Andeis letrados

O caso de Susana Lamela (Ponteareas, 1975) é curioso por canto ten chegado ao mundo da narrativa infantil desde un ámbito lindeiro e, por veces, case nas antípodas. E é que dela pode dicirse, con propiedade, iso de que antes de freira foi cociñeira, pois non foron poucos os anos que estivo á fronte da división editora de Tambre, a filial galega de Edelvives, selo no que agora aparece publicado Andeis baleiros, o seu segundo texto narrativo tras Soños de andel, a obra coa que se estreou, na mesma casa e na mesma serie Ala Delta, hai tres anos.

Andeis baleiros aliméntase do mesmo territorio imaxinativo no que enraizara a súa anterior entrega: protagonismo infantil e marabilloso didáctico nunha trama na que os propios libros, as bibliotecas e o exercicio da lectura fían unha rede de relacións sorprendentes e moi entretidas.

Dun xeito ameno e aparentemente inxel, Lamela convida @s pequech@s a pensar na vida dos libros como compañeiros de viaxe, como fieis amigos que van a carón noso percorrendo as diferentes estacións vitais e ensinándonos, en todo momento, leccións impagables.

Por descontado, os valores da cohesión familiar ou a integración ecolóxica teñen tamén aquí o seu lugar, axudando a conformar un fresco polícromo onde cada cor ten importancia de seu.

A mesma, por certo, que teñen as fermosas ilustracións que María Lires fixo para este volume, cheo de luz e colorido, de espazos envolventes en cada páxina, de debuxos que enmarcan con sutileza o relato e aloumiñan os parágrafos con espirais de imaxes suxestivas que fan deste Andeis baleiros un regalo para a vista.

Máis que feliz, por tanto, a colaboración de Susana Lamela e María Lires neste libro, invitación ideal para que @s máis nov@s vaian deixándose engadar pola maxia irresistible que o universo libro segue exercendo entre amantes da palabra.