Casas literarias: Vicente Risco

rua da paz casa riscoO número 25 da rúa da Paz —antiga rúa dos Zapateiros— en Ourense é un vórtice literario de primeiro nivel. Que dous dos máis grandes escritores galegos do pasado século nacesen no mesmo edificio é un feito insólito do que custa procurar paralelos.

No primeiro andar desta vivenda veu ao mundo o 1 de outubro de 1884 Vicente Martínez-Risco e Agüero e alí pode lerse hoxe unha placa conmemorativa que o Concello de Ourense dispuxo polo seu centenario.

placa riscoO certo é que Risco viviu nela só certo tempo, pois seus pais trasladáronse, sendo el mozo, ao número 6 da Praza do Ferro, onde residiu xa ata que casou en 1922 coa allaricense María del Carmen Fernández, coa que tivo catro fillos: Carmeliña, Antón (tamén el escritor e estudoso literario), Chus e Cruz. Logo da voda, o casal foi vivir ao número 47 da rúa Santo Domingo.

Foi esta vivenda da rúa Santo Domingo un dos epicentros da Atenas galega do seu tempo. Polos célebres faladoiros que alí se mantiveron pasou gran parte da intelectualidade galega daqueles anos e, xaora, a práctica totalidade da ourensanía, pois naquel piso dispuxéronse as liñas mestras de actuación que marcaron toda a Época Nós.

fundacion risco IIMais a da Paz e a de Santo Domingo non foron as únicas moradas de Risco. A cartografía vivencial do escritor debe completarse coa casa dos seus devanceiros na rúa Grande, 4, do Castro Caldelas (hoxe reconvertida en pousada rural que alberga unha biblioteca monográfica sobre o autor) e, tamén si, a casa patrucial da súa familia política, na rúa San Lourenzo, 3, en Allariz, actual sede da Fundación Vicente Risco, inmoble de titularidade municipal no que se custodian os fondos bibliográficos, documentais e plásticos tanto do creador de O porco de pé coma do de Margarida d’Ouridac.

Vicente Risco foise, tal día coma hoxe de 1963, para ser enterrado no camposanto de Vilanova, en Allariz. Deu o derradeiro adeus na casa da rúa Santo Domingo, non lonxe daqueloutra vivenda da rúa da Paz na que nacera, onde espertou aos soños dunha outra Galicia, esa que imaxinaba co seu veciño do andar de arriba entre subidas e baixadas polas escaleiras máis literarias do país.

Noticia de ‘Initium’

Mercé á xentileza do profesor Aquilino Iglesia Ferreirós, fillo do gran poeta Aquilino Iglesia Alvariño, descubro a revista catalá de Historia do Dereito Initium.

Así, de primeiras, podería parecer que esta cabeceira da Associació Catalana d’Història del Dret Jaume de Montjuïc ben pouco pode ter que ver coa literatura galega. Nada máis lonxe da realidade. O feito de que a dirixa o amentado catedrático de orixe galega fai que as súas páxinas teñan dado acubillo ao longo do tempo a diversos traballos sobre a nosa escrita. Mesmo conta cun apartado de título inequivocamente galego: “Frangullas ou migallas”.

Esta singularidade nunha cabeceira sobre Dereito en Cataluña foi aínda máis aló nos dous últimos números, pois non só mantivo esa airexa galega á que me refiro, senón que reproduciu valiosos materiais vencellados á figura do escritor abadinense.

No número dezasete do anuario Initium, correspondente a 2012, a sección “De officiis” recolle íntegro o artigo “Os camiños dos hòmes e os camiños de Deus”, un longo ensaio sobre a Transcendencia e a Orde Política na Antigüidade, Medievo, Renacemento, Revolución Francesa e o Romanticismo nacionalista que aparecera publicado orixinariamente no sexto número da revista Alento correspondente ao nadal de 1934, que pode consultarse aquí.

