyes deixou os eidos ourensáns con oito anos para marchar a Venezuela, onde estudou Letras na Universidade Central. Regresou logo a España e, tras residir en diferentes cidades, acabou instalándose en Zaragoza. Dende alí deu a coñecer algún dos poemarios máis suxestivos dos tres últimos lustros, como Espejo negro (2001), La bella durmiente (2004), Desalojos (2008), Yo, interior, cuerpo (2013) ou o moi recente Haz lo que te digo (2015), publicados en ben afamados selos: Hiperión, Bartleby, DVD Ediciones.

Responsable da elección, tradución e prólogo desta “Antología de la poesía contemporánea en callego”, Reyes achega ao lector en castelán quince poetas que escolma entre os creadores da Xeración dos 80, a Xeración dos 90 e aqueloutros que se revelaron a mediados da década pasada.

Decididamente interxeracional, politemática e mulitestética, Punto de ebullición observa, exquisitamente, o equilibrio xenérico e incorpora propostas de oito escritoras e sete escritores, abondo diverxentes na súa aposta autorial e aos que, de querer verlles algún punto de contacto, talvez só podería sinalárselles a súa patente vontade de anovar e abrir novas landas para a poética de noso.

Punto de ebulliciónXosé María Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Lois Pereiro, Antón Lopo, Xela Arias, Ana Romaní, Manuel Outeriño, Xabier Cordal, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Olalla Cociña e Daniel Salgado son, cronoloxicamente dispostos, os quince nomes dos que se espigan textos, todos eles tomados de libros xa coñecidos, agás un poema de María do Cebreiro que se publica por vez primeira aquí.

Reyes salva con oficio o difícil transo de verter a unha lingua outra a palabra poética. Neste sentido, máis alá de consideracións de matiz perfectamente discutibles (poño por caso, se é fiel ao noso “balbordo/ da escuma” o “murmullo de la espuma” e similares), cómpre subliñar o coidado labor de acomodación da responsable da escolma, quen ofrece ao público castelán unha lectura da escrita orixinal non só respectuosa, senón moi ben axeitada.

Canto ao prólogo, ha cumprir tamén coas expectativas de quen, dende outras coordenadas culturais, queira coñecer o curso da poesía galega de 1975 ata os nosos días, pois as principais liñas de forza deste camiñar son salientadas con acerto pola editora. Secasí, para min son de especial interese os breves pero moi ben perfilados parágrafos dedicados a caracterizar a poética dos diferentes autores antologados, onde Reyes amosa ser unha poeta de moi fino espírito crítico.

Unhas nótulas biobibliográficas mínimas pero moi informativas completan esta selecta que arredonda as trescentas páxinas, onde cada poeta achegou arredor dunha decena de textos, un libro editado con sumo gusto polo Fondo de Cultura Económica mercé ao deseño de (sobre)cuberta de Armando Hatzacorsián e as fotografías de (sobre)capa de Miguel Saavedra.

Punto de ebullición. Antología de la poesía contemporánea en gallego é un moi loable mosaico que cómpre agradecerlle a Miriam Reyes, ourensá de raíz, que non esquece a verba matricial e a regala, plural, a quen pola súa voz queira coñecernos.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 5-7-2015]

Mondoñedo sempre é Poesía

En Mondoñedo, que é terra de poetas onde as haxa, a hospitalidade é unha relixión e calquera que nos visite para dicir a súa palabra é benvindo.

Demostrámolo onte ao celebrar a primeira convocatoria de ‘Mondoñedo é Poesía’, unha moi singular xuntanza na que se deron cita unha vintena de creadores que agasallaron cos seus versos as xentes que pola vella cidade norlucense andaban a gozar das Quendas, festas e feiras medievais de tradición secular que onte celebraban así o seu día grande.

‘Mondoñedo é poesía’ foi unha actividade organizada polo Grupo Literario Leiras Pulpeiro que contou coa colaboración da Asociación As San Lucas e o Concello de Mondoñedo. Os responsables da mesma foron o dramaturgo Francisco Piñeiro, o narrador Antonio Reigosa, o músico e xestor cultural Fran Bouso —por máis sinais pregoeiro este ano das festas—, o tamén músico e poeta César Morán, aos que axudei o que puiden.

