A prol das nenas

A Editorial Kalandraka avanza no seu proxecto de ir aos poucos trasