A Dorna de Minerva

cuberta dorna 37Como as aves caprichudas que anasan o voo en inopinado arrauto, así chega unha nova entrega da revista Dorna, cumprindo coa súa errática periódica. É feliz a circunstancia, sobre todo, reitero, porque o derrego cenital que describe este estraño paxaro lírico é tan inconstante que cada nova aparición súa cómpre recibila coa éxtase do ornitólogo que descobre unha especie que cría extinguida.

E velaí como regresa confirmando unha realidade que levo anunciado ben veces e que agora xa é un feito: as máis brillantes fornadas poéticas dos Premios Minerva han de alimentar as nosas plataformas literarias nos vindeiros anos. Pois ben, da trintena de voces que sosteñen a trabe da que é a sección principal da revista, “Creación”, un número máis que considerable foron distinguidas nos galardóns composteláns do último lustro. Quitado os clásicos en vida (Arcadio López-Casanova), os autores asentados de longa traxectoria (Manuel Forcadela) e os que amosan xa unha coñecida andaina (Branca Novoneyra, Carlos Penela, Rosa Enríquez, Baldo Ramos, Cristina Ferreiro, Oriana Méndez), moitos dos restantes son produto da factoría Minerva: Afonso Traficante, Alba Cid, Antón Blanco Casás, Ismael Ramos, Jesús Castro Yáñez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Outras voces novas de interese certo serían as de Ana Cibeira, Arancha Nogueira, Arsenio Iglesias Pazos, Carlos Lixó, David Pobra, Jacobo Llamas, Marco Paone, Miguel Rual, Naír García, Nuno Pico, Xabi Xardón, Rafa Balado, Mercedes Leobalde e Pablo García Martínez, ás que daría cabo o sólido e recoñecido narrador Xabier López López.

A maiores, e como ben sendo habitual, Dorna incorpora unha moi interesante sección para as “Voces de fóra” na que, desta volta, Philip R. Davies e mais David Miranda Barreiro traducen do galés unha escolma de versos de Ifor Ap Glyn, rutilante vencedor do Coron no Eisteddfod nacional de Gales do 2013, gloria patria dos concursos daquela terra con raizames medievais, que coroa os vencedores co título de Prifardd (bardo principal).

interior dorna baldoComo remate desta nova Dorna (nada menos que a número 37), o bloque “Poéticas” favorece o diálogo creativo entre a prosa epistolar de Alfonso Pexegueiro e unha misiva lírica de Dores Tembrás, magnífico colofón para tan celmosa entrega, ilustrada con gusto discutible polas instantáneas de rotundo “Negrume” de Alberto Pombo.

A nave que capitanea Ramón Lourenzo e na que axudan Miro Villar como contramestre e Alba Cid, David Pérez González, Lorena López López e mais Mario Regueira como mariñeiría avanzada navega cos ciclos da lúa, mais non cabe dúbida de que, se ben os plenilunios son escasos, o seu fulgor é radiante.

17 poetas do 21

Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.

Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.

A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.

Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.

Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.

Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.

As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.

Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.

A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.

Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.

Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]

Nove por sete

Da man da factoría literaria A Porta Verde do Sétimo Andar ve luz a antoloxía poética Sétimo andar, coa que esta plataforma creativa celebra a chegada ao sétimo número da súa colección Q de Vian Cadernos.

Para distinguir tal ocasión, nove dos colaboradores habituais deste colectivo creado no 2005 achegaron unha breve selecta dos seus versos inéditos coa que conformar un volume abondo plural, no que tan só o vencello da amizade e a común participación en iniciativas grupais xurdidas no seo do propio colectivo contribúe a unificar unha obra, insisto, absolutamente heteroxénea.

Iolanda Aldrei, Miguel Ángel Alonso Diz, Rosa Enríquez, Alfonso Láuzara, Verónica Martínez Delgado, Alberte Momán, Manolo Pipas e Ramiro Vidal Alvarinho son @s galeg@s que, xunto ao portugués Virgilio Liquito, asinan o cento escaso de páxinas das que se compón esta escolma.

Canto ás poéticas ensaiadas hai, xaora, de todo: dende os versos libertarios de alento melancólico de Aldrei ata os simbólicos poemas en prosa, plurilingües e de forte carga xenérica, de Enríquez, pasando pola escrita patriótica, idiomático-reivindicativa e rosaliófila de Alonso Diz, a delicadeza elexíaca, sinestésica e aliterativa de Láuzara, a poesía agre e rupturista dun Liquito sempre ironicamente subversivo, a historia de amor pronominalizado e contrapuntístico de Martínez Delgado, o xenio chuviñento e bicheiro dun Momán alegórico, a afirmación metapoética e discursiva de Pipas ou aínda os adeuses á infancia e a denuncia do presente louco que estordega a musa de Vidal Alvarinho.

Como os propios coordinadores de Sétimo andar declaran, esta antoloxía abéiranos “7 anos e nove voces que forman un retrato interesante dun espazo en constante expansión, no que non ten cabida a indiferenza dos cordeiros”. Seinos a vostedes moi arredados da familia ovina, así que non me cabe dúbida de que curiosearán nesta valiosa escolma.

Rosa Enríquez, a pantera azul

Como un pau de chuva de proporcións colosais. Así soa o Atlas de Chaguán de Rosa Enríquez, poemario ideofónico que percute nas conciencias ata provocar un estado de alerta vibrátil. Reivindicación de xénero e fera denuncia anticapitalista, velaí os eixes de coordenadas e abscisas que esqueletizan este sistema poético de sentimento inxeometrizable, subversivo, deliberadamente malfalado e feridor.

