Taishi Asaka

taishiAs voces do Finisterrae levan a súa luz ata o País do Sol Nacente. Velaí o pequeno gran milagre literario: poder contemplar como unha parte da nosa mellor escrita cobra nova vida na lingua nipoa. Que as creadoras e creadores galegos poidan ser coñecidos polos lectores de tan arredado Oriente non é algo fortuíto. Constitúe o froito do labor entregue e xeneroso de quen é, sen dúbida ningunha, o noso mellor taishi, o noso máis xenuíno embaixador (que iso é o que significa en xaponés taishi) naquelas terras: o profesor, tradutor e ensaísta Takekazu Asaka.

Asaka tomou contacto con Galicia, a súa cultura e lingua a finais dos anos setenta e viaxou á nosa terra por vez primeira a principios dos oitenta. Dende aquela, a súa paixón pola nosa lingua e literatura non parou de medrar e o noso idioma foi un dos investigados na súa tese sobre lingüística comparada de 1985, estando presente tamén na súa docencia de Filoloxía Románica na Universidade Tsudajuku de Toquio.

A este nipogalego debémoslle a publicación en xaponés de importantes traballos lingüísticos como a súa Gramática do galego moderno (1993), a Guía de conversación en galego (1994), o Vocabulario básico da lingua galega (1995), unha monografía sobre As linguas de España e Portugal (2005) e unha Nova gramática galega (2016 e 2018).

Mais o eido no que Asaka ten traballado con máis dedicación é, con certeza, o da tradución poética. Mercé aos seus esforzos hoxe poden lerse en xaponés os Seis poemas galegos (1993) de Federico García Lorca, os Cantares gallegos (2002 e 2009), Follas novas (2018) e os Contos da miña terra (2014) de Rosalía, así como Os eidos (2017) de Uxío Novoneyra.

A estas excelentes versións suma agora a tradución íntegra do poemario A rosa de cen follas (Hyakuyō nô bara) de Ramón Cabanillas, un libro orixinalmente publicado polo cambadés en 1927 que representa o cume da súa lírica amorosa, xa parcialmente presente en libros anteriores como No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).

takeEsta edición do profesor Asaka reproduce o texto galego ao carón da súa translación nipoa e dispón como apéndice un amplo vocabulario con aquelas palabras que poden resultar máis complexas para o lector xaponés. Ao tempo, engade tamén unha escolleita bibliografía sobre Cabanillas e a súa poesía e dous textos breves coa biografía e currículo do tradutor. Enriquecendo todas estas achegas figura un valioso limiar do académico Francisco Fernández Rei, tamén el cambadés de nación e especialista na obra caballineana. Nestas páxinas ofrécese un moi acaído compendio da poesía de tema amoroso do autor e, asemade, proporciónanse as principais claves para entender a importancia de A rosa de cen follas no conxunto da súa produción e a plausible recepción da que foi merecente dende un punto de vista histórico-literario.

Cabanillas foi, como deixou dito Ricardo Carballo Calero, un ‘poeta total’ que cantou á loita acendida, ao imo extremo, á saudade perenne, á mítica propia, aos costumes do pobo, ao fero combate anticaciquil, á musa transcendente e aínda ás paisaxes e paisanaxes todas. En palabras de Álvaro Cunqueiro, o seu nume atendeu por igual “aos santos, os heroes, os amadores, os mariñeiros, os labregos, os mendiños, as rosas, o viño, os piñeiros, o mar e tamén á esperanza humana e aos soños”. Que toda esta regalía poida agora ser lida polo público xaponés grazas á dilixencia e ao extremo talento de Asaka é unha beizón que nunca seremos quen de agradecerlle o suficiente.

Galicia, a súa lingua e a súa literatura existen no Xapón porque alí está o noso taishi Takekazu Asaka, eminente profesor, consumado tradutor e, sobre todo e ante todo, bo e xeneroso amigo das galegas e galegos que o consideramos un de nós, e dos mellores.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 4-8-2019]

Wakaba syuu

Nordesía (Takekazu Asaka, 7-10-2018)Se algunha vez Galicia institúe delegacións culturais no Oriente, non teño dúbida ningunha de que o noso representante máximo no País do Sol Nacente ten de ser Takekazu Asaka.