Mais se interesante é esta recuperación, aínda o é máis, se cabe, a achega que na mesma sección “De officiis” ofrece o número dezaoito de Initium aparecido neste mesmo ano. Todo o apartado vai dedicado a materiais galegos. Comeza cunha “Nota editorial” de Iglesia Ferreirós na que se explica a procedencia dos textos e o sentido da súa publicación e segue con estes.

O primeiro dos mesmos é o artigo “Voltèmos aos nosos poetas”, dado á luz por Iglesia Alvariño na referida Alento, desta volta no número triplo 10-11-12 de abril-maio-xuño de 1935. Un ensaio capital para entender as ideas nacionalitarias das Mocidades Galeguistas ás que xa pertencía daquela o poeta e a súa relación coa base ideolóxico-literaria da que bebían, moi principalmente de orixe pondaliá, un escrito que pode lerse íntegro aquí.

O apartado péchase coa reprodución dunha carta de Vicente Risco a Xosé Núñez Búa, quen fora fundador da Irmandade da Fala en Vilagarcía e director do León XIII, ao que tamén pertenceu Iglesia Alvariño. A misiva, autografada o 29 de setembro de 1933, ofrécese coa correspondente transcrición e revela unha clarividencia verbo da problemática do nacionalismo do seu tempo abraiante.

Risco escríbelle a Núñez Búa para intercambiar pareceres entre un nacionalista ‘novo’ (el mesmo) e un ‘antigo’ (o escritor de Cotobade). Confésalle, en pleno 1933 que, tal como el o ve, “a repúbrica está fracasada” e que hai que se organizar pois “Compre trasformar de todo o galeguismo, darlle un contido de defensa da tradición integral galega, e orgaizalo en forza de choque, deixando todol-os vellos procedementos polítecos. E isto urgentemente, caldamente ao principio, pra erguerse de súpeto armados de todas as armas”. É máis, a súa acuidade na diagnose da situación faille laiarse porque sabe que, respecto disto último, “eu ben sei qu’isto non se fará. Ben sei que é inútile de toda inutilidade que eu vos diga estas cousas. Non importa. Garda ben esta carta. Veremos que me dis dentro d’uns anos, 2 ou 3 o mais. Queira Deus que me trabuque.” Non o quixo Deus. Tres anos despois chegou a aviación franquista á Península.

Como entendo que esta carta ten, dende o histórico-político, unha notoria relevancia, reprodúzoa enteira como ilustración, en imaxes que poden ampliarse clicando nelas, non sen antes felicitar o profesor Aquilino Iglesia Ferreirós por tan valiosos materiais recuperados e o seu inestimable labor á fronte de Initium.

Risco entre nós

Vai alá medio século dende que nos deixou Vicente Risco. Un mundo de tempo no que teñen sucedido mil e unha cousas.

Non teño claro que este milenio no que andamos lle tivese gustado a Risco. Talvez lle resultara demasiado laico, pouco conservador, probablemente non todo o nacionalista (na dirección que cada quen queira entender) que podería.

 O que si coido que lle chamaría positivamente a atención sería a atención que se lle segue prestando á súa figura. Se cadra sorriría con algunhas das interpretacións que da súa traxectoria se levan feito, pero non cabe dúbida de que estaría satisfeito de que o seu legado dese tanto que falar e que pensar.

Na última ducia de anos asistimos á publicación dos máis variados volumes recuperando, exhumando, anotando, comentando ou, simplemente, reimprentando a súa obra. Teses doutorais, monografías, ensaios colectivos, volumes de actas, compilacións xornalísticas, reedicións literarias, producións multimedia e outras iniciativas confirman que o interese por Risco se mantivo constante ao longo do tempo e, se ben é certo que non pode compararse ao doutros autores do seu mesmo século, non pode negarse que un clásico coma el mereceu e ha merecer sempre a atención debida por parte de estudosos e mediadores.

