Atentos aos sonoros títulos de autoría individual e grande aparato publicista das editoriais, hai veces en que aos críticos parecen volvérsenos invisibles outras propostas literarias que, nacendo en berces máis modestos, son tamén fillos ben dignos e, sobre todo, descendencia agradecida para a estesa familia das nosas letras.
Entre esas apostas de base que coido merecen visibilizarse quero hoxe traer a este blog o volume colectivo Premios Terras de Chamoso, recompilatorio dos traballos gañadores deste certame literario na súa IV, V e VI edición, correspondentes aos anos 2010, 2011 e 2012. Un libro que é unha realidade mercé ao abnegado esforzo da Asociación Cultural Arumes do Corgo, plataforma dende a que a veciñanza máis activa deste concello lugués botou a andar un premio para promover a escrita en galego en todas as idades. Tanto é así que nesta obra se recollen poemas e relatos pertencentes a tres categorías: infantil (10 a 14 anos), xuvenil (14 a 18) e de adultos (maiores de idade).
Non me deterei a detallar a participación nas franxas de idade inferiores, pois entendo que, sendo meritorias, son aínda froito dunha obra en proxección, así que o limitado do espazo fará que amente agora só os textos dos maiores. Entre eles, e na edición de 2010, figuran un Xosé Otero Canto gañador da modalidade de poesía con “Chuchas acaroadas das vagas”, intensos versos mareiros recendentes a salseiro, e tamén unha Natalia Alonso Ramos e a súa poética amatoria inzada de imaxes circenses en “A equilibrista e o circo”.
Na mesma convocatoria, Pedro Naveira Pedreira coa prosa “Unha viaxe desacougante” (historia de maldicións con transfondo fantástico) fíxose co galardón do que foi accésit Xosé Luís Vázquez Somoza con “Conta xusta”, humorada tremendista ben trazada.
Novamente Otero Canto con “A praia amanceba” (outra volta marusías de Eros) volveu facerse co premio de poesía no 2011, sendo nesta ocasión accésit Soraya Cortiñas Ansoar con “A avoa”, tenra lírica da memoria do clan. Da súa parte, Xulio Romero Suárez con “Penando” (relato de ultratumba homenaxe ao Castelao de ollada máis vidrada ou o Risco mas alveiriano) e Tito Pérez Pérez con “Elba” (confesión amorosa de innegable pegada poética) foron os distinguidos como narradores.
Na derradeira das convocatorias das que se recollen traballos, a do 2012, os versos gañadores asinounos Javier Rodríguez González, quen en “Homenaxe” propón unha estética neoculturalista de múltiples referencias literarias e evocadoras espacializacións, moi lonxe da escrita de xénero da mindoniense Eva de la Torre Conde en “Nadas de nobre estirpe”, triunfal afirmación enraizada na tradición e o humus propio. A réplica dánllela Marcelino Sisto Deibe, vencedor na modalidade de narrativa con “Mariñeira”, historia de naufraxios vitais e doídos afectos, e mais o xa referido Pérez Pérez, quen en “O conto do esquío e da martaraña” ensaia a prosa de parábola fabulística con eficacia probada.
Terras de Chamoso engade un apartado final que recolle textos de “Escritores que colaboraron nalgunha edición do certame literario”, sección na que varios dos xurados que axudaron a facer posible o premio achegan colaboracións ben en verso ben en prosa. Así, Toño Núñez co relato “Gastroenterite mental” (suxestión futbolística co humor por bandeira); Adela Figueroa Panisse e o seu poema “Um conto chines triste” (versos lusos e viaxeiros dunha oriental que acaba por radicarse entre nós); Isidro Novo co divertimento lírico “Un albanel”, dominio do ritmo de experimentado versificador; Mario Outeiro e “Nosa nai, Galiza!”, prosa patriótica de acendida afirmación nacionalitaria; Marica Campo con “As catro lúas de Agustina-Carolina”, emotiva historia versalizada e en catro estacións da Bela Otero; e, finalmente, a “Fábula do porco rezador” de Antonio Reigosa, conto que bebe do substrato literario da tradición oral e nos fai viaxar ás lonxincuas terras do Oriente Próximo para narrarnos unha fascinante historia que emparenta con As mil e unha noites.
Parabéns, pois, ás xentes de Arumes e aos seus patrocinadores dende a Deputación Provincial de Lugo por facer posible a publicación deste Terras de Chamoso, exemplo de como fóra das grandes arañeiras editoriais tamén escoa, entre as fírgoas, interesante e necesaria literatura.
[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 28-9-2014]