A música das palabras

cedesliterariosPor fortuna, cada vez son máis numerosos os traballos nos que música e poesía galega se dan a man. Nos últimos tempos ten visto a luz unha notable cantidade de discos nos que son musicados temas literarios de noso, o que resulta unha agradecida sinerxía para ambas as partes, pois os músicos contan con letras de indubidable calidade artística para as súas pezas e, pola súa banda, as e os poetas poñen voz á súa escrita, vendo como cobran vida alén do papel.

Hoxe quero referirme a tres destes cedés nos que poesía e música son un todo lírico que nos lembra, máis unha vez, que, nas súas orixes, os versos todos dos diferentes pobos naceron para ser cantados e que é no canto onde se ven enfatizados os ritmos e cadencias que caracterizan harmonicamente os poemas.

Así acontece en Sedia la fremosa, o disco do grupo Manseliña que publica Lindoro, no que se recollen trece temas que recrean cantigas medievais e tradicionais do noroeste hispánico. Os catro compoñentes de Manseliña (a saber: María Giménez como voz do grupo e intérprete de fídula e percusión; Belén Bermejo co órgano portativo; Pablo Carpintero nos aerófonos tradicionais e percusión; e Tin Novio para o laúde e cítola) envolven en música varias cantigas de Martin Codax e Alfonso X e unha de Estevão Coelho, mais suman a esta lírica trobadoresca os ritmos da música tradicional incluíndo un alalá de Noia, unha cantiga de segada, un romance, un valse de Ribarteme, unha muiñeira de Ameixenda e unha cantiga do liño, entre outros. Por xunto resultan unha admirable fusión ou contrafacta que anoa músicas de diferentes ámbitos (o cortesán e o popular), reconstruíndo alí onde as partituras conservadas non ofrecían información como debían de soar estas cancións milenarias. Un traballo, xa que logo, para escoitar con deleitación, tanto pola magnífica voz de María Giménez coma pola sonoridade evocadora que todo o grupo consegue, transportándonos melodicamente ao fascinante mundo das cantigas de amor e amigo e dos cantos marianos.

Unha liña moi diferente é a que anima o disco Literaria, do cantautor ferrolán Miguel Alonso. Os once temas que compoñen o seu traballo parten de poemas de autoras e autores coetáneos, que van dende Marta Dacosta a María Castelo, pasando por Toño Núñez, Miguel Alonso Diz, Ramiro Vidal Alvarinho, Iolanda Aldrei, Xavier Frias, María José Fernández e Xosé Iglesias. A música que os acompaña ensaia diferentes modulacións, que beben do pop e o blues, sen esquecer os toques rock e os aires soul. Un cedé, cómpre dicilo, no que á voz de Miguel Alonso (tamén guitarrista e intérprete de mandolina, piano, teclados, harmónica e loops) se suman a batería e percusión de Iago Blanco, o baixo de Suso Pereiro, o acordeón de Abel Pérez e coros e recitados de Irene Quinteiro, Óscar Martínez, X. M. Lago, Miguel Alonso Diz e Xosé Iglesias. Toda esta enerxía común e o crowdfunding previo fixeron posible que o disco cobrase vida nunha produción de autor, á que contribuíron tecnicamente Pequeno Desastre Records e mais Drum & Roll Studios.

Por remate, non quero deixar pasar a ocasión de recomendar tamén Lueiro, o álbum musical de Xardín Desordenado que edita Sul Producciones coa colaboración dos concellos de Fornelos de Montes e O Grove e mais da Deputación de Pontevedra. Neste traballo, os compoñentes de Xardín Desordenado (isto é: a prodixiosa voz de Marlene Rodrigues; Santiago Ferragud tamén na voz mais guitarra e composición musical; Isaac Garabatos á guitarra e nos arranxos, composición e produción musical; Lorenzo Boo co baixo; e David Outomuro nas percusións) poñen clave a oito poemas das escritoras e escritores distinguidos no Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey e do autor que dá nome ao certame. Así, amais das deste, cántanse composicións de Eli Ríos, Silvia Penas, Isaac Xubín, Luís Valle, Antón Lopo e Marcos Abalde que forman parte dos poemarios cos que foron galardoados, o que asegura a variedade e calidade das letras que, con tanto ben como é adoito, interpretan os Xardín Desordenado.

Poesía para oír ou música para ler sonoramente, como se prefira. Moito e moi bo onde escoller mercé ás suxestivas e ben diversas propostas de Manseliña, Miguel Alonso e Xardín Desordenado, tres apostas gañadoras escóitense por onde se escoiten e léanse por onde se lean.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 21-4-2019]

Plis a intrépida

Nordesía (Toño Núñez, 3-2-2019)Resúltame abondo difícil decidir que é, esencial e literariamente falando, Toño Núñez. Podería asegurar que temos nel un meritorio narrador e non erraría, pois non cómpre máis que ler moitas páxinas de Navia, nai (2006), algúns dos seus relatos premiados en diversos certames ou os contos cos que colaborou en diferentes libros colectivos para confirmalo. Tamén acertaría se aseverase que o durame de seu é cerna de poeta, pois textos como Navia I e II (1986), Lugo (1987), Radiografía (2003), Chove (2004) e, sobre todo, Poemas de amor en outono (2005) falan ás claras desta vocación versal. Penso que non andaría desencamiñado tampouco se declarase que o seu é o ensaio e que non pouco é o que ten escrito sobre as terras lucuorientais e outras realidades en diferentes medios de comunicación e espazos diversos.