Con este profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio contraeu Galicia unha débeda impagable: mercé ao seu tesón e talento xa é posible ler toda a obra galega de Rosalía de Castro en xaponés.

En efecto. Ás traducións que no seu día fixera dos Cantares gallegos (2009) e dos Contos da miña terra (2014) vén sumarse agora a de Follas novas (2018), completando o ciclo creativo rosalián que Asaka aínda implementou coa versións nipoas doutros clásicos de noso, como o Cabanillas de Canzón da alma (2013), a voz medieval do Xograr Martin Codax (2015) ou a poesía dos tesos cumes do Novoneyra de Os eidos (2017).

Wakaba syuu é o título transliterado das míticas Follas novas de Rosalía, un volume que recolle, en edición bilingüe, sesenta das cento trinta e sete composicións que conforman o libro de 1880. A selecta, ampla e moi representativa, escolma poemas das cinco seccións nas que se divide a obra (“Vaguedás”, “Do íntimo!”, “Varia”, “Da terra” e “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos”) e non faltan nelas textos emblemáticos que son xa bandeira de todo un pobo; poño por caso, “Unha vez tiven un cravo”, “Negra sombra” ou “Tecín soia a miña tea”, por citar só tres ben coñecidos.

A virtude da tradución de Asaka reside no feito de ser el non só un reputado filólogo nipón, senón tamén un fondo coñecedor do noso idioma, co que entrou en contacto hai agora corenta anos e do que é un recoñecido experto, ata o punto de ter sido designado o pasado ano membro correspondente da Real Academia Galega, o que moito merece logo de ter publicado en xaponés unha Gramática do galego moderno (1993), unha Guía de conversación en galego (1994), un Vocabulario básico da lingua galega (1995), unha monografía sobre As linguas en España e Portugal (2005) e, aínda recentemente, unha Nova gramática galega (2016).

Os poemas máis intimistas e doridos de Rosalía, a súa lírica máis transcendente e reflexiva, as poesías fortemente críticas e combativas, os versos inzados de saudade e melancolía, a palpitante escrita sobre a emigración, todo fica espellado nestas Wakaba syuu traducidas por Asaka, quen facilita así o acceso ao público lector de Xapón dunha voz xenuinamente galega polo sentimento e asemade absolutamente universal pola fondura metafísica da súa poética.

Esta edición conta, amais, cun “Limiar” de Anxo Angueira, rosaliólogo sinalado e Presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen compendia con ben os principais sinais de identidade da escrita da creadora, ofrecendo ao lectorado xaponés certeiras claves para mellor comprender o seu vizoso e fascinante mundo creativo, “complexo, extenso e intenso ó mesmo tempo e no que conviven mesturadas a voz persoal da autora cunha voz colectiva”.

O libro péchase cunha espigada bibliografía final arredor de Follas novas e Rosalía, unha nótula de “Cabo” na que Asaka explica as razóns que o animaron á tradución, dá grazas a aqueles que o axudaron e guiaron no labor e confesa as dificultades deste e mais un breve texto biobibliográfico que resume a traxectoria do propio Asaka.

Ben lucidas campan estas Wakaba syuu coa ilustración que Ataque deseñou para a cuberta dun libro impreso nos talleres de Eibunsya, en Gifu, que contou co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Oxalá os versos da nosa matriarca consigan estremecer aos que a eles se acheguen nas lonxincuas terras do Solpor, será o sinal de que un corazón do Finisterrae conseguiu abolir o espazo e o tempo para facerlles sentir a saudade toda dun pobo pequeniñamente universal.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 7-10-2018]

Novoneyra en xaponés

A gran literatura é patrimonio universal. É sabido que a escrita de quilates resulta sempre un galano para calquera lector, sexa este de onde sexa, pero non é menos certo que para que tan feliz circunstancia teña lugar hai que ser quen de entender o idioma no que esta ou aqueloutra marabilla literaria foi codificada e a maioría dos mortais apenas se dominamos unha, dúas, tres ou catro linguas, no mellor dos casos. Por iso é tan valioso o papel dos tradutores, eles son o lázaro que nos guía na nosa cegueira idiomática, abríndonos a posibilidade de acceder a obras creadas en falas que descoñecemos.

