Pola banda de Laíño, con Neto e Lorenzo Baleirón

ofrenda floralDodro foi onte a landa na que pousou o merlo branco da poesía. O día presentíao, véspera da marcha dun dos autores máis admirados das últimas décadas: Eusebio Lorenzo Baleirón. Había que honrar a súa memoria. Había tamén que axudar a que frutificase a semente do seu exemplo en versos novos.

Con tal motivo, e convocados polo Concello de Dodro —Valentín Alfonsín Somoza á fronte como alcalde, Cristina Codesido Fernández guiando como concelleira de Cultura—, ás 11:30h. visitamos o camposanto de Laíño para achegarnos ata a tumba do autor de O corpo e as sombras e renderlle honores cunha ofrenda floral na que participaron poetas como Paulino Vázquez, familiares como seu irmán, o tamén escritor ademais de profesor Manuel Lorenzo Baleirón, o coordinador do premio Xabier Castro Martínez e os que logo teriamos a responsabilidade da deliberación do XXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

Ata Laíño, levamos flores e versos para Eusebio. A pedimento de quen fora íntimo amigo seu, Paulino Vázquez, Berta Dávila recitou un significativo texto das Elexías de Duino na tradución galega de Jaime Santoro de Membiela, palabras ás que me sumei coa lectura do poema “Serás sombra da árbore máis vella…” de A morte presentida, xusto aquel que encabeza unha cita de Díaz Castro de “Monumento á ausencia”.

bases lorenzo baleironTras o acto no camposanto marchamos deica a Casa da Cultura, onde debatemos a propósito dos trinta e tres orixinais presentados a amentada poeta e narradora Berta Dávila, o tamén poeta Gonzalo Hermo, o profesor, ensaísta e igualmente poeta Román Raña e eu, acompañados polo coordinador do premio Castro Martínez e mais Codesido Fernández, quen actou como secretaria con voz e sen voto.

Logo de longas e agradecidas deliberacións, o xurado decidiu conceder o galardón ao traballo presentado baixo o título Zonas de tránsito e o lema Aserinsky/Blechner. Unha vez aberta a plica soubemos que pertencía a Ramón Neto (Illa de Arousa, 1975), escritor e tradutor que, dende hai anos, reside en Bruxelas, onde exerce a docencia e traballa como profesional da tradución.

Neto é ben coñecido xa nos eidos poéticos galegos por ter sido distinguido noutros relevantes certames e ver publicados volumes como A estación única dunha illa (2010, Premio Xosé María Pérez Parallé), As lavandas adáptanse a todo erro de navegación (2012, Premio Miguel González Garcés) ou Dominio público (2013, Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas).

Zonas de tránsito, que será publicado por Sotelo Blanco Edicións, amosa unha estrutura en cinco seccións (“Entre as lapelas da noite/ desfragmentación”, “Paisaxe con lámpada de mesa de noite”, “O pouso dunha insomnia/ diario de abordo”, “De limiar en limiar/ breviario de pasos en falso” e “Wege einer Stimme zu einen wahrnehmenden Du/ Os vieiros dunha voz cara un ‘ti’ á escoita”) nas que se alterna a poesía en prosa co poema de verso curto, a lírica intimista que reflexiona sobre o ser e a súa circunstancia e mais a escrita que esponxa no vivenciado, o onírico e a viaxe da existencia, todo orlado con abondosas imaxes de peculiar selo e un posprocesado da ascendencia da mellor lírica xermana en voces como as de Celan, Rilke ou Hölderlin.

xurado lorenzo baleironO vindeiro día 20 ás 17:30h. Ramón Neto recollerá, no centro de ensino que leva o nome do malogrado poetas dodrés, o premio que o acredita como un membro máis desa irmandade de escritores que, dende hai xa case trinta anos, engrandeceron coas súas creacións un galardón que honra a memoria dun grande das nosas letras contemporáneas e engade prez ás súas terras natais onde, con tanto acerto, manteñen este certame.

