Poética Urutau

Nordesía (Urutau, 6-10-2019)O urutau é unha ben orixinal ave das terras centro e suramericanas. De pequeno tamaño e plumaxe de cores discretas, ten a curiosa virtude de mimetizarse cos troncos nos que pousa, o que a converte nunha sorte de camaleón alado. Tanto é así que o seu nome, procedente da lingua tupí, significa, precisamente, ‘paxaro fantasma’ e como un nictibídeo nocturno pasa a vida cazando insectos aos que atrapa mercé á súa facilidade para se agochar.

A mesma habelencia para nutrirse da mellor poesía camuflada no corazón da boa literatura semella presidir a homónima Editorial Urutau, selo brasileiro-galego-luso que en apenas dous anos ten logrado converterse nunha referencia no ámbito lírico da galeguía.

Confirma o que digo a aparición da antoloxía Un xardín de medio lado, coordinada por Marcus Daniel Cabada e Wladimir Vaz, volume que, tal como salienta o seu subtítulo, compila versos dos “17 poetas da Urutau na Galiza”.

Así pois, os que se acheguen a esta valiosa escolma atoparán unha tríade de composicións de cada poeta que publicou, ata o de agora, na editora. Tres poemas para cada autor ou autora que foron tirados dos libros dados á luz por elas e eles neste selo e que, polo mesmo, acaban por ofrecer unha selecta de carácter editorial abondo variada, tanto nas voces reunidas coma nas súas estéticas e temáticas.

Carla Carbatti, Alfonso Rodríguez Rodríguez, Arancha Nogueira, Clara Vidal, Cristina Corral Soilán, Fátima N. Delgado, Moncho Iglesias Míguez, Silvia Estévez Penas, Marcus Daniel Cabada, Rebeca Baceiredo, Yolanda López, Patricia Meira, Eli Ríos, Noa Moreira, Gaspar Domínguez, Manuel Miragaia e Ronsel Pan son as dezasete voces que se deixan oír neste canto de Urutau, a ave da poesía que nas súas asas estende o imperio da palabra.

Non é doado sintetizar aquí, en escasas liñas, toda a riqueza das propostas creativas que a antoloxía ofrece, así que me conformarei con convidar á lectura da poesía neocaligráfica e apositiva de Carla Carbatti; a lírica numerolóxica e antinómica de Alfonso Rodríguez Rodríguez; a escrita melancólica e nebular de Arancha Nogueira; a poética etimolóxica e cultista de de Clara Vidal; a memoria da tribo que espella nos versos de Cristina Corral Soilán; a ninfopoética fluínte e fusionante de Fátima N. Delgado; a crónica viaxeira lirificada por Moncho Iglesias Míguez; o neosurrealismo de gume irredento de Silvia Estévez Penas; os poemas en prosa e metapoesías de Marcus Daniel Cabada; a poética conceptual de escuridade fulgurante de Rebeca Baceiredo; a inxeleza preciosista de Yolanda López; a lírica obstétrica de Patricia Meira; a singular escrita de Eli Ríos; a celebración amatoria de Noa Moreira; o transcendente paraprofético de Gaspar Domínguez; o simbólico epifánico de Manuel Miragaia e a escrita radicalmente anticapitalista e consecuentemente antifascista de Ronsel Pan.

Como se ve, este cento de páxinas en formato peto resulta un mostrario plural e ben representativo dalgunhas das principais estéticas da poesía actual, editado, amais, con innegable gusto na escolla de tipografías e grafismos e, sobre todo, nas suxestivas fotografías coas que Wladimir Vaz ilustrou cubertas e interiores.

Cómpre deleitarse co canto saudoso e entrañado deste Urutau poético, facer nosa a súa ánima, esa que, segundo unha lenda paraguaia, pena errante na anciá voz do vento, a mesma que agora nos acena dende as páxinas de Un xardín de medio lado para nos convidar ao desafío do inefable.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 6-10-2019]