Agora ben, se hai un eido no que Núñez ten desenvolvido unha andaina intensa e continuada ese é, con certeza, o da escrita para o lectorado máis novo, onde a súa é considerada xa unha das voces infantoxuvenís máis talentosas do panorama galego. Velaí están para espellalo títulos como O soño de Ánxela (1999), O señor mago e a folla (2000), Amores de gato e rato (2005), Macedonia de froitas (2005), O pirata Metepata (2006), O monstro dos Ancares (2007), Mago Goma (2009) ou De como Chispo, o esquío, puido co frío (2014).

A estes últimos títulos súmase agora A gotiña viaxeira, unha obra implementada ou enriquecida, que non só participa da narración en verso como columna vertebral, senón que acaba por se converter nun produto multiartístico que engade como ilustración á historia un relato visual ideado polo afamado pintor lugués Miguel Anxo Macía, a propia historia contada de viva voz polo autor e mais Iria Estévez nun cd anexo e un audiovisual de Xosé Reigosa e músicas do grupo Batital e mais Francisco M. Fernández Muinelo, tamén incorporadas a este cd.

Por tanto, A gotiña viaxeira é un álbum ilustrado e tamén un libro-cd, mais sobre todo é unha atractiva historia que nos aprende o alto valor da auga como piar da vida no planeta e que asenta precisamente no relato circular do ciclo da auga a súa trama principal. Deste xeito, a afouta e curiosa pinga Plis decide marchar coñecer mundo e viaxa primeiro a unha nube á que ascende vaporosa para logo volver á terra entre as flores, pasar despois a un regatiño e, finalmente, ao río Navia, matria do escritor, onde se xunta con moitas outras gotiñas que rematan entoando a coro unha animada canción que recolle a memoria da súa aventura. Como colofón, un texto no que se lembra o precioso ben que a auga doce é, así como a súa escaseza e a necesidade de preservala.

Xa que logo, a obra suma ao interese literario transparentes valores didácticos, que fan deste álbum unha proposta pedagóxica ideal para traballar na aula tanto dende as materias de lingua e literatura coma na docencia das ciencias naturais, ámbitos nos que este libro-cd por forza resultará unha lectura do máis proveitosa.

Doutra parte, a delicadeza destes versos, ateigados de sonoras vibracións, dunha música velaíña que os cose e que flúe líquida, fan das páxinas de A gotiña viaxeira unha festa dos sentidos plena de sensorialidade, de referencias e suxestións ao dondo táctil, ao luminoso ollar, aos máis sutís sons, aos ben plurais sabores e aos recendos lembradoiros.

Impecable factura material a deste álbum, tirado no prelo de Fervenza Edicións, quen logrou plasmar toda a forza da escrita de Núñez e as imaxes de Macía, procurándolles agradecido acomodo no formato, nas tipografías, nas tinturas e papeis, para pórlle a guinda co cd anexo, ben útil tamén para recrear a vista e o oído, para compartir na aula, para escoitalo e velo en toda parte.

E velaquí remata o que hoxe quería escribir a propósito da intrépida aventura de A gotiña viaxeira. Así que, como ela diría: “E aquí se acaba/ a historia de Plis,/ a gotiña viaxeira,/ a gotiña aventureira;/ se sabedes outra mellor…/ Contádea, por favor!”.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-2-2019]

Poemas de Amor en Outono

toño nuñez presentacionO pasado venres 6 de novembro tiven o pracer de acompañar a Toño Núñez na presentación do seu poemario Poemas de Amor en Outono no Salón de Actos do Instituto Lucus Augusti. Na mesa estiveron tamén Xosé Otero Canto e mais Bruno Máez, un como moderador e recitador e o outro na apoiatura informático-cinematográfica. Amais, o grupo Batital amenizou a velada interpretando diversos temas, un deles musicación dunha composición do libro que se presentaba e que ilustrou Miguel Anxo Macía. As palabras que seguen foron as que dediquei a introducir o libro de versos do poeta de Navia.