25 anos de espírito PEN

[Para o amigo Miro Villar,
polo que el e eu sabemos]

anelida piñon, xose luis mendez ferrin, manuel rivas, luis gonzalez tosarA poesía é o gran milagre do mundo, dicía Luís Pimentel. O mundo é un gran poema milagroso, digo eu. A palabra, as palabras son a arxila esencial que une vontades e acompaña os espíritos no fragor dos traballos e dos días.

Foi esa singular comuñón pola verba a que experimentaron os asistentes á VI Bienal Literaria en Compostela o 2 e 3 de outubro na Cidade da Cultura. O Gaiás santiagués deixouse habitar por animais literarios que quixeron celebrar o XXV Aniversario do Centro PEN Galicia, a entidade que organizou o encontro no que participaron poetas, narradores e outros axentes culturais tanto galegos coma foráneos nunha concelebración interxeracional onde as pontes literarias se transitaron amablemente.

elena_zernovaE esa foi a unción pola palabra que fixo que tres astros do firmamento literario como son Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas compartillasen unha mesa de clausura na que as complicidades revoaban arredor dos relatos orais e onde Piñón fixo boa a súa ascendencia cotobadense recoñecéndolle un papel decisivo na simbólica da súa escrita e Rivas pronunciou un máxico e entrañable discurso de recepción na academia dos afectos á súa amiga carioca. Da súa parte, Méndez Ferrín lembrou como o PEN internacional estivera ao seu carón cando en 1972 botou dous anos na cadea (Penal do Dueso) pola inquina franquista. Un triángulo de tanta altura literaria que, coma un imantador buraco negro da palabra, acabou por mergullarnos a todos os que vivimos o momento nun océano de luz e letras, unha reunión histórica que, quen sabe, talvez non sexa doado que se repita, pois ben poucas veces tres púlsares escintilan por xunto para iluminar a galaxia toda e espaventar tantas sombras da orfandade.

Velaí foi a inesquecible coda. Mais as xornadas comezaran xa o día anterior coa sesión de apertura e os discursos de benvida de Beatriz González Loroño, Directora-Xerente da Fundación Cidade da Cultura, María Ángeles Antón Vilasánchez, Concelleira de Cultura e Patrimonio en Compostela, Luís González Tosar, Presidente do Centro PEN Galicia e mais Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Eles foron os primeiros en poder ver o magnífico traballo videográfico que, para ocasión, creou Xabier Castro Martínez, Director do PEN galego, unha peza na que se leva a cabo unha sintética historia en imaxes do que foi a andaina do noso PEN neste último cuarto de século e que podedes ver ao final deste post.

narradores xornalistasAs sesións propiamente literarias comezaron a última hora da mañá do xoves 2 coa mesa redonda “Narradores xornalistas hoxe”, xuntanza que moderou Xesús Fraga na que interviñeron Camilo Franco, Santiago Jaureguizar, Luís Pousa e Juan Tallón, todos eles, en efecto, xornalistas e narradores, que, con posturas complementarias que abriron un fértil diálogo en contrapunto, debateron sobre a difícil e complexa maridaxe de periodismo e ficción, un matrimonio para algúns imposible e para outros inelutable.

Á tarde dese mesmo día un recital poético-musical deunos a oportunidade de oír na voz dos Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferraguz e Isaac Garabatos) os versos de Díaz Castro, Novoneyra, Álvarez Blázquez, Blanco-Amor, Manuel María e Rosalía de Castro e tamén de escoitar os recitados dos novos valores da nosa lírica representados por Alba Cid, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Mario Regueira e Dores Tembras, entre os que oficiou como experimentado guieiro Román Raña, unha asemblea poética que arrequeceu coas palabras da profesora da Universidade de San Petersburgo Elena Zernova, quen non quixo faltar á cita e deixou para os que alí estaban a regalía de escoitar en ruso “Penélope” dando conta da tradución a este idioma de Nimbos. Do saber facer de todos puiden gozar en primeira liña, pois honreime presentándoos.

