Unha referencia imprescindible

Hai libros que se converten nunha sorte de devocionario laico, obras ás que un volve unha e outra vez, recuncando nas súas páxinas aquí e acolá, na procura de respostas, de explicacións ou, polo menos, de pistas certeiras. Non son simples libros, son doelas centrais, claves do arco do pensamento, arquitectura do ser e estar dun país, dunha cultura, da historia dun pobo.

Un deses títulos de querenza identitaria é Unha ducia de galegos, de Víctor F. Freixanes. Publicado por vez primeira na primavera de 1976 ―aos poucos meses do pasamento de Franco― a Editorial Galaxia volve reeditar agora este feixe de entrevistas que o autor realizou a doce persoeiros decisivos do galeguismo do pasado século, unha nómina de voces que dá o calibre da transcendencia do volume: Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade, Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Xaime Isla, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Monseñor Araúxo Iglesias e Carlos Casares.

Visto coa distancia que proporcionan os anos, o libro é a radiografía dunha época, a visión coral dun estado de cousas, mais tamén —e aquí coido eu que reside o segredo da súa vixencia— a crónica do camiño andado polos que entón representaban a plana maior do galeguismo histórico. E aínda que cos ollos de hoxe estrañen certas ausencias, non hai que perder de vista que a consideración actual do relevo dalgunhas figuras non é a mesma no presente que hai corenta anos e tamén debe respectarse como soberana a aposta persoal do entrevistador.

Canto aos asuntos tratados nestas longas entrevistas, o propio Freixanes deu conta deles perfectamente no limiar que dispuxo á primeira edición: “Todo vén ensarillado no mesmo fío: a personalidade dun país, o dereito á súa expresión, a literatura, a historia, as cuestións económicas, a arte, a lingua, a relixión, os feitos sociais, as motivacións psicolóxicas e as solucións, frustracións ou esperanzas políticas. Todo vén no mesmo fío”. Sobre esta mesma idea volveu seis anos máis tarde no prólogo á terza edición: “Aquí van, pois, doce entrevistas con doce personalidades das letras, as artes, a economía, a Igrexa, o capital (certo capital), a dereita (certa dereita), a esquerda, a emigración e mesmo a política”.

Mais o que fai deste libro un documento histórico é a súa oportunidade, o ter sido un sismógrafo da Galicia daquela altura, un inquirir ás grandes voces vedraias para axudasen a identificar as raiceiras das que se viña e fundar, así, un futuro posible. Doutra banda, moitas cuestións que os entrevistados responderon a pedimento do entrevistador resultaron ser verdadeiramente axiais, ata o punto de que non hai estudo fondo ou monografía de peso sobre a biobibliografía destes autores que non cite, e por veces moi abondosamente, esta obra.

Cómpre felicitar a Editorial Galaxia pola acaída reedición deste clásico, un libro singular no que aparecen retratados os mestres da nosa cultura nun momento crucial, os inicios da Transición que nos trouxo ata aquí. O herdo impagable que supón Unha ducia de galegos foi posible mercé ao bo facer e ao tesón de Víctor F. Freixanes, quen rescatou a foto fixa da palabra viva destes autores para legala ás xeracións posteriores. Que agora poidamos acceder a esta obra capital e aos distintos textos preliminares cos que foi publicándose nas sucesivas edicións é unha regalía que moito hai que agradecer. Porque a memoria destes doce mais un segue a ser, tantos anos despois, unha referencia imprescindible.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 24-9-2017]

25 anos de espírito PEN

[Para o amigo Miro Villar,
polo que el e eu sabemos]

anelida piñon, xose luis mendez ferrin, manuel rivas, luis gonzalez tosarA poesía é o gran milagre do mundo, dicía Luís Pimentel. O mundo é un gran poema milagroso, digo eu. A palabra, as palabras son a arxila esencial que une vontades e acompaña os espíritos no fragor dos traballos e dos días.