A poesía é o gran milagre do mundo, deixou escrito Luís Pimentel, poeta maior desta urbs romana que nos acolle. E é verdade. Sen a palabra que aloumiña o Tempo, ¿quen podería aturar os días avarentos?, ¿como celebrar as xeiras solares? Somos raqueiros da verba. Tiramos dela as enerxías necesarias para fundar o futuro, para guiar o presente, para honrar o pasado. Por iso, que nos convoque hoxe aquí a celebración destes Poemas de Amor en Outono de Toño Núñez é a mellor confirmación, máis unha vez, de que somos por obra e arte da palabra, a casa do ser, o miliario áureo a partir do cal cobra sentido a medición do que imos sendo.

cuberta toñoCoñezo poucas persoas que posúan, en tan alto grao, a fe poética que Toño atesoura. Vencedor de todos os anxos soturnos do desalento, este meu amigo naviego conxurouse consigo mesmo para facer realidade unha arela: a de ver publicado este volume –en realidade un libro cd– na compaña dos seus amigos; a saber: o pintor Miguel Anxo Macía, responsable das ilustracións que visten estas páxinas; o fotógrafo e director de cine Bruno Máez, responsable das imaxes e montaxe do dvd que acompaña o libro; e o músico Carlos Díaz, encargado de facer vibrar sonoramente a palabra aquecida do poeta. Neste concerto, servidor tivo a fortuna de axudar a colocar o ramo cunhas palabras limiares, que son apenas unha salutación e desexo de boa fada para que estes Poemas de Amor en Outono se fagan ver de lonxe polo Fachinelo no peito dos letraferidos.

Toño, o amigo Toño, é un soñador. El sabe, coma min, que publicar un libro de poemas é como guindar un pétalo de rosa ao Gran Canón e agardar polo eco, que diría o escritor e periodista estadounidense Don Marquis. E, secasí, teima en darse na verba, en instituír o reino independente da súa palabra soberana, imperio do ser sentimental que lle dita o rumbo versal como unha sorte de buxola pola que guiar a singradura dos traballos e dos días.

O poeta de Vilameixide aprendeu pronto que a escrita non é a procura do oficio, que a palabra non se domea con postureos de profesional da Cultura e que Arte fai os versos, pero só o corazón é poeta.

Porque Toño non pode evitar poetizar, vai na súa esencia mesma, é un xeito de estar no mundo dende o que concibe a señardade do pasado en Navia, os amores e desamores que foron, son e, quen sabe, han ser e, xaora, as estrofas como látegos contra a incuria, o abandono, a inxustiza, o maltrato. Verbas ergueitas para a reparación histórica, para a irmandade e a solidariedade, tamén para a patria de Venus, para a paixón que arde nas arterias todas e, sempre, sempre, o nadir naviego, un Paradiso infante memoriado, cardiopaisaxe que vai cosida aos sangumiños, que alenta na santa dos ollos mesma.

Cando un percorre as planas de Poemas de Amor en Outono descobre pronto o incendio do corazón. Sabe, con seguranza indubitable, que é certo aquilo que aseguraba Hebbel de que a Humanidade soña por medio dos poetas. ¿Que é, se non un bieito soño exhortativo, a palabra do poeta cando canta?: “Contra a oligarquía/ da enxurrada liberal/ proclamo a poesía”. Outravolta a verba como “alimento do pobo”, “pan da revolución”. Ideais perennes.

interior toñoEste poemario de Toño non chega en calquera momento, como os seus propios versos declaran: “Bate o vento do outono/ na fiestra dos meus días./ As feridas da ilusión/ van pechando./ Marelean as follas dos castiros/ no Souto Escuro./ Coma os meus cabelos”. Xa que logo, Poema de amor en outono ve luz nunha conxuntura especialísima para o autor: o limes do algo máis de medio século no que habita este naviego. Vale, por tanto, dicir que tamén el anda no medio do camiño da súa vida e, neste caso, máis propiamente, porque cando o divino Dante escribiu os seus versos no Venres Santo de 1300 tiña trinta e cinco anos, pero a malaria levouno con tan só cincuenta e seis, impedíndolle seguir soñando con Beatrice. Endebén, Toño segue na cerna que o ha levar a facerse poeta centenario algún día e eu agardo ter a honra de que me distinga co convite de presentalo cando vaia cumpríndose a outra metade e un ande xa, tamén, nonaxenario. E en tanto non chega ese día, amigo Toño, beizón por terme á túa beira en día para ti tan sinalado.

Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]

A escrita sapiencial de Toño Núñez

chispoDeixeime acompañar este día pola grata lectura da última creación de Toño Núñez, ilustrada por Xosé Tomás: De como Chispo, o esquío, puido co frío, emotivo e didáctico conto protagonizado polo esquío que se anuncia no propio título, quen nos ensina que a prevención é necesaria, pero que os imponderables existen e cómpre saber adaptarse, ter capacidade de improvisación e, sobre todo, saber apoiarse nos demais, recibir o seu afecto, o seu amor, e darlles tamén o noso.

Fermoso relato que aínda se volve máis galano coas imaxes de Tomás, quen sabe facer un intelixente uso da cor e das formas, que resulta fondamente expresivo.

Esta historia para o lectorado noviño aparece na colección Tartaruga da editorial Galaxia, quen suma así unha obra de estimable interese pedagóxico e non menor imaxinación.