recital poetasA primeira xornada da Bienal rematou coa intervención do poeta e ensaísta arxentino Roberto Alifano, quen nos convidou a revistar a “Borges e o xardín de conversas que se bifurcan” nunha animada conversa co seu presentador, Luís Alonso Girgado, na que repasaron os principais episodios da literatura non só de Borges, senón tamén Julio Cortázar, Adolfo Bioy Casares, Francisco Luís Bernárdez e moitos outros.

O segundo día comezou na sesión matutina coa mesa “25 Anos do PEN Galicia: Novelistas”, na que, moderados por Inma López Silva (tamén ela narradora), participaron Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias, que fixeron un balance dos pros e contras que viviu a prosa galega nos últimos tempos e onde se cuestionou a vitalidade da novela, os camiños do seu futuro e os pasos que nos trouxeron ata aquí.

mesa poetasPola tarde, unha última mesa de “25 Anos do PEN Galicia: Poetas” proporcionounos a ocasión de escoitar a radiografía lírica destes lustros que realizaron o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a poeta e ensaísta María do Cebreiro e mais o poeta e libreiro Modesto Fraga. O tríade, magnificamente conducido polo profesor e crítico Luciano Rodríguez, abordou os avances e desacertos da nosa poesía recente dende ancos ben diversos: a taxonomía xeracional de discurso (meta)teórico de María do Cebreiro, a conxunción da visión do editor de Espiral Maior e creador que achegou Fernán-Vello e a praxe e vivencia como poeta deste tempo de Fraga.

O remate regalounos o amentado encontro con Piñón, Méndez Ferrín e Rivas, broche de ouro desta VI Bienal Literaria en Compostela na que conviviron poetas e narradores, xornalistas e estudosos, galegos por nacenza e por querenza, confrades de letras todos que durante dous días irmandaron o seu camiñar, enchoupándose do espírito PEN para lembrarnos, máis unha vez, que o milagre da vida é a poesía e existir sen a palabra é un vivir demediado. Por iso xuntanzas coma esta son tan necesarias en tempos prosaicos.

a                                    

A Casa Grande de Rosalía de Castro

Son da idea —e non é a primeira vez que a manifesto publicamente nin será, ben seguro, a última— que todo o que se faga en favor da universalización e da confraternización da nosa cultura e a nosa literatura xunguíndoas a outros espazos da escrita, tanto estatais coma internacionais, é sempre unha aposta plausible en clave de país.

Polo que acabo de expor, os Premios Rosalía de Castro seméllanme unha iniciativa de interese e valor, pois neles toma corpo ese espírito cosmopolita ao que, entendo, debemos aspirar. Neste sentido, que o Pen Clube de Galicia instituíse xa en 1996 estes galardóns para recoñecer autoras e autores sobranceiros nos sistemas literarios de falas peninsulares (castelá, catalá, vasca e portuguesa, con escritores das terras matrices destas linguas e doutros lugares do planeta polos que estas se espallaron) coido que é unha angueira que propicia o acollemento en irmandade desoutras letras veciñas entre as que o galego pode, e debe, servir de natural ponte tanto cultural coma idiomática.

Nos case vinte anos de vida do certame creadoras e creadores de primeirísimo nivel foron sendo distinguidos bianualmente nas diferentes convocatorias. Premios Nobel, Premios Cervantes, Premios Nacionais de Literatura e da Crítica e voces que obtiveron os máximos recoñecementos nos seus territorios respectivos foron sucedéndose nas súas visitas ao longo destes anos á cidade de Compostela para recoller, agradecidos, estes premios que levan o nome da máis universal das nosas escritoras.

