Beleza versus barbarie

belezaoubarbarieNos eidos da filoloxía e da literatura galegas a figura de Claudio Rodríguez Fer é ben coñecida e estimada. Nel temos a unha das personalidades máis versátiles e innovadoras das últimas décadas e así ten sido recoñecido con numerosos premios e distincións, tanto polo seu labor como poeta coma pola súa dedicación como galicianista e hispanista.

A proxección da escrita poética de Rodríguez Fer pula alén das nosas fronteiras, o que o converte nun dos nosos autores máis traducidos e lidos en todo o mundo. Universidades de toda parte, institucións e organismos varios, tamén asociacións e grupos de intelectuais demandan a súa presenza para impartir clases maxistrais e ofrecer recitais, o que favorece e mesmo fai preciso que os seus versos se vertan a outras linguas.

Consciente desta necesidade, Rodríguez Fer animou hai uns anos a creación dun selo independente e autoxestionado ao que se lle puxo o rosaliano nome de A Tola Soñando. Nel fóronse publicando dende 1995 obras de Emily Dickinson, André Breton e Léo Ferré vertidas ao galego, ademais de versos de Carmen Blanco, María Lopo, Olga Novo e Cristina Fiaño. Pero a serie acolleu, sobre todo, traducións de textos do propio Rodríguez Fer ao francés, inglés, italiano, grego, castelán, ruso, romanés e esperanto e un deles en concreto, A cabeleira, foi trasladado a máis de sesenta idiomas.

Pois ben, aparece agora unha nova entrega de A Tola Soñando co título de Beleza ou barbarie / Bellesa o barbàrie, que leva ao catalán unha vintena de poemas de Rodríguez Fer traducidos pola poeta, narradora e crítica literaria Marta Pesarrodona, as profesoras Maria Mercè López Casas e Dolors Perarnau e o ensaísta Mathias Ledroit.

A escolma recolle versos do escritor que representan todos os seus ciclos temáticos e que abranguen unha cronoloxía que vai dende os mediados dos oitenta con composicións de Historia da lúa (1984) ou A boca violeta (1987) ata os máis recentes de Unha tempada no paraíso (2010) ou A muller sinfonía (2017). É, por tanto, unha antoloxía representativa da súa traxectoria estética e daqueles universos de sentido que a caracterizan: o telurismo radical, a adhesión á causa solidaria dos oprimidos e represaliados, a erótica vital e o cosmopolitismo integrador, que neste caso se ven naturalmente complementados coa presenza dalgúns poemas de creación e ambientación especificamente catalás, caso dos titulados “A Rambla” ou “Barcelona”.

A plaquette complétase coa inserción de tres poemas visuais nos que se xoga co simbólica plurisignificativa das mans e pés e un pequeno apéndice que incorpora unha nótula curricular do autor e unha ampla nómina bibliográfica.

Beleza ou barbarie / Bellesa o barbàrie é unha ponte poética, un adival que ata forte a escrita dun autor de noso coa lingua desoutra nación irmá que é Catalunya, coa que comparte angueiras identitarias (as bandeiras de ambos os países que na cuberta se reproducen son abondo significativas a este respecto) e tamén devezos e angurias históricas reflectidos nestes versos que, na súa substantiva universalidade, inciden en asuntos compartidos como a procura da fraternidade e a sororidade, a recuperación e dignificación da memoria furtada ás xentes e aos pobos, a paixón amorosa ou a autenticidade como xenuíno e irrenunciable principio para a felicidade.

Máis unha vez cómpre congratularse pola boa noticia de que os versos de Claudio Rodríguez Fer, un dos nosos mellores autores, sexan traducidos e teñan nova vida noutra cultura. É sinal de que en galego estamos no mundo e de que a nosa escrita é unha inmellorable embaixada para nos coñezan e recoñezan.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 19-5-2019]

Unha ducia de galegas

anxelespenasNesta semana na que celebramos o Día dos Namorados, presta especialmente saudar a aparición dunha antoloxía na que amor e muller van de mans dadas: Amor en femenino.

