Na cerna da Trabe

Cada vez queda menos para que unha das nosas máis prestixiosas revistas culturais chegue ao cento de números publicados: A Trabe de Ouro, referente indispensable no ensaísmo de pensamento crítico que aí atrás tiraba do prelo a entrega correspondente ao primeiro trimestre deste ano.

Como en tantas outras ocasións, tamén desta volta a cabeceira dirixida por Xosé Luís Méndez Ferrín reúne un feixe de colaboracións de moi alto nivel intelectual, entre as se contan tanto artigos longos coma nótulas, recensións literarias, discursos, presentación de libros e aínda recuperacións textuais de obras inéditas.

O carácter interdisciplinar e humanista da revista explica a diversidade temática das súas colaboracións, que atinxen por igual a cuestións sociohistóricas (así na escrita de Enzo Traverso) que a realidades psicosanitarias (Marcial Gondar Portasany), políticas (Francisco Sampedro, Ricardo Castro Buerguer), semióticas (Carmen García Cela) ou sociolingüísticas (Francisco Fernández Rei). Mais é nas contribucións de tipo literario onde se concentra a maior parte das achegas da revista e é xustamente nelas nas que agora quero reparar sequera brevemente.

Alén do introito editorial co que se abre o número baixo o explícito título de “50 anos e Paz Andrade” —texto sen asinar que, porén, hai que supoñer da autoría da dirección ou do consello de redacción da revista—, esta A Trabe de Ouro contén unha moi rigorosa análise do Coloquio de 24 rústicos debida a Anxo Angueira, dobremente apreciable se se pensa que son case inexistentes os traballos previos nos que a célebre obra do Padre Sarmiento foi abordada dende o estritamente literario.

Do mesmo xeito, nas seccións “Acoutacións” e mais “Publicacións” poden lerse recensións críticas da novela de Manuel Rivas Os libros arden mal, do volume colectivo Celso Emilio fai 100 anos e do estudo biográfico levado a cabo por Xurxo Martínez González Luís Soto. A xeira pola unidade galega, debidas, respectivamente, a Xabier Cordal, María González Salpurido e María Dolores Villanueva Gesteira. Estes textos compleméntanse coa transcrición da alocución “Muller para lonxe, de Uxío Novoneyra” que o profesor Luís Cochón pronunciou durante a presentación dunha recente reedición daquel poemario do escritor courelao. A maiores, cumpriría engadir aínda o amplo ensaio sobre a narrativa do autor de Memorias dun neno labrego realizado por Newton Sabbá Guimarães en “A arte do conto em Xosé Neira Vilas” e, sobre todo, a exhumación de Canto en catro ao Conde de Andrade, poemario inédito de Valentín Paz Andrade que foi recuperado como primicia para a revista por Miguel Anxo Seixas Seoane de entre o legado do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras e que agora figura tamén recollido na edición que Gregorio Ferreiro Fente fixo da súa Poesía completa.

Máis que interesante, por tanto, o conxunto de textos reunidos neste novo número da revista A Trabe de Ouro, emblemática cabeceira que con moi meritorio esforzo saca do tórculo Sotelo Blanco Edicións nunha bendada maridaxe coa aposta intelectual defendida polos seus responsables, que ben pronto ha de cumprir nada menos que dúas décadas de andaina. Sobran as palabras.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 5-7-2012]

Iceberg poético

Tras meses de espera, por fin veu luz a Poesía completa de Valentín Paz Andrade, distribuída por Xerais despois da efeméride que lle deu sentido á súa nacenza e cando xa o lectorado do país se cura da resaca posletrega como quen se pon a dieta tras dun nadal de empachos pazandradianos.

E, secasí, a publicación deste volume segue a ser substantiva e constitúe a achega de maior calado e transcendencia das non poucas interesantes este ano aparecidas ao redor da biobibliografía do pontevedrés.

A presente edición correu a cargo do estudoso e investigador Xosé Gregorio Ferreiro Fente, bo coñecedor da escrita de Paz Andrade por terse ocupado dela con anterioridade. Xustamente por iso, o seu labor resultou máis que satisfactorio, pois tanto a análise introdutoria como a coherente fixación textual e as oportunas notas de lectura incorporadas a estas páxinas fan da obra un texto excepcional.

O que esta Poesía completa ofrece é nada menos que os tres libros de versos éditos do autor a canda ata outros sete poemarios e/ou cadernos poéticos ata hoxe rigorosamente inéditos ou de circulación moi restrinxida.

