Xohana Torres e o berce inmovente

Nordesía (Xohana Torres, 29-4-2018)Hai libros que son en si mesmos un sino irrenunciable, un boomerang do destino que regresa unha e outra vez. De nada serve resistirse, pois co paso do tempo a débeda que a conciencia autorial contrae con eles medra exponencialmente e acaba por imporse como unha angueira obsesiva.

Coido que tal sentir houbo de experimentalo Xohana Torres en máis dunha ocasión a propósito da súa monografía Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos, un traballo co que gañara en 1972 o I Premio de Etnografía Federico Maciñeira pero que, por causas diversas, ficara inédito durante décadas.

Porén, a poeta sempre quixo ver publicado aquel texto e tivo a fortuna de, nos seus derradeiros meses, preparalo para a súa edición ao pé de Xosé F. Puga, quen agora o dá finalmente á luz a través do selo Engaiolarte e co patrocinio da Deputación da Coruña, a mesma que, corenta e cinco anos antes, organizara o certame no que fora galardoado.

Deixo escrito que tivo a fortuna de dispor a edición para a súa publicación porque así foi, pero non é menos certo que, infelizmente, non chegou a vela publicada en forma de libro, pois faleceu en setembro do ano pasado e a obra non se imprimiu ata os remates do 2017. Secasí, puido ter nas mans as probas de imprenta, que corrixiu emocionada, sabedora de que coa aparición deste texto saldaba a débeda que consigo mesmo contraera ao recuperar un traballo que tanto estimaba e que consideraba de gran valor.

Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos constitúe “un merecido recoñecemento a unha escritora inmensa, que abriu camiños e transitou por todos os xéneros, que, mesmo desde o silencio persoal buscado, conseguiu ser tan querida. Xohana Torres alzouse no parnaso da nosa literatura como a gran figura dunha obra espléndida que conseguiu, desde o seu espazo propio e reservado, estabelecer elos de afectividade literaria e persoal que se manterán no tempo, que mesmo, se me permitiren adiantarme ao futuro, aumentarán até consolidar unha traxectoria literaria única que cómpre ler e reler”, escribe con total acerto a prologuista do volume, Goretti Sanmartín.

En efecto, este libro é unha regalía e un abraio. Marabilla comprobar como nos primeiros setenta puido escribirse un ensaio que, dende o antropolóxico e o etnográfico, dende o xeográfico e o sociolóxico, mais tamén dende o literario e o paisaxístico soborda, con moito, a inxeleza de tantos traballos desta índole por entón publicados. A rigorosa documentación manexada, o intenso traballo de recolleita de campo, o fondo Teixido. San Andrés de Lonxe Mitos e Ritoscoñecemento da tradición literaria, a Historia, a Mitoloxía e outros saberes reflíctese nestas planas, escritas cun lentor poético que espella a extraordinaria poeta que lles deu forma.

Unha moi completa descrición xeográfico-antropolóxica da comarca ortigueiresa na que se sitúa o santuario de Santo André de Teixido abre o libro, que ten como capítulo central a análise dos mitos e ritos que arredor deste se xeraron, con atención especial aos aspectos vinculados coa súa romaxe, os ritos comúns compartidos con outros santuarios galegos, os amilladoiros, a Fonte do Santo, as lendas da bisbarra, os xenuínos sanandreses, a herba namoradeira ou empreñadeira e, xaora, o culto ás ánimas, extremos todos que son debullados por extenso e para os que aínda pode procurarse máis información na nutrida bibliografía final que a autora dispuxo.

Non quero rematar sen chamar a atención verbo da primorosa factura técnica desta edición de Engaiolarte: sobrecuberta en papel verxé, lombo en tea e tapas con vivos e varios tintados, interiores con gardas sobreimpresionadas e tripa en papel satinado de alta gramaxe constitúen un festival para os ollos e as mans que estoura no poderoso imán das impresionantes fotografías de Xulio Gil, encargado de dar corpo visual a esta magna obra.

Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos recupera un valioso inédito de Xohana Torres e, só por iso, merece toda a atención. Pero, ademais, é un obxecto fermoso, que versa sobre un dos templos e unha das tradicións espirituais máis destacadas de Galicia: a viaxe e visita ao “berce inmovente” deste santuario do “país dos mortos, do que podemos volver, e volver novos, en paz”, como nos ensinou a autora. Razóns sobran, pois, para ir na procura do libro, que farían moi ben en regalar(se).

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 29-4-2018]

Advertisements