Pois ben, o pasado mércores día 28, o Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago acolleu o solemne acto de entrega da décima convocatoria destes premios, presididos polo Reitor en funcións Juan Casares Long, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Jesús Vázquez Abad e o Presidente do Pen Clube de Galicia Luís González Tosar. Eles, xunto ao Director do Pen Clube de Galicia Xabier Castro Martínez, que actuou como secretario do xurado (do que formaron parte tamén Miro Villar, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Xosé Lois García e o propio González Tosar) e leu a acta do mesmo, guiaron unha xornada na que tomaron a palabra tres dos catro autores premiados e unha cuarta persoa en representación dun dos galardoados que, por motivos de saúde, estivo ausente; a saber: Kirmen Uribe, Antoni Serra, Pepetela e o alcalde do Porto do Son Luis Oujo, localidade da que era oriúndo o pai de Claudia Piñeiro, a cuarta premiada que delegou no representante municipal a súa participación.

No marco de tan estimable xuntanza literaria tiven a honra de pronunciar unhas palabras de laudatio que levaban o mesmo título que este post e que quixeron homenaxear tanto a andaina do premio como, sobre todo, trazar un breve perfil da moi brillante traxectoria dos catro galardoados, voces senlleiras da mellor literatura de cada un dos seus espazos lingüísticos.

Durante o acto, ao que asistiron tanto autoridades coma destacados intelectuais e xornalistas culturais, fíxose entrega dunha edición exclusiva e non venal do volume Premios Rosalía de Castro. X Edición disposto por Castro Martínez, no que se recolleron textos dos catro distinguidos e a súa laudatio, coincidindo co cuarto de século de existencia do Pen Clube de Galicia, responsable editorial da obra.

Ogallá a vida destes Premios Rosalía de Castro sexa longa, siga servindo de ponte de unión entre as linguas e as literaturas que vencella e continuemos a ser un vieiro de converxencia hospitalaria para todos os que, dende outros lugares, perciben que con iniciativas como esta Galicia está irmandadamente presente no mundo.

Crónica de Baires (II)

Baires é coma un dragón durmido. Se te deixas arrastrar pola corrente, acabará por devorarte, o que, neste caso, vale tanto como dicir que te obviará. Sabedores de que o movemento se demostra andando, a delegación galega que este ano participa nos eventos que xiran arredor da Feira do Libro da cidade —unha das dúas mellores de Hispanoamérica e tamén unha das mellores do mundo— multiplicou os seus esforzos nestes dous últimos días.

O venres 25 foi o Centro Lalín o que acolleu a esta delegación para que o Terzo da Fala tivese unha intensa e emotiva reunión na que a literatura e o idioma, a vivencia migratoria e o sentimento de galeguidade foron os eixos principais arredor dos que xirou a conversa que, da parte arxentina, estivo presidida por Gisela Barbeito e, da banda galega, contou coa asistencia do Secretario Xeral de Cultura Anxo Lorenzo, a Subdirectora Xeral de Bibliotecas Cristina Rubal, a membro do Gabinete de Cultura da Secretaría Xeral María Barallobre, o Presidente e Director do Pen Clube de Galicia Luís González Tosar e mais Xabier Castro Martínez e o periodista Luís Pousa.

Xa pola tarde, e tras a presentación por parte de María del Carmen Porrúa do novo número da revista valleinclanesca Cuadrante e doutros textos do stand galego da Feira, tivo lugar na Sala Roberto Artl un acto musical e literario verbo de Díaz Castro no marco da xornada de literatura e cultura galegas que a delegación galega levou á Feira e que incorporou tamén unha presentación de diversas publicacións diazcastrianas preparadas por González Tosar, Pousa mais eu baixo a moderación de Lorenzo, nun acto que rematou coa soberbia actuación de Xardín Desordenado.