Por tanto, é máis que evidente a importancia desta achega para o coñecemento integral da lírica de Paz Andrade, da que ata o de agora só se albiscara a punta dun iceberg, a fabulosa base do cal énos aquí revelada dilixentemente por Ferreiro Fente.

Agora ben, cómpre dicir que este novo caudal poético recuperado non fai senón confirmar as liñas temáticas e estilísticas xa coñecidas na escrita de Paz Andrade. Se acaso acentúan a súa presenza nestas planas composicións de raiceira telúrico-paisaxística e algunhas outras de xorne etnográfico. E se ben é indubidable a habelencia versificadora do de Pontevedra e o seu adestrado sentido musical, tamén o é que o seu estrofismo, a súa imaxinería e toda a arquitectura versal continúan a remitirnos a unha poesía de dourada medianía, herdeira do maxisterio das grandes voces de tempos ben recuados.

Endebén, segue a pagar a pena perderse polas follas desta Poesía completa de Valentín Paz Andrade, perfectamente editada por Xosé Gregorio Ferreiro Fente. Un título co que Xerais enriquece, e de que maneira, a súa xa imprescindible colección Clásicos.

[Publicado nos xornais Faro de Vigo, 31-5-2012 e mais La Opinión, 2-6-2012]

Valentín Paz Andrade e James Joyce

Un dos aspectos no que menos se ten reparado respecto da poética de Valentín Paz Andrade é o da súa asunción dos influxos da mellores tradicións literarias foráneas. Un exemplo notorio do que afirmo é o seu poema “As ovellas de Joyce”, no que o escritor pontevedrés propón un xogo intertextual moi elaborado que emparenta os seus versos cos da obra do autor dublinés.

En efecto, o amentado poema ábrese cunha cita traducida do célebre Finnegans Wake que pertence á primeira parte do segundo episodio deste libro. O que segue é un poema en dúas seccións que pode lerse como unha sorte de fábula antropomorfizada de carácter universal, mais tamén como unha alegoría en clave patriótica. En esencia, a poesía de Paz Andrade é unha crítica á pasividade das ‘ovellas’ ás que axexa o ‘lobo’, ovellas que se delatan polas súas propias chocas, deixando así o camiño expedito ao seu natural depredador.

O poema insírese no libro Cen chaves de sombra (1976) e formula dous interrogantes: ¿como chegou Paz Andrade ao coñecemento da escrita de Joyce e por que lle interesou, xustamente, este fragmento do Finnegans Wake?

Ao primeiro responderíase lembrando toda a tradición empática que os autores de Nós despregaron con Joyce: tradución histórica dos fragmentos do Ulysses por Otero Pedrayo, influxo do irlandés en textos deste e Risco… E tamén é fundamental, xaora, a súa abondosa presenza en Grial, publicación de cabeceira (por amizade e afinidade) para Paz Andrade, así como nalgún longo ensaio do seu amigo García Sabell.

Agora ben, coido que o coñecemento máis profundo da obra joyceana lle veu ao pontevedrés durante as lecturas preparatorias para a monografía A galecidade na obra de Guimarães Rosa (1978), pois foron varios os analistas (Willi Bolle, Oswaldino Marques, Ariano Suasuna, mesmo H. A. Murena en Grial) que sinalaron influencias de Joyce no brasileiro.

Canto á segunda das cuestións, entendo que é a presenza do personaxe do lobo Isemgrim na cita o que dá a razón do interese: grazas a el os versos de Paz Andrade enxertan coa máis graúda tradición occidental, que preconfigura este lobo humanizado na Ecbasis captivi (c. 940), se amenta por vez primeira na obra homónima do poeta Nivardo (c. 1148-1153), se fai admirable literatura no Roman de Renart (fins do s. XII) e alcanza logo moitos outros grandes nomes, entre eles os irmáns Grimm.

Por tanto: a poesía de Paz Andrade amosa aquí, baixo a aparencia dunha inxel simplicidade, un xogo de intertextualidades e lecturas múltiples que non só a unen á obra de James Joyce, senón que a sitúan, asemade, no ronsel da máis brillante literatura europea.

[Publicado no xornal Faro de Vigo, 17-5-2012]

O indomable Valentín Paz Andrade

A vida de Valentín Paz Andrade é un exemplo admirable de abnegada entrega á causa da cultura e a literatura de noso. Dende moi noviño, todos os esforzos e desvelos do autor estiveron dirixidos a facer da nosa Terra e as súas letras un ceo estrelado que fulgurase incomparable.