A selecta asínaa o profesor Maximino Cacheiro, quen xa a publicara en galego no 2006 e ve agora como toma corpo a súa edición en castelán na Editorial Manuscritos en tradución de Ánxeles Penas.

Amor en femenino reúne case unha ducia de poetas con versos que cantan o amor. Rosalía de Castro é a voz primeira e fundacional e, tras dela, diversas autoras das xeracións que foron sucedéndose no pasado século: Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg, María Xosé Queizán e Helena Villar Janeiro entre as máis experimentadas; Ánxeles Penas, Marica Campo, Pilar Pallarés, Ana Romaní e Marta Dacosta entre as autoras máis recentes.

Como é doado deducir, as visións do amor e as poéticas ensaiadas son ben diversas, pois trátase de creadoras con estéticas complementarias, froito de camiños autoriais tamén diferenciados e de etapas literarias igualmente diverxentes. Doutra parte, a escolma que do conxunto da produción de cada autora leva a cabo Cacheiro tamén direcciona nun sentido determinado a lectura e a visión do amoroso e o poético en xeral, o que imprime aínda un selo máis persoal á proposta que se ofrece.

Secasí —e malia a diferente extensión da obra antologada en cada caso—, o libro resulta un mostrario posible de abordaxes amorosas en verso por parte dalgunhas das escritoras máis recoñecidas dos últimos cento cincuenta anos. Certamente, haberá quen detecte ausencias notables, mais esta é unha antoloxía de autor, Maximino Cacheiro, e, polo mesmo, unha selección de voces que provén dunha peneira crítica coa que pode coincidirse ou non, pero que, á fin, debe respectarse por ser da enteira responsabilidade do editor.

O libro conta cun prólogo de Camiño Noia e unha nota da tradutora. O primeiro é un apuntamento abondo sucinto e panorámico, mais o texto de Penas revela procesos e decisións sobre o seu óptimo traballo de traslado poético que todo degustador literario agradecerá.

Editado con pulcritude e limpidez, este volume ofrécenos os versos maiores da Rosalía de Cantares gallegos e Follas novas e, ao seu carón, a escrita dos 90 codificada no Livro das devoracións de Pilar Pallarés, Das últimas mareas de Ana Romaní ou Crear o mar en Compostela de Marta Dacosta, pasando por outros títulos imprescindibles como Códice calixtino de Luz Pozo Garza, Despertar das amantes de María Xosé Queizán, Amor deshabitado de Ánxeles Penas ou Pedinche luz prestada de Marica Campo.

Xeneroso aplauso merece esta valiosa antoloxía, á que poida que non deba demandárselle máis, pois non é pouco o que ofrece. Porén, postos a pedir, seguro que lle terían vido ben actualizar algúns datos biobibliográficos, sopesar a posibilidade de incorporar novos versos escritos polas autoras nos últimos doce anos e talvez incorporar unha sintética ficha autorial pensando no público castelán, que ao mellor non coñece tanto algunhas destas voces para nós referenciais.

Moito debe agradecerse o esforzado labor de Ánxeles Penas, mercé á cal o lectorado castelán poderá achegarse á escrita dunha ducia de galegas (once poetas e a prologuista) que no seu día, felizmente, puxo por xunto o tamén poeta e ensaísta Maximino Cacheiro neste Amor en femenino, tan apetecible dende a mesma cuberta deseñada por Antonio Fernández Heliodoro.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 17-2-2019]

Escrita galega en italiano

La letteratura galega. Autori e testiA literatura galega e a italiana teñen unha historia que as vencella dende moi antigo, pois xa un dos nosos xograres medievais, Picandon, era compañeiro do trobador de Mantua Sordello da Goito.

Secasi, e malia os contactos que en tempos do Rexurdimento, a Época Nós e todo o pasado século se foron producindo, non foron moitas as veces en que textos galegos se viron vertidos á lingua do Dante.

