Literatura e vida

Nordesía (Marina Mayoral, 25-3-2018)Deixou dito Francis Bacon que hai libros que teñen de ser saboreados, outros que é preciso devorar e só uns poucos que necesitan ser mastigados e dixeridos.

Na escolleita nómina dos que pertencen a este último grupo inclúo eu El amor, la vida y más allá, o máis recente título da narradora e ensaísta Marina Mayoral, publicado por Teófilo Edicións.

As seis seccións nas que se divide a obra recollen outros tantos ámbitos temáticos do interese da autora dende sempre: “El amor”, “Cartas de amor y desamor”, “La vida”, “Hombres”, “Mujeres”, “Y el más allá”, títulos ben reveladores do enfoque e trasfondo destes textos, que abalan entre o ensaio breve, o minirrelato e a memoria autobiográfica.

O primeiro destes bloques é o máis extenso e nel Mayoral convídanos a reflexionar sobre o complexo mundo das relacións amorosas, mesmo cuestionando a paixón como unha posible enfermidade para a que algúns procuraron remedios, mais tamén tentando pescudar nas causas de Eros, na súa química, nos seus territorios e ata nos seus modelos: o amor posesivo, o amor fatal, o narcisismo amoroso, as infidelidades, os lazos irrompibles, os amores imposibles e os que non foron, a dor pola perda do amor e a súa nostalxia e inclusive o amor alén do terreal.

Complementariamente, en “Cartas de amor y desamor” Mayoral revisita catro epistolarios célebres vinculados con escritores, aos que engade a lembranza dunha carta a ela enviada que xa esquecera. As epístolas pertencen a unha enfermeira da que parece namorara Hemingway mentres estivo convalecente nun hospital de campaña durante a I Guerra Mundial e que motivou a creación do seu relato “Un conto brevísimo”; a misiva que Wilde dirixiu cando estaba en presidio ao seu amante lord Alfred Douglas e que foi logo publicada co ben coñecido título De profundis; as cartas que Pedro Salinas escribiu a Katherine Whitmore, unha súa alumna dilecta coa que tivo unha relación El amor, la vida y más allánecesariamente coutada, pois o poeta estaba xa casado, e a desesperada e lacerante carta que Gertrudis Gómez de Avellaneda escribiu ao poeta García Tassara, con quen concibira unha rapaciña que enfermou moi nova e que foi criada só pola nai, que escribe ao pai para que, agoniante a pequena e ás portas da morte, veña vela antes de esta desaparecer.

Máis heteroxéneo é o conxunto de textos agrupados baixo o rótulo “La vida”, onde tanto poden lerse estampas de orfandade coma reflexións verbo da influencias xenéticas e educacionais, o mesmo críticas a propósito da carnavalesca coma recordos da Semana Santa doutro tempo, mais tamén episodios milagreiros, eloxios á fidelidade canina, econarracións, lembranzas estivais, disquisicións sobre a preferencia do talento fronte á beleza, devocións polos pequenos praceres e mesmo anécdotas sobre rexoubas cervantinas.

“Homes” e “Mulleres” son dúas seccións complementarias, nas que a autora ofrece unha visión dialéctica de cuestións variadas do vivir cotián e das diferenciadas reaccións e posicionamentos que unhas e outros amosan ante elas; poño por caso, o maior ou menor interese polo ardor erótico ou o papel da muller respecto do home e viceversa.

Por remate, os sete textos que integran o bloque “Y más allá” abordan casos paranormais e vivencias de ultramorte para reflexionar sobre a súa posible verdade, describindo soños, sinais e outras circunstancias de difícil explicación das que pode, para non poucos, inferirse a existencia dunha vida alén do físico.

Escrito cunha prosa estilizada, de impecable feitío, coa proporción xusta de ornato erudito e a fluencia amena que nace de quen tan ben coñece o complexo tempero do aceiro narrativo, este El amor, la vida y más allá é un volume de quilates, nacido da aliaxe definitiva do talento e a experiencia, unha obra que só é posible dar a luz tras atesourar toda unha vida saber, sensibilidade, vivencias e intuición, delicada xoia que teremos que agradecer por sempre a Marina Mayoral, unha clásica do noso tempo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 25-3-2018]

Advertisements