Se un sobrevoa os principais socalcos biográficos do escritor decatarase axiña de ata que punto o pontevedrés entregou á causa de noso todo o seu ser, expoñéndose, en non poucas ocasións, á creba da súa saúde e mesmo á propia desaparición por mor da defensa dos seus ideais patrióticos.

Neste sentido, o cidadán Paz Andrade foi unha sorte de indomable, como aquel famoso Luke Jackson que protagonizara Paul Newman no coñecido filme de Stuart Rosenberg, Cool Hand Luke (1967), un clásico que por aquí se traduciu máis expresivamente como A lenda do indomable. Igual que aquel presidiario que se negaba a obedecer as ordes despóticas do alcaide do cárcere no que permanecía recluído, tamén Paz Andrade loitou con todo o seu alento polas causas que lle parecían xustas.

O primeiro episodio dese nobre combater viviuno con apenas vinte e seis anos. En xuño de 1924, o escritor dirixía o xornal vigués Galicia, que el mesmo axudara a fundar o Día da Patria de 1922. Pois ben, con motivo dunha agre polémica co gobernador militar da provincia, foi encarcerado durante quince días por negarse a pagar dúas multas de duascentas cincuenta pesetas. Como Luke, o periodista Paz Andrade, no libre exercicio da súa profesión, preferiu as privacións da cadea a ceder á presión do xeneral Rodríguez del Barrio, quen actuaba seguindo o modus operandi propio dos afectos á ditadura de Primo de Rivera (E conste que non sería esta a derradeira vez que tivese que durmir entre barrotes, pois moito despois, en 1957, por causa dunha nova na que se daba conta do cesamento do comandante militar de Mariña en Vigo, Félix de Ozámiz, na revista Industrias Pesqueras que el mesmo dirixía, volveu ser encarcerado un mes enteiro).

Algúns anos máis tarde, esa denodada pugna por sobrevivir e seguir adiante cunha existencia dedicada a Galicia deparoulle outra traumática experiencia: durante os enfrontamentos entre os sindicatos de pescadores e os armadores que levaron á folga e o lock-out pesqueiro do ano 1932, Paz Andrade, á sazón letrado asesor dos armadores, sufriu un violento atentado na Rúa do Príncipe por parte de dous cenetistas, que dispararon cinco proxectís sobre o seu corpo o 22 de novembro daquel ano. Malia a gravidade do incidente, o escritor ficou vivo, aínda que gardaría para sempre memoria física daquel suceso, que lle deixou unha bala aloxada nunha clavícula ata a fin dos seus días. Porén, aínda lle quedaba moito sangue que dar á patria galega.

Seguir lendo

Para ler a Paz Andrade

Agora que vai achegándose, paseniño, o Día das Letras Galegas, non estará de máis recomendar unha competente monografía na que informarse da vida, obra e milagres dese personaxe singular que Valentín Paz Andrade foi e a quen dedicamos este ano a honra da efeméride.

Ensaísta, periodista fundador de históricas cabeceiras, poeta de estro errático e empresario de éxito, Paz Andrade é un deses nomes sen os cales non pode comprenderse na súa integridade a historia do galeguismo cultural, político e socioeconómico do pasado século.

Por iso mesmo é tan de agradecer que a investigadora Charo Portela Yáñez puxera por xunto o seu saber sobre o autor no volume Valentín Paz Andrade. Vida e obra, que ve luz na indispensable colección Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia.

Non é esta a primeira vez que Portela Yáñez se achega á figura do pontevedrés e iso nótase. Lonxe deses libros de encarga para a ocasión, a que fora subdirectora de Ediciós do Castro amosa aquí o seu fondo coñecemento da biobibliografía do escritor, atesourado ao longo de anos de trato directo cos que foron os seus amigos máis próximos e, tamén si, coa súa familia e o seu arquivo documental.

O resultado de frecuentar por tanto tempo os textos e contextos do homenaxeado é un estudo que ofrece unha condensada pero exhaustiva biografía deste —que ten as súas raíces nunha obra anterior de Portela Yáñez, Valentín Paz Andrade, editada por Ir Indo hai xa catorce anos—, á que se amece unha completa panorámica da súa obra literaria (poesía e ensaio literario), xornalística (en cabeceiras como Galicia. Diario de Vigo, Industrias Pesqueras e outras), de ensaio económico e do sector pesqueiro e mais da escrita epistolar.

Seguir lendo