Se o anterior serve para explicar a importancia do traslado de clásicos de toda parte á nosa lingua tamén funciona pola viceversa: só será posible que os lectores de todo o mundo descubran e aprecien a innegable calidade de moitos dos nosos autores se eses mediadores heroicos que son os tradutores tenden as pontes necesarias para darnos a coñecer.

Vén isto ao caso pola recente tradución do poemario Os eidos ao xaponés da man de Takekazu Asaka, o mellor coñecedor da nosa literatura nas terras do sol nacente. Asaka, profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku (Kodaira, Toquio), leva en contacto coa nosa lingua e a cultura dende mediados dos anos 70 e xa vai para as tres décadas que vén visitando todos os veráns a nosa terra. Froito da súa galegofilia teñen nacido diversos traballos de carácter lingüístico e, sobre todo, o primeiro vocabulario galego para xaponeses e a primeira gramática de noso para nipóns, da que acaba de se publicar unha nova versión co título Nova gramática galega (2016).

Pero ao profesor Asaka debémoslle moito máis. Mercé ao seu infatigable labor poden hoxe lerse en xaponés os Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014) de Rosalía de Castro, a Cantata a Ramón Cabanillas (2013) ou os versos do Xograr Martín Codax (2015). Pois ben, a este poderoso florilexio literario sumouse hai nada a poética de Novoneyra a través da tradución da que é, sen dúbida, a súa obra máis emblemática: Os eidos.

Obra cimeira da poesía galega de Posguerra publicada orixinariamente en 1955, Os eidos condensa o máis característico da escrita do autor, quen espella nela a súa visión da natureza e o ser antropolóxico do Courel e, por extensión, de toda Galicia, e isto tanto na súa dimensión material coma inmaterial, igual no que di da xeografía que da meteoroloxía, botánica ou zooloxía, sen desbotar tampouco a dimensión cósmica e pannaturista.

Esta edición vertida por Asaka incorpora, amais, un excelente prólogo dun dos máximos especialistas na obra do courelao, o tamén poeta e profesor Claudio Rodríguez Fer, quen en breves pero acaídas liñas traza un precioso mapa para ben nos situar no universo novoneyriano.

A maiores, Asaka enriquece a súa tradución cun glosario final de termos de difícil comprensión para o público nipón e unha “Coda” na que explica a súa xenuína visión da escrita do do Courel e dá razón do trato amigable que a el o uniu.

Publicada baixo o selo de Kakenhi, esta edición ―que conta cunha moi suxestiva cuberta do artista Xosé Vizoso― non fai senón deitar en xaponés uns versos que, como teñen analizado varios estudosos, amosan connaturalmente unha innegable conexión coa lírica oriental dos haikai. O propio Novoneyra ten salientado isto en diversas ocasións e mesmo se achegou na súa escrita ao espazo literario de Oriente; así en 1995, cando publicou Camelio xaponés, onde tres poemas seus foron traducidos a esta lingua por Ayako Sugitani, de quen el versionou en galego sete ‘xiikas’.

Por tanto, a presente tradución do poemario Os eidos é unha outra regalía que cómpre agradecerlle por sempre a Takekazu Asaka, o ‘embaixador da cultura galega en Xapón’, como certeiramente o definiu o seu amigo e colega Francisco Fernández Rei. O seus desvelos por darnos a coñecer como pobo e como literatura en tan lonxincuas terras teñen de ser recoñecidos por todas as galegas e os galegos de ben. Así o fixo recentemente a RAG, quen atinadamente o nomeou académico correspondente. Oxalá tras deste veñan outros moitos recoñecementos. Beizón, profesor Asaka, por todo canto pola irmandade nipogalega leva feito. Que non nos falten as súas traducións e traballos nos vindeiros anos, nin tampouco a súa presenza nas nosas terras, onde os seus amigos e admiradores sempre han saber recibilo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 6-8-2017]