Non sei se esa consideración e curiosidade é parella no lectorado común. Poida que peque de desinformación, pero dáme a min que entre as novas promocións o coñecemento directo dos textos de Risco é máis que discreto e que, fóra dalgún relato ou algún fragmento ensaístico, a maioría dos nosos discentes de calquera nivel educativo apenas se del coñecen catro datos biográficos perdidos entre a marfallada dos libros de texto e/ou manuais e historias da literatura, cando non dalgunha fonte internetiana de carácter divulgativo.

E é unha mágoa, porque a un Risco debería parecerlle calquera cousa menos obviable. Poucos personaxes tan poliédricos, tan complexos e polémicos coma este ourensán que foi primeiro actor dos máis importantes acontecementos vividos en Galicia na pasada centuria. Porque mellor que falar de Risco habería que pensar nos múltiples Risco: o ensaísta e teórico político pero tamén o literato, o ourensán e o caldelao, o xornalista e o intelectual, o pedagogo e o mestre tertuliano, o etnógrafo e o arqueólogo, o heterodoxo e o neosofista, o filolusista e o allaricense, o dramaturgo e o conferenciante, en fin, o home do seu tempo e da súa circunstancia.

Deixo dito que é notable o labor que por diferentes especialistas se leva realizado nos últimos lustros para o mellor coñecemento da obra risquiana, unha tarefa na que cómpre aplaudir a meritoria actuación da fundación que leva o seu nome. Mais, lonxe de ser o seu legado un herdo esgotado, aínda fican por laborar moitos eidos; poño por caso: ¿para cando edicións críticas e/ou academicamente anotadas e prologadas de todos os seus textos?

Non quero rematar estas liñas sen unha observación e un rogo; a consideración atinxe á que entendo desigual atención que parece gozar dun tempo a esta parte o seu perfil de creador respecto da súa dimensión como ideólogo. Tal semella que o teórico nacionalista (e o seu reverso posbélico) tivesen fagocitado o excelente narrador, dramaturgo, articulista e aínda tradutor que hai en Risco e isto, entendo, debe reequilibrarse. Canto ao prego, velaí vai: aproveitando a efeméride do seu pasamento, ¿por que non a (re)edición de textos e novas análises?, ¿por que non a realización dunhas xornadas que reactualizasen para a cidadanía a súa figura? A importancia de don Vicente xustificaría, con certeza, tales desvelos.

O apañador de contos

Os nosos paisanos, daqueles que mellor conservan a tradición literaria oral, din que saben moitos contos dos de antes, moitos contos antigos. Niso andou sempre Risco: na conversa e estudo dese acervo que a veciñanza contiñeira herdara e mantiña. Grazas a tal empeño conservamos textos, análises e teorizacións fundamentais para a nosa historiografía literaria oral, que ten en Risco o fundador da súa moderna tradición.

Unanimente recoñecido polos seus traballos de xorne etnográfico, Risco non só é o primeiro sistematizador desta disciplina en Galicia, senón tamén un dos seus máis entusiastas defensores, divulgadores e aínda compiladores nun tempo no que a literatura galega e, amais, oral popular era vista por non poucos como un entretemento abondo prescindible.

Coa perspectiva que medio século por medio dá, quero aquí, máis unha vez, reivindicar a necesaria (re)edición e estudo dos materiais (primarios e secundarios) da nosa literatura de tradición oral nos que Risco se debruzou, pois se o seu labor como literato e ideólogo ten sentido é, tamén, grazas a ese substrato oral do que se alimentou e que abrollou, nutríndoas, ao longo de tantas outras páxinas súas.

Agora que este vindeiro día 30 se conmemorará a primeira media centuria sen o seu orientalizante e volteriano consello, oxalá sirvan estas liñas para convidar á lectura da obra dun autor de curiosidade insaciable, quen en setenta e oito anos de vida deu mostras máis que sobradas de atesourar sabedorías ben diversas que logo verteu en monografías como as dedicadas á biografía de Satán, a historia dos xudeus dende a destrución do Templo ou a doutrina e ritual da moi nobre orde galega do Sancto Graal.

[Co título “Poliedro Risco”, publicado no xornal Faro de Vigo, 25-4-2013]