Foi esa singular comuñón pola verba a que experimentaron os asistentes á VI Bienal Literaria en Compostela o 2 e 3 de outubro na Cidade da Cultura. O Gaiás santiagués deixouse habitar por animais literarios que quixeron celebrar o XXV Aniversario do Centro PEN Galicia, a entidade que organizou o encontro no que participaron poetas, narradores e outros axentes culturais tanto galegos coma foráneos nunha concelebración interxeracional onde as pontes literarias se transitaron amablemente.

elena_zernovaE esa foi a unción pola palabra que fixo que tres astros do firmamento literario como son Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas compartillasen unha mesa de clausura na que as complicidades revoaban arredor dos relatos orais e onde Piñón fixo boa a súa ascendencia cotobadense recoñecéndolle un papel decisivo na simbólica da súa escrita e Rivas pronunciou un máxico e entrañable discurso de recepción na academia dos afectos á súa amiga carioca. Da súa parte, Méndez Ferrín lembrou como o PEN internacional estivera ao seu carón cando en 1972 botou dous anos na cadea (Penal do Dueso) pola inquina franquista. Un triángulo de tanta altura literaria que, coma un imantador buraco negro da palabra, acabou por mergullarnos a todos os que vivimos o momento nun océano de luz e letras, unha reunión histórica que, quen sabe, talvez non sexa doado que se repita, pois ben poucas veces tres púlsares escintilan por xunto para iluminar a galaxia toda e espaventar tantas sombras da orfandade.

Velaí foi a inesquecible coda. Mais as xornadas comezaran xa o día anterior coa sesión de apertura e os discursos de benvida de Beatriz González Loroño, Directora-Xerente da Fundación Cidade da Cultura, María Ángeles Antón Vilasánchez, Concelleira de Cultura e Patrimonio en Compostela, Luís González Tosar, Presidente do Centro PEN Galicia e mais Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Eles foron os primeiros en poder ver o magnífico traballo videográfico que, para ocasión, creou Xabier Castro Martínez, Director do PEN galego, unha peza na que se leva a cabo unha sintética historia en imaxes do que foi a andaina do noso PEN neste último cuarto de século e que podedes ver ao final deste post.

narradores xornalistasAs sesións propiamente literarias comezaron a última hora da mañá do xoves 2 coa mesa redonda “Narradores xornalistas hoxe”, xuntanza que moderou Xesús Fraga na que interviñeron Camilo Franco, Santiago Jaureguizar, Luís Pousa e Juan Tallón, todos eles, en efecto, xornalistas e narradores, que, con posturas complementarias que abriron un fértil diálogo en contrapunto, debateron sobre a difícil e complexa maridaxe de periodismo e ficción, un matrimonio para algúns imposible e para outros inelutable.

Á tarde dese mesmo día un recital poético-musical deunos a oportunidade de oír na voz dos Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferraguz e Isaac Garabatos) os versos de Díaz Castro, Novoneyra, Álvarez Blázquez, Blanco-Amor, Manuel María e Rosalía de Castro e tamén de escoitar os recitados dos novos valores da nosa lírica representados por Alba Cid, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Mario Regueira e Dores Tembras, entre os que oficiou como experimentado guieiro Román Raña, unha asemblea poética que arrequeceu coas palabras da profesora da Universidade de San Petersburgo Elena Zernova, quen non quixo faltar á cita e deixou para os que alí estaban a regalía de escoitar en ruso “Penélope” dando conta da tradución a este idioma de Nimbos. Do saber facer de todos puiden gozar en primeira liña, pois honreime presentándoos.

recital poetasA primeira xornada da Bienal rematou coa intervención do poeta e ensaísta arxentino Roberto Alifano, quen nos convidou a revistar a “Borges e o xardín de conversas que se bifurcan” nunha animada conversa co seu presentador, Luís Alonso Girgado, na que repasaron os principais episodios da literatura non só de Borges, senón tamén Julio Cortázar, Adolfo Bioy Casares, Francisco Luís Bernárdez e moitos outros.