O territorio alegórico de Chaguán (valería tamén dicir Naugahc) vese cruzado por mil ríos metaliterarios e políglotas. Así, nunha mesta e mestiza coiné galegohispanofranca Enríquez vai ceibando trallazos ao hipotálamo da burguesía de sofá, aos falócratas involucionistas e a todo canto becho vivente se alíe co absurdo que nega a liberdade insubornable da persoa e o seu dereito a unha vida digna.

Les putes en guenilles, o tempo cuadrangular e devastador, @s pieles rojas resistentes, o noli me tangere sexuado, o estado social de abulia comatosa no que durmiñamos, as compracentes cocottes électriques, o desprezable e abominable Home das Neves e mais a súa mutación en Home do Wáter, ese movernos en terreo perpetuamente chaguazoso, o chiar dos carros manuelmariano redefinido (bens inmobles, cirurxía estética e señoritas con bolso: caballeras), a humanidade escravizada e histérica inzada de muchecient@s imbéciles silandeir@s, a sororidade daquelas que non cantan a pombas i frores, a loita por un esperanzado amor de temps de femmes aux cerisses que se sintan compañeiras de El Hombre Tranquilo, o urro poético da panthère bleue qui voyage au centre de la Terre dende o Bibei natal, a miseria que contaxia a explotación, a podremia d@s hipócritas responsables públic@s, a impudicia dos que nos conducen a unha Galiza-Arizona arrasada e esquilmada, o animal público a quen na súa condición de erótico egoísta nunca lle interesou escoitar o discurso das Fillas do Aire, un revirarse de gorgona poética que endexamais abdica nin se renderá, esas e non outras son as razóns deste extremo e palpitante Atlas de Chaguán.

Un título para ter ben presente este que A Porta Verde do Sétimo Andar (quen xa publicara o anterior traballo da autora, Desobediencia) edita agora. Con el Rosa Enríquez envía un SOS lírico á intelixencia socioemocional do lectorado. O desafío está proposto, de nós depende a súa superación.

Parlamento das Letras: Rosa Enríquez

Rosa Cigurria. Rosa Via XIX. Rosa soa na praia. Rosa nas aforas de si mesma. Rosa enraizando vexetal. Rosa devastando os vestíbulos. Rosa desobediente. Rosa universo Unicrom. Rosa Valdeorosa. Rosa papoulas de ironía. Rosa tenrura aceirada. Rosa delirio. Rosa de-xenerando. Rosa rota. Rosa invadida de hectáreas. Rosa atlas e mapamundi matricial. Rosa chaguanada e chaguazosa. Rosa incendio de lousas. Rosa periférica, transversa, apátrida e promátrida. Rosa escrita densa postlicuefacta. Rosa contra a idocia submisa. Rosa nívea en Naugach. Rosa aérea e liberta. Rosa india resistente. Rosa ninfa eléctrica, mecánica, automática. Rosa soror. Rosa políglota, omnímoda, abisal…

Rosa Enríquez.

Rosas de Rosa. Verbarrosas.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

O primeiro libro de poemas que publiquei, nun volume colectivo, foi Nas aforas, no 2006, tras recibir o Premio Francisco Añón. A partir de aí, contactei co editor de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán-Vello, quen, tras da lectura de Vestíbulo da devastación, fíxome saber que o publicaría. Este segundo poemario foi moi importante para min, polo que lle teño un especial cariño.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Penso que o mellor valorado, até o de agora, foi Desobediencia. Non me gusta empregar o termo ben ou mal “tratrado” porque penso que a crítica non ten que “tratar” nin ben nin mal, mais ofrecer unha valoración, argumentada, da obra que lle apetecer comentar. Entón, se a pregunta é que libro foi o menos valorado, responderei Unicrom. A crítica que del se fixo levoume a reflexionar moito sobre as posíbeis eivas da novela e, aínda que non en todo, comparto a visión de Eyré ao respecto de que os personaxes non posúen, talvez, a suficiente profundidade. A pesar disto, se se me preguntar a miña opinión sobre o “valor” do libro, diría o seguinte: non sendo eu escritora de novelas, considero Unicrom, malia os seus pequenos defectos, unha historia ben interesante para os/as adolescentes que, se cadra, debería terse máis en conta. En todo caso, isto non ocupa demasiado a miña mente, pois o meu interese está posto na poesía.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Non son especialmente maniática, mais se o silencio se interpreta como manía, pois si, necesito moito silencio e illamento para escribir.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Supoño que esa decisión non me compete a min, mais a unha crítica seria e atenta que teña as ganas de pasar o traballo de mirar as conexións —semellanzas estéticas, modos de sentir e interpretar o existente…— e diferenzas entre as poetas e os poetas dos últimos vinte anos.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

O que máis me comprace é o feito de terme construído na máis absoluta das soidades, allea aos cenáculos.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Hai moitas escritoras e escritores que me interesan. Non son moito de facer listas, pero citarei dous poetas que me conmoven especialmente. De aquí, Chus Pato. De fóra, sempre Rilke.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Faría falla, creo, traducir moitas máis obras galegas a outras linguas. Así é que, consecuentemente, falta visibilidade e, nalgúns casos, sobran egos.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Talvez un ensaio?

—Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Estou ben orgullosa da nosa literatura, principalmente da poesía. Paréceme de gran calidade, por esa razón, fáiseme triste non dála máis a coñecer fóra da terra.