Trobeiros internacionais

CantigasEn tempos non sempre doados para a visibilidade das nosas letras no territorio propio, é reconfortante observar como, mundo adiante, a proxección da literatura galega se consolida e medra. Traio hoxe a esta páxina dous exemplos que confirman o que escribo. O primeiro deles é a edición que das Cantigas do trobador Afonso Anes do Coton acaba de publicar Carocci Editore en Roma. O prestixioso selo italiano confiou a edición deste importante corpus lírico dun dos nosos máis coñecidos trobeiros a Simone Marcenaro, destacado medievalista formado na Università degli Studi di Milano, quen xa con anterioridade tiña abordado a análise das cantigas de autores como Pero Garcia Burgalés, Pero da Ponte ou Alfonso X, entre outros.

Estas Cantigas de Afonso Anes do Coton recollen as dúas composicións de amigo, quince de escarnio e maldicir e o par de tenzóns que sabemos, a ciencia certa, que escribiu este trobador que supoñemos natural de Negreira (ou, segundo as últimas investigacións, talvez mesmo de Santiago) e que estivo activo nos mediados do século XIII, máis concretamente entre 1240 e 1270, próximo decote á corte e o monarca Alfonso X.

simone marcenaroO volume inclúe tamén outras cinco cantigas de atribución dubidosa e, sobre todo, un amplo e moi documentado estudo introdutorio de Marcenaro, quen non só refire por extenso os poucos datos biográficos que coñecemos sobre o autor, senón que tamén dedica páxinas eruditas á tradución manuscrita a través da cal conservamos os seus textos, analiza os temas, estilo e métrica das cantigas e dispón uns ben precisos criterios filolóxicos de edición. Por remate, o libro enriquécese cun apéndice con abondosas notas ás composicións, unha bibliografía especializada, un completo rimario e un selecto glosario galegoportugués medieval-italiano moderno para o lectorado daquelas terras, quen, xunto ao texto orixinal de cada cantiga, pode acceder tamén a unha versión en italiano actual para unha máis doada comprensión.

Grata nova, pois, a aparición destas Cantigas de Afonso Anes do Coton na Biblioteca Medievale de Carocci Editore, que acertou ao pensar en Simone Marcenaro (quen xa se encargara da edición crítica de Anes do Coton en 2012 no mesmo selo) como o investigador idóneo para divulgar os divertidos ferretes que o trobeiro galego lanzou contra Don Fagundo, Mari Mateu, o Meestre Nicolas, Maria Garcia, Paai Rengel, Orraca Lopez e outros.

Xograr Martin CodaxNon menor aplauso merece a tradución das sete cantigas de amigo do celebérrimo Martin Codax que acaba de tirar do prelo a editorial Ronso no Xapón. Baixo o título Xograr Martin Codax o noso mellor tradutor á lingua nipona, o profesor Takekazu Asaka da Universidade Tsudajuku de Toquio, suma este seu traballo a outros anteriores nos que xa vertera á lingua oriental a Rosalía, Cabanillas e outros.

Xograr Martin Codax é unha edición bilingüe onde, á par dos textos orixinais galegos, comparecen as súas translacións ao xaponés, acompañadas de notas e comentarios do editor.

O volume conta, así mesmo, cun limiar de Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega, titulado “Sete poemas de amor escritos en galego do século XIII traducidos ó xaponés do século XXI”.

Takekazu AsakaA reprodución fotográfica do Pergamiño Vindel, unha introdución contextualizadora e analítica do editor, un selecto glosario galego medieval-xaponés actual e unha escolleita bibliografía crítica completan o apartado textual deste libro que moito cómpre agradecer ao ímprobo esforzo de Takekazu Asaka. A maiores, Xograr Martin Codax complétase coa inclusión dun CD estoxado no que Yuri Ensemble interpreta as sete cantigas de Martin Codax.

De Italia ao Xapón, a literatura galega e os seus trobeiros son internacionais dende as súas orixes. Porque somos un pobo que canta para o mundo e goza sabendo que a nosa palabra e os nosos sons son tamén apreciados noutras latitudes.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 2-8-2015]