O segundo día comezou na sesión matutina coa mesa “25 Anos do PEN Galicia: Novelistas”, na que, moderados por Inma López Silva (tamén ela narradora), participaron Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias, que fixeron un balance dos pros e contras que viviu a prosa galega nos últimos tempos e onde se cuestionou a vitalidade da novela, os camiños do seu futuro e os pasos que nos trouxeron ata aquí.

mesa poetasPola tarde, unha última mesa de “25 Anos do PEN Galicia: Poetas” proporcionounos a ocasión de escoitar a radiografía lírica destes lustros que realizaron o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a poeta e ensaísta María do Cebreiro e mais o poeta e libreiro Modesto Fraga. O tríade, magnificamente conducido polo profesor e crítico Luciano Rodríguez, abordou os avances e desacertos da nosa poesía recente dende ancos ben diversos: a taxonomía xeracional de discurso (meta)teórico de María do Cebreiro, a conxunción da visión do editor de Espiral Maior e creador que achegou Fernán-Vello e a praxe e vivencia como poeta deste tempo de Fraga.

O remate regalounos o amentado encontro con Piñón, Méndez Ferrín e Rivas, broche de ouro desta VI Bienal Literaria en Compostela na que conviviron poetas e narradores, xornalistas e estudosos, galegos por nacenza e por querenza, confrades de letras todos que durante dous días irmandaron o seu camiñar, enchoupándose do espírito PEN para lembrarnos, máis unha vez, que o milagre da vida é a poesía e existir sen a palabra é un vivir demediado. Por iso xuntanzas coma esta son tan necesarias en tempos prosaicos.

a                                    

“Premios de la Crítica”

Onte, 9 de abril do 2011, o xurado da Asociación Española de Críticos Literarios fallou en Cáceres os Premios de la Crítica nas súas diferentes modalidades.

Na nosa literatura, a proposta de galardóns fora elevada dende a Sección Crítica da AELG, quen a fixo chegar ao plenario da AECL para a súa ratificación a través da súa representante, Laura Caveiro.

A AECL distinguiu as seguintes obras como as mellores da literatura galega no 2010:

“Premio de la Crítica de Narrativa en Lengua Gallega” á novela Cabalo de ouros (Editorial Galaxia, col. Literaria), da autoría de Víctor F. Freixanes.

“Premio de la Crítica de Poesía en Lengua Gallega” ao poemario A cidade sen roupa ao sol (Editorial Espiral Maior, col. Poesía), asinado por  Marga do Val.

Nas restantes categorías, os premiados foron os seguintes:

“Premio de la Crítica de Narrativa” para Blanco nocturno (Branco nocturno) de Ricardo Piglia.

“Premio de la Crítica de Poesía” para Cartas de enero (Cartas de xaneiro) de Juana Castro.

“Premio de la Crítica de Narrativa en Lengua Catalana” para Maletes perdudes (Maletas perdidas) de Jordi Puntí.

“Premio de la Crítica de Poesía en Lengua Catalana” para Teranyines (Arañeiras) de Anna Montero.

“Premio de la Crítica de Narrativa en Lengua Vasca” para 3 Mariak (As tres Marías) de Arantxa Urretabizkaia.

“Premio de la Crítica de Poesía en Lengua Vasca” para Bitsa eskuetan (Escuma nas mans) de Miren Agur Meabe.

Dende aquí, os meus parabéns a todas e todos os premiados.

Literatura Gran Reserva

Un mundo. Ese é o tempo que Víctor Freixanes tardou en publicar unha nova novela. Porque foi un mundo o que pasou dende que naquel xa afastado 1993 dera ao prelo A cidade dos Césares. E non foron poucas as idas e vindas da literatura galega neste tempo.

Mais Freixanes, lonxe de maciar co paso dos anos, garda o segredo da literatura de boa anada, envellecida en pipote de nobre carballo que presta ao novo texto abillado o mellor dos bouquets, o máis fino resaibo.

Cabalo de ouros é o título que agora achega este pontevedrés ao seu público fidel. Unha novela épica, de personaxes admirablemente arestados, cunha trama sólida, que discorre sinusoidal ata desembocar no grande río da apoteose final.

Son moitas as chiscadelas de ollo que Freixanes bota á nosa mellor tradición, e non só á nosa, senón a moitas outras da contorna, o que amosa tanto un habelencioso posprocesado de influencias e lecturas en homenaxe como a mestría para incorporar todos eses materiais dende a primeira liña.

Seguir lendo