O evento deu comezo de mañá, cando o alcalde Orlando González deu a benvida aos participantes xunto a outros membros da corporación local no Salón Nobre do Concello, onde tamén lles dedicou unhas palabras de saúdo o noso compañeiro Fran Bouso.

Tras a recepción oficial tivo lugar un xantar de confraternidade na Casa de Penela no que participaron os poetas e organizadores, así como tamén outros acompañantes destes nun número que superaba o medio cento.

A actividade propiamente dita comezou ás seis da tarde co recital ‘Poemas polas rúas’. A vintena de escritores invitados foron deleitando os viandantes coa recitación dos seus poemas en seis lugares diferentes da cidade, que principiaron no cemiterio municipal diante a campa mesma de Leiras Pulpeiro e seguiron pola Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro, O Cristo e mais a Praza Jaime Cabot.

Repartidos en grupos de tres/catro, os poetas propiciaron que os versos se espallaran polas rúas empedradas da vella cidade presentados polos que botamos unha man na organización. Os paseantes das Quendas puideron oír así a Olalla Cociña, Iolanda Aldrei, Alicia Fernández, Dores Tembrás, Marica Campo, María Xosé Lamas, Henrique Rabuñal, Paco Rivas, Isidro Novo, Miro Casabella, Carlos Negro, Xacobe Casal, David Otero, Xaime Oroza, Xoán Xosé Abella, Mario Regueira, José Juan Ferreiro, Toño Núñez, Xabier Cordal, Baldomero Iglesias ‘Mero’ e César Morán.

Tras esta primeira actividade, que contou con numeroso público arremuiñado á escoita da recitación en cada unha das estacións poéticas, a festa da palabra rematou co recital poético-musical ‘Mondoñedo é Poesía’ que se desenvolveu no Auditorio Pascual Veiga da cidade. Alí, ducias de asistentes puideron saborear as composicións recitadas dos vinte poetas, que se viron acompañadas da proxección de vídeos, a música de Miro Casabella e César Morán e mesmo as dramatizacións de Antonio Piñeiro, tendo como condutor do acto ao colega Antonio Reigosa e como coordinador técnico do mesmo ao tamén compañeiro Fran Bouso.

Unha apoteose poética que confirmou que Mondoñedo é á palabra poética o que o solpor aos nosos máis fermosos cantís, unha luz irrenunciable.

Beizóns aos poetas que fixeron posible este ‘Mondoñedo é Poesía’, aos compañeiros e patrocinadores que tanto laboraron para botalo a andar e, sobre todo, ao público que, coa súa presenza e apoio, nos convenceu de que esta lumieira que agora lampexa deberá de seguir alumándonos tan sequera mil primaveras máis.

Na cerna da Trabe

Cada vez queda menos para que unha das nosas máis prestixiosas revistas culturais chegue ao cento de números publicados: A Trabe de Ouro, referente indispensable no ensaísmo de pensamento crítico que aí atrás tiraba do prelo a entrega correspondente ao primeiro trimestre deste ano.

Como en tantas outras ocasións, tamén desta volta a cabeceira dirixida por Xosé Luís Méndez Ferrín reúne un feixe de colaboracións de moi alto nivel intelectual, entre as se contan tanto artigos longos coma nótulas, recensións literarias, discursos, presentación de libros e aínda recuperacións textuais de obras inéditas.

O carácter interdisciplinar e humanista da revista explica a diversidade temática das súas colaboracións, que atinxen por igual a cuestións sociohistóricas (así na escrita de Enzo Traverso) que a realidades psicosanitarias (Marcial Gondar Portasany), políticas (Francisco Sampedro, Ricardo Castro Buerguer), semióticas (Carmen García Cela) ou sociolingüísticas (Francisco Fernández Rei). Mais é nas contribucións de tipo literario onde se concentra a maior parte das achegas da revista e é xustamente nelas nas que agora quero reparar sequera brevemente.

Alén do introito editorial co que se abre o número baixo o explícito título de “50 anos e Paz Andrade” —texto sen asinar que, porén, hai que supoñer da autoría da dirección ou do consello de redacción da revista—, esta A Trabe de Ouro contén unha moi rigorosa análise do Coloquio de 24 rústicos debida a Anxo Angueira, dobremente apreciable se se pensa que son case inexistentes os traballos previos nos que a célebre obra do Padre Sarmiento foi abordada dende o estritamente literario.

Do mesmo xeito, nas seccións “Acoutacións” e mais “Publicacións” poden lerse recensións críticas da novela de Manuel Rivas Os libros arden mal, do volume colectivo Celso Emilio fai 100 anos e do estudo biográfico levado a cabo por Xurxo Martínez González Luís Soto. A xeira pola unidade galega, debidas, respectivamente, a Xabier Cordal, María González Salpurido e María Dolores Villanueva Gesteira. Estes textos compleméntanse coa transcrición da alocución “Muller para lonxe, de Uxío Novoneyra” que o profesor Luís Cochón pronunciou durante a presentación dunha recente reedición daquel poemario do escritor courelao. A maiores, cumpriría engadir aínda o amplo ensaio sobre a narrativa do autor de Memorias dun neno labrego realizado por Newton Sabbá Guimarães en “A arte do conto em Xosé Neira Vilas” e, sobre todo, a exhumación de Canto en catro ao Conde de Andrade, poemario inédito de Valentín Paz Andrade que foi recuperado como primicia para a revista por Miguel Anxo Seixas Seoane de entre o legado do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras e que agora figura tamén recollido na edición que Gregorio Ferreiro Fente fixo da súa Poesía completa.

Máis que interesante, por tanto, o conxunto de textos reunidos neste novo número da revista A Trabe de Ouro, emblemática cabeceira que con moi meritorio esforzo saca do tórculo Sotelo Blanco Edicións nunha bendada maridaxe coa aposta intelectual defendida polos seus responsables, que ben pronto ha de cumprir nada menos que dúas décadas de andaina. Sobran as palabras.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 5-7-2012]

A poética transmutada de Xabier Cordal

O poeta coruñés de radicación luguesa Xabier Cordal acaba de dar a luz transmuta, un poemario publicado por Edicións Xerais de Galicia que vén sumarse a unha escolleita nómina de títulos entre os que se contan outros ben meritorios libros de versos como son Arianrod (1993), Fruto do teixo (1994), Afásia (1997) ou A vella peneira a noite (2001).

transmuta é unha galaxia versal, unha pléiade de textos astro que entrecruzan as súas órbitas describindo complexos movementos de translación e rotación.

Quen lea a setentena escasa de páxinas que compoñen este libro atopará versos da memoria, da individual (morte da nai, sombras grimorias do pai, infancia que se evadiu pola corda do horizonte) e da colectiva (recordatorio das infamias exercidas contra os represaliados, tamén si da traxedia do Prestige e outros). Mais nas composicións de Cordal comparecen de igual xeito as evocacións da casa matricial na sombra dos anos, dos ceos nocturnos lucenses, da ritualística discotequeira e a cerimonia praiega e fluvial, das inflorescencias das pedras negras do seminario mindoniense e as visións das terrazas viguesas, da reveladora arquitectura do ensilado e a vibración epifánica do yidaki. En fin, a reverberación cósmica do poeta que escasca o seu ser como o salgueiro deita a cortiza húmida e fecunda.

A impedimenta de posprocesado literario de transmuta arreguiza na súa amplitude e estratificado laminar. E velaí que comparecen no poema os tépalos do Coleridge lakista, o dialóxico amatorio do Cunqueiro de Poemas do si e non, as hélices máis vangardistas, o Eliot sánscrito do shanty que en Cordal é thund, o Novoneyra do Vietnam Canto que informa a estrutura coral de “[autoría]”, mesmo a Rosalía de “Do íntimo”, o Verne do profesor Otto Lidenbrock ou a física cuántica do Teorema de Bell.

Unha poética, esta de Cordal, que empasta con habelencia suma poemas de xogos gráficos e versos dialogados, écfrases e poemas anuncio, haikus e poemas documentais, non desbotando tampouco a sarcástica dalgúns poemas visuais.

transmuta confirma a liña ascendente da escrita de Xabier Cordal nos últimos anos e, recuncando en temas e motivos que lle son moi queridos e que aparecían xa (pre)configurados nalgúns dos seus anteriores versos aos que se engaden motivos e argumentos novos, tracexa un espazo poético orixinal e irredutible a fórmulas consabidas e clixés obsoletos, un territorio escritural que sorprenderá agradablemente a quen con el se atreva.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 2-3-2012]