Velaí a cuestión

Con case trinta títulos ao fardelo, a andaina de Santiago Jaureguizar preséntase como unha das máis constantes e frutíferas das letras galegas dos últimos anos. Autor de novela curta e longa e mais de textos infantoxuvenís, ten feito tamén incursións no teatro, o guión, o ensaio e mesmo a tradución, aínda que a súa vocación máis fidel siga sendo a prosa de creación, alén da escrita xornalística, á que se dedica profesionalmente nas páxinas de El Progreso dende hai lustros.

Volve agora Jaureguizar á actualidade literaria mercé á aparición de Placebo, novela publicada por Xerais na que este bilbo-ribadense avanza polos eidos da narrativa de tinturas psicolóxicas e envoltorio mistérico.

A proposta de Placebo é suxestiva: un tal Roi, sobrevive a un accidente terrible e, como consecuencia do mesmo, sofre unha amnesia que lle impide lembrar a súa vida anterior. Este feito vai reconfigurar toda a súa existencia a partir dese momento, pois a relación amorosa coa súa muller e mesmo cunha súa amante, alén de cos coñecidos, pasará por un proceso de reconstrución complexo e vagaroso.

A novela resulta, así pois, un enganoso xogo de espellos, onde nada é o que parece e as luces e sombras de cada personaxe van ir asomando aos poucos.

Edificada sobre as bases do indagatorio, o amor e a identidade son os dous polos arredor dos cales xira Placebo. E aquí as preguntas abrollan incesantes: realmente, ¿é posible facer tabula rasa co que fomos e recomenzar a andaina?, ¿pódeo todo o amor?, ¿a ambición e o engano son forzas imparables?, ¿a posición, o benestar económico, xustifican o que sexa?

Lendo Placebo acode á mente moita outra literatura e cinematografía paralela, dende o Amphitruo de Plauto ata o Regarding Henry de Mike Nichols, pasando por todos os homes duplicados, sosias e doppelgänger que un poida imaxinar. Mais o que fai diferente o relato de Jaureguizar é a incardinación desa tradición na paisaxe mariñá e a articulación duns personaxes tan nosos co mundo parisiense que tamén ten un peso específico na trama.

Descóbrese nestas páxinas un atento traballo na transición e xogo de múltiples voces e perspectivas do relato, así como un especial coidado en ir deixando pedras polegariñas polo camiño para que o lector non se perda e sexa quen de ir encaixando por si mesmo todas as pezas da historia, inclusive a través dos tuits do protagonista, que funcionan a modo de sentenzas oraculares que, lidas con atención, ofrecen importantes pistas coas que desvelar o suspense destas planas.

Neste sentido, a reiteración de mensaxes e aseveracións como “O amor afastaranos de novo”, “Temos todo o tempo do mundo” ou “As piscinas están cheas de líquido amniótico. Nadamos nela para mergullarnos no ventre materno” non só constitúen transcendentes reflexións a propósito do que a novela propón, senón que, por enteiro ou abreviadas, poderían ter sido acaídos títulos alternativos para a mesma.

En determinadas circunstancias, ¿o amor pode ser un efectivo placebo, “unha medicina inocua que te cura porque te obrigas a crer que pode facelo”?, ¿acaso importa máis a verdade que a felicidade? O pasado, os remorsos, ¿determínannos ata o punto de condicionar inexorablemente o noso presente e o noso futuro? Velaí as substantivas cuestións que abre Placebo, novela de Santiago Jaureguizar que conta cunha impactante cuberta de Matalobos e unha cita cabezaleira do Ricardo III de Shakespeare, absolutamente definitiva: “Coñecemos as nosas caras, pero non os nosos corazóns”. Ser ou parecer, o visible ou invisible, o individuo social ou o íntimo persoal. Velaí a cuestión.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 16-10-2016]

25 anos de espírito PEN

[Para o amigo Miro Villar,
polo que el e eu sabemos]

anelida piñon, xose luis mendez ferrin, manuel rivas, luis gonzalez tosarA poesía é o gran milagre do mundo, dicía Luís Pimentel. O mundo é un gran poema milagroso, digo eu. A palabra, as palabras son a arxila esencial que une vontades e acompaña os espíritos no fragor dos traballos e dos días.