Por iso é tan agradecida a aparición de La letteratura galega. Autori e testi, unha ampla antoloxía de textos traducidos de medio cento de autores da nosa literatura dende as súas orixes ata a coetaneidade, que se publica no prestixioso selo Carocci Editore.

O criterio que vertebrou a compilación foi a dedicatoria do Día das Letras Galegas. Deste xeito, os creadores traducidos foron, xustamente, aqueles que, dende 1963 ata 2012 (momento de peche do deseño do libro), recibiron a homenaxe do pobo galego no seu día, comezando por Rosalía e rematando, neste caso, en Lois Pereiro.

Os profesores encargados desta obra foron Gemma Álvarez Maneiro e mais Giovanni Borriero, do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Padova. Foron eles, xunto aos seus colegas Rachele Fassanelli (tamén pertencente a esta universidade), Attilio Castellucci (da Sapienza Universidade de Roma) e mais Manuel Negri (da Universidade de Santiago de Compostela) os encargados de verter os textos ao italiano e tamén de elaborar as fichas biobibliográficas que anteceden as traducións.

O volume ábrese cun proemio do profesor Xesús Alonso Montero (“Prologo appassionato ad un’antologia in italiano di 50 scrittori galeghi: una mezza dozzina di osservazioni”) no que incide nas relacións que, ao longo do tempo, o mundo da literatura e a filoloxía italiana e galega mantiveron, congratulándose pola aparición desta obra.

Segue logo a “Introduzione” xeral á obra que asinan os editores, na que dan razón do seu xurdimento, xustifican a escolla do título, afondan nas relacións intersistémicas das dúas literaturas, caracterizan sinteticamente o perfil das e dos antologados, explican a estrutura do volume e rematan cos agradecementos.

 Complementariamente a esta introdución, o libro conta tamén cun apéndice con mapas da Galicia medieval e actual, esquemas histórico-literarios, un breve glosario de termos culturais clave e unha bibliografía xeral, aditamentos todos que enriquecen o traballo e completan a visión do noso campo literario.

Como ben pode deducirse da presenza dos cómpitos filólogos responsables deste La letteratura galega. Autori e testi, a selección e tradución de textos é acaída e merece recoñecemento.

Tamén son de estimar as fichas biobibliográficas que introducen a vida e obra dos antologados, mais aquí é onde un lector galego especializado pode atopar algúns reparos, pois, sendo meritorio o esforzo dos editores e analistas que participaron na obra, non deixan de detectarse certas ausencias que non axudan a unha visión integral dos persoeiros (poño por caso: estudar a obra de Cunqueiro sen contar coas achegas de Anxo Tarrío, a de Blanco-Amor sen citar a canónica biografía de Gonzalo Allegue, a de Fole sen referirse aos traballos de Luís Alonso Girgado e outros ou a de Uxío Novoneyra sen amentar a Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer entendo que non é ofrecer unha panorámica decantada de moito do substantivo que sobre os autores se dixo).

En conclusión: este La letteratura galega. Autori e testi “a cura di” Gemma Álvarez Maneiro e Giovanni Borriero é unha plausible antoloxía dunha non pequena parte da nosa escrita traducida ao italiano. Unha obra que, de seguro, axudará a se familiarizar coas letras galegas ao lectorado italiano en xeral e universitario en particular, ámbito do que esta iniciativa parte e no que con certeza ha ser ben recibido. Vaian, pois, os parabéns para editores, tradutores, prologuistas e todos cantos co seu apoio contribuíron con estas páxinas a que os vieiros de ambas as dúas culturas, linguas e literaturas sigan andando camiño de mans dadas.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 20-1-2019]

Yunus Emre, poeta sufí

yunusemreYunus Emre está considerado un dos fundadores da literatura en lingua turca. Tanto é así que, dende hai algo máis dunha década, o goberno de Turquía creou o Yunus Emre Enstitüsü como unha sorte de embaixada cultural do seu país por todo o mundo. Este centro, que ten sede en Madrid dirixida polo eminente doutor Ersin Adigüzel, promove o coñecemento da lingua e a cultura daquel país, no que a figura de Yunus Emre ten a categoría de poeta nacional.

