Dei no seu día noticia da aparición do primeiro volume da serie Valente vital, unha publicación da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC que analizaba a biografía literaria do grande escritor ourensán. Aquel libro inicial repasaba a infancia e mocidade galegas do autor, a súa estancia como estudante universitario en Madrid e a súa presenza como profesor na Universidade de Oxford. Tempo despois dei conta do xurdimento do segundo volume da serie, centrado nesa ocasión na súa andaina literaria mentres era funcionario tradutor de diversos organismos internacionais tanto en Xenebra coma en París e tamén nas súas vivencias na Alta Savoia.
Pois ben, complétase agora a serie coordinada por Claudio Rodríguez Fer co terzo volume de Valente vital, desta volta cun subtítulo parentético que guía sen perda: Magreb, Israel, Almería.
Son xusto estes tres espazos percorridos polo poeta e, nalgún caso, domicilio de seu os que serven de epicentro para a análise dos seus últimos anos. Consecuentemente, a obra subdivídese en tres grandes capítulos analíticos, nos que se vai dando conta de aspectos que teñen que ver coas viaxes e vivencias do autor neses lugares e tamén coa asunción e posprocesado das súas culturas na súa escrita.
En “Del Magreb a Israel: Semillas semitas” é o editor da obra, o profesor Rodríguez Fer, quen se ocupa da querenza arabista dende novo do poeta, así como das súas múltiples viaxes a Marrocos e Tunisia e tamén da súa simpatía pola cultura xudaica e as súas visitas a Israel.
Pola súa banda, o estudoso Manuel Fernández Rodríguez analiza en “Las vías de la cábala al sufismo: Dos movimientos, una quietud” o moi complexo e vizoso mundo espiritual que imbuíu a escrita de Valente, chea de símbolos e ritos, de tradicións e estratos culturais que remiten, unha e outra vez, á cábala e o sufismo, así como ao Sefarad e o seu legado.
Rematando o libro disponse o traballo de Fernando García Lara, profesor almeriense que se ocupa, precisamente, da etapa levantina do poeta en “Almería 1985-2000”. Na rememoración destes derradeiros anos evócase a súa radicación naquelas terras, o coñecemento da cultura andaluza en xeral e da flamenca en particular e as diferentes pegadas que ese mundo foi deixando na súa produción. Por xunto, estas tres longas e moi documentadas análises do máximo rigor académico fornecen un volume de case medio milleiro de páxinas, que dá cabo a unha serie definitiva para a biografía literaria dun dos máis destacados poetas do XX, amais senlleiro ensaísta, tradutor e prosista.
Cómpre, pois, saudar con aplauso este Valente vital (Magreb, Israel, Almería) editado por Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago, institución que dá á luz a obra co primor que nos ten acostumados o seu Servizo de Publicacións, quen ofrece aquí unha coidadísima edición en tea, recuberta por unha elegante camisa que incorpora a reprodución dun cadro da excelente pintora almeriense Lola Valls, El vuelo y la sombra.
Valente dedicou un fermoso poema a Rosalía. Nel deixou dito: “Se fue en el viento, volvió en el aire./ Le abrí en mi casa la puerta grande./ Se fue en el viento. Quedé anhelante./ Se fue en el viento, volvió en el aire./ Me llevó adonde no había nadie./ Se fue en el viento, quedó en mi sangre./ Volvió en el aire.” Tamén o de Ourense regresa agora no ar, na límpida membrana do vento dos que o len e o devocionan, profundando no sentido último dos seus textos. Leámolos, pois da súa man entraremos pola porta grande da casa do poeta.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 25-2-2018]