Foi esa singular comuñón pola verba a que experimentaron os asistentes á VI Bienal Literaria en Compostela o 2 e 3 de outubro na Cidade da Cultura. O Gaiás santiagués deixouse habitar por animais literarios que quixeron celebrar o XXV Aniversario do Centro PEN Galicia, a entidade que organizou o encontro no que participaron poetas, narradores e outros axentes culturais tanto galegos coma foráneos nunha concelebración interxeracional onde as pontes literarias se transitaron amablemente.

elena_zernovaE esa foi a unción pola palabra que fixo que tres astros do firmamento literario como son Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas compartillasen unha mesa de clausura na que as complicidades revoaban arredor dos relatos orais e onde Piñón fixo boa a súa ascendencia cotobadense recoñecéndolle un papel decisivo na simbólica da súa escrita e Rivas pronunciou un máxico e entrañable discurso de recepción na academia dos afectos á súa amiga carioca. Da súa parte, Méndez Ferrín lembrou como o PEN internacional estivera ao seu carón cando en 1972 botou dous anos na cadea (Penal do Dueso) pola inquina franquista. Un triángulo de tanta altura literaria que, coma un imantador buraco negro da palabra, acabou por mergullarnos a todos os que vivimos o momento nun océano de luz e letras, unha reunión histórica que, quen sabe, talvez non sexa doado que se repita, pois ben poucas veces tres púlsares escintilan por xunto para iluminar a galaxia toda e espaventar tantas sombras da orfandade.

Velaí foi a inesquecible coda. Mais as xornadas comezaran xa o día anterior coa sesión de apertura e os discursos de benvida de Beatriz González Loroño, Directora-Xerente da Fundación Cidade da Cultura, María Ángeles Antón Vilasánchez, Concelleira de Cultura e Patrimonio en Compostela, Luís González Tosar, Presidente do Centro PEN Galicia e mais Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Eles foron os primeiros en poder ver o magnífico traballo videográfico que, para ocasión, creou Xabier Castro Martínez, Director do PEN galego, unha peza na que se leva a cabo unha sintética historia en imaxes do que foi a andaina do noso PEN neste último cuarto de século e que podedes ver ao final deste post.

narradores xornalistasAs sesións propiamente literarias comezaron a última hora da mañá do xoves 2 coa mesa redonda “Narradores xornalistas hoxe”, xuntanza que moderou Xesús Fraga na que interviñeron Camilo Franco, Santiago Jaureguizar, Luís Pousa e Juan Tallón, todos eles, en efecto, xornalistas e narradores, que, con posturas complementarias que abriron un fértil diálogo en contrapunto, debateron sobre a difícil e complexa maridaxe de periodismo e ficción, un matrimonio para algúns imposible e para outros inelutable.

Á tarde dese mesmo día un recital poético-musical deunos a oportunidade de oír na voz dos Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferraguz e Isaac Garabatos) os versos de Díaz Castro, Novoneyra, Álvarez Blázquez, Blanco-Amor, Manuel María e Rosalía de Castro e tamén de escoitar os recitados dos novos valores da nosa lírica representados por Alba Cid, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Mario Regueira e Dores Tembras, entre os que oficiou como experimentado guieiro Román Raña, unha asemblea poética que arrequeceu coas palabras da profesora da Universidade de San Petersburgo Elena Zernova, quen non quixo faltar á cita e deixou para os que alí estaban a regalía de escoitar en ruso “Penélope” dando conta da tradución a este idioma de Nimbos. Do saber facer de todos puiden gozar en primeira liña, pois honreime presentándoos.

recital poetasA primeira xornada da Bienal rematou coa intervención do poeta e ensaísta arxentino Roberto Alifano, quen nos convidou a revistar a “Borges e o xardín de conversas que se bifurcan” nunha animada conversa co seu presentador, Luís Alonso Girgado, na que repasaron os principais episodios da literatura non só de Borges, senón tamén Julio Cortázar, Adolfo Bioy Casares, Francisco Luís Bernárdez e moitos outros.

O segundo día comezou na sesión matutina coa mesa “25 Anos do PEN Galicia: Novelistas”, na que, moderados por Inma López Silva (tamén ela narradora), participaron Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias, que fixeron un balance dos pros e contras que viviu a prosa galega nos últimos tempos e onde se cuestionou a vitalidade da novela, os camiños do seu futuro e os pasos que nos trouxeron ata aquí.

mesa poetasPola tarde, unha última mesa de “25 Anos do PEN Galicia: Poetas” proporcionounos a ocasión de escoitar a radiografía lírica destes lustros que realizaron o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a poeta e ensaísta María do Cebreiro e mais o poeta e libreiro Modesto Fraga. O tríade, magnificamente conducido polo profesor e crítico Luciano Rodríguez, abordou os avances e desacertos da nosa poesía recente dende ancos ben diversos: a taxonomía xeracional de discurso (meta)teórico de María do Cebreiro, a conxunción da visión do editor de Espiral Maior e creador que achegou Fernán-Vello e a praxe e vivencia como poeta deste tempo de Fraga.

O remate regalounos o amentado encontro con Piñón, Méndez Ferrín e Rivas, broche de ouro desta VI Bienal Literaria en Compostela na que conviviron poetas e narradores, xornalistas e estudosos, galegos por nacenza e por querenza, confrades de letras todos que durante dous días irmandaron o seu camiñar, enchoupándose do espírito PEN para lembrarnos, máis unha vez, que o milagre da vida é a poesía e existir sen a palabra é un vivir demediado. Por iso xuntanzas coma esta son tan necesarias en tempos prosaicos.

a