Por fortuna para o lectorado galego, Diván, a obra referencial da escrita de Yunus Emre, pode lerse agora na nosa lingua mercé á excelente tradución que desta poética fixo o profesor Suleyman Matos Bugallo para a colección Vétera da Editorial Rinoceronte.

É escasa a literatura turca vertida ao noso idioma. Ata onde sei, fóra do caso do moi afamado Orhan Pamuk (de quen temos en galego as novelas Neve (2002), Istambul (2003), O castelo branco (2007), O museo da inocencia (2009) e O libro negro (2011) e resulta máis coñecido a partir da concesión do Nobel en 2006), tan só se teñen traducido poemas contados de Mehmet Kansu e Nâzim Hikmet, o poemario bilingüe do escritor de orixe kurda Ahmed Arif Desgastei cadeas estrañándote (2013) e algunha adaptación de contos populares, como o Mister corvo (2006) do pastor namorado ao que axuda o tal paxaro.

Por tanto, esta tradución ten o valor non só de darnos a coñecer unha figura fundamental desta literatura, senón tamén o de abrir un camiño para nos achegar a unha escrita, unha cultura e un pobo do que moito resta aínda por descubrir.

Pouco é o que se sabe, con seguranza, da vida de Yunus Emre. Tan só que debeu de nacer contra 1240 nalgún lugar de Anatolia e que alí morreu arredor de 1320. Aínda que a tradición popular, un tanto lendaria, fai del un xenio iletrado (talvez para asemellalo á figura do propio profeta Mahoma, tamén analfabeto), o certo é que o seu coñecemento da xaría (lei) e a doutrina islámicas e, sobre todo, da literatura sufí e da literatura clásica persa parece indicar que se trataría de alguén formado nunha madrasa ou escola relixiosa islámica.

Diván é a máis celebrada das obras do autor, quen tamén escribiu Risâlat an-Nushiyya, isto é, o Tratado do consello, un compendio didáctico diverso, que integra tanto textos sobre as orixes do mundo coma sobre os estados de ánimo e comportamentos humanos. En realidade, Diván non foi unha obra dada a coñecer en letra polo propio Yunus Emre, senón que foi douscentos anos despois de el vivir que se compilaron estas composicións orais nunha recolleita que hoxe se lle atribúe. Tal feito é esencial para entender por que, dependendo da edición que se manexe, os poemas do Diván poden flutuar en número dende os trescentos ata os máis de catrocentos.

A edición galega do Diván ofrecida por Matos Bugallo escolma un cento deses cantos, compostos no formato da dörtlük (a nosa cuarteta cunha redif ou palabra rima engadida), o que fai deles textos de gran musicalidade e fácil memorización, pois cómpre non esquecer que eran cantares que Yunus Emre, unha especie de trobador ou xograr nómade, fora recitando por todo Anatolia, Siria e Acerbaixán adiante.

A poesía do Diván conecta, directamente, coa mística sufí e ten como antecedentes as voces do gran poeta persa Mansur al-Hallach (857-922) e do senlleiro andalusí Ibn Arabí (1165-1240). Hai nestas composicións moito de procura da fusión do humano co divino, da lírica que se detén nas grandes e perennes cuestións de toda persoa en todo tempo: o amor, a compaixón, a inxustiza, a esperanza, en fin, o misterio da morte e a transcendencia.

Moito bo atopará quen se achegue a este Diván de Yunus Emre, magnificamente traducido por Suleyman Matos Bugallo para Rinoceronte nunha edición, debe sinalarse, que conta cun valioso estudo introdutorio da súa autoría, complementado coas abondosísimas notas a pé de páxina a este cento de poemas do máis grande tercüman (intérprete) do corazón e a palabra sufís.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 13-1-2019]

 

Ríos de poesía

Nordesía (Luciano Rodríguez, 16-9-2018)A longa e celmosa andaina do profesor, investigador, crítico e ensaísta Luciano Rodríguez (A Veiga do Bolo, 1951) achegou aos estudos sobre literatura galega das últimas décadas títulos xa referenciais. Mais o que talvez non se teña destacado abondo é a súa importante contribución no eido da tradución, pois non son poucos os traballos do ourensán que axudaron a que a escrita galega dialogase coas doutras latitudes.