Na xornada do sábado 25 achegouse a delegación ao Centro Galicia novamente, onde, entre outras cousas, recuncouse na idea do acto literario-musical, que contou con recitadores dos textos diazcastrianos como os amentados Pousa, Castro ou González Tosar con intervencións de Lorenzo e Peleteiro como máximas autoridades do encontro.

De por parte, varios destes eventos tiveron como inmellorable colofón a actuación do trío Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferragud e Isaac Garabatos), quen espallaron coas súas imantadoras melodías os acordes poéticos de varios poetas de noso entre os que, xaora, non faltaron os de Díaz Castro.

A cosmópole do Sur foi sabendo, así, da nosa literatura, da fala de noso, da cultura que ao mundo regalamos. Ogallá o futuro nos depare novos e vizosos froitos desta unión arxentino-galega que tanta historia xunta nos fixo xa andar e, de seguro, seguirá a facernos camiñar.

Blanco-Amor, non tan ao lonxe

Como cada ano dende hai xa unha década, o Pen Clube de Galicia celebrou o pasado 2 de decembro unha xuntanza en homenaxe e lembranza dun dos nosos clásicos máis admirados: o autor de A esmorga.

Con tal motivo, a entidade organizadora, axudada pola RAG e coa colaboración da Deputación de Ourense e mais a Xunta de Galicia, publicou un valioso cartafol baixo o título X Xornada con Eduardo Blanco-Amor, un xeito de perennizar a ocasión na que, con motivo do aniversario do pasamento do autor (o primeiro de decembro), volveron reunirse para lle presentar os seus respectos diante da súa campa no cemiterio de San Francisco.

X Xornada con Eduardo Blanco-Amor foi ideada e coordinada por Luís González-Tosar, coa axuda nestes labores de Xabier Castro Martínez. É un cartapacio de medio cento de planas nas que se inclúe moi interesante material sobre o escritor. Primeiramente, a reprodución da totalidade das cubertas dos seus libros, tanto de narrativa coma de poesía, ensaio ou teatro, igual en castelán ca en galego, mais tamén dalgunhas outras tapas de volumes escritos sobre del e mesmo de traducións dos seus textos ao francés, ruso, inglés, italiano, asturiano ou español.

Aínda máis interese teñen as varias instantáneas inéditas do autor que se reproducen no cartafol. Comparece nelas un Blanco-Amor de madurez ou dos últimos anos, ás veces en fotos de estudio, outras en xeiras improvisadas ou con amigos, mais sempre coa fotoxenia que o caracterizaba, arrincando faíscas da cámara que moito o quería.

Tamén si, este cartapacio X Xornada con Eduardo Blanco-Amor inclúe un breve perfil autorial do auriense escrito por González-Tosar; a reprodución e transcrición do manuscrito dunha carta inédita de Blanco-Amor a Bernardino Graña de cando comezaba a organizarse a delegación galega do Pen Clube; a escolma dunha entrevista titulada “Amei moito e fun amado. Estou contento de vivir” que o autor concedera a Maribel Outeiriño para La Región en abril de 1979; o extracto dun fragmento do prólogo que Xesús Alonso Montero escribiu para o volume Entrevistas con E. Blanco-Amor de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda e un artigo de cabo no que, baixo o título “Elegancia final”, novamente González-Tosar traza unha evocación do derradeiro Blanco-Amor, o intelectual refinado e irónico, inmenso escritor, para o que reclama unha maior atención agora que pasaron xa trinta e catro anos do seu finamento.

X Xornada con Eduardo Blanco-Amor é un traballo que, pola súa concepción, nace destinado á caza do coleccionista, pois foi ben reducida a tiraxe que se fixo deste cartafol, repartido maiormente entre os asistentes ao acto. Secasí, coido de xustiza dar noticia da súa existencia aquí, pois os estudosos blancoamorianos e os lectores fieis do autor de Os biosbardos han agradecer saber desta iniciativa, pois é obra que contén algunhas alfaias gráficas e textuais que moito paga a pena coñecer.