Pois ben, nesta mesma liña hai que lle agradecer tamén as decenas de textos poéticos procedentes de moi diferentes literaturas que ten vertido para o galego. Un labor no que recuncou frecuentemente nos últimos anos, tal como pode comprobarse nas súas habituais colaboracións coa revista Barbantia, no volume Poesía suspensa (2008) ou mesmo nalgunhas plaquettes que o autor fixo circular entre amizades e xentes do mundo da cultura.

Unha ampla recolleita dese seu labor versionador ao galego dos máis diversos poemas é a arxila coa que se conforma Auga de varios ríos, libro que tira do prelo a Editorial Medulia.

Auga de varios ríos reúne trinta e oito traducións doutros tantos textos poéticos e cancións que foron trasladados ao galego dende as linguas orixinais. O volume, que vai dedicado aos que foron os seus alumnos ao longo de case catro décadas, nace da celebración e o recoñecemento, tal como o propio Rodríguez explica no introito co que abre a obra: “Como sabedes fun profesor en distintos centros de ensino ao longo de trinta e oito anos; e esta é a razón de que sexan tamén trinta e oito os poemas seleccionados, entre os moitos que traducín e que foron utilizados nas aulas de comentario de textos, de literatura e, especialmente, nas de tradución. Recibide como agasallo un poema por cada ano”.

O resultado é un feixe de textos traducidos que fai posible que poidamos ler na nosa lingua un extenso abano de poemas e poetas do século XX e os primeiros anos do XXI, coa única excepción da sempre moderna Safo de Lesbos, quen malia escribir a súa “Oda a Afrodita” hai máis de dous milenios e medio escintila actual coma poucas.

Dispostos cronoloxicamente van tras da autora grega os poemas e cancións dos restantes autores, que inclúen outras voces gregas como a de Cavafis, pero tamén alemás como a de Hilde Domin; de expresión francesa como a do escritor galo Ives Bonnefoy, o suízo Philippe Jaccottet ou o cantautor belga Jacques Brel; e de fala inglesa como os británicos Charles Tomlinson e o beatle John Lennon, o norteamericano Billy Collins e a irlandesa Aisling Doherty. Secasí, os grupos máis numerosos constitúenos a ducia de autores hispanos (os peninsulares José Hierro, Jaime Gil de Biedma, María Victoria Atencia, José Cerezo, Teresa Ortiz, o cantante Joaquín Sabina, Luis Alberto de Cuenca, Luis García Montero, Felipe Benítez Reyes, Aurora Luque, Amalia Bautista e o chileno Óscar Hahn) e os catorce autores de fala catalá: Joan Vinyoli, Maria Àngels Anglada, Joan Margarit, Jordi Gabarró, Antoni Marí, Francesc Parcerisas, Pere Rovira, Jaume Pont, Maria-Merçè Marçal, Marina Rosell, Àlex Susanna e os cantautores Joan Manuel Serrat, Maria del Mar Bonet e Lluís Llach.

Á vista da longa e diversa nómina coido que non hai dúbida ningunha da valía desta obra, que anosa para o lectorado galego voces e textos que acompañaron de sempre ao tradutor e se contan entre as devocións lectoras ás que volve unha e outra vez.

Benia ao profesor Luciano Rodríguez por lembrarnos que, como dicía Pimentel, a poesía é o gran milagre do mundo e poder degustala no noso idioma todo un privilexio. Libros como este Auga de varios ríos, que tan ben edita Medulia cunha suxestiva cuberta de Marta Pía, confirman que Czeslaw Milosz estaba no certo cando asegura que a poesía, si, pode salvar o ser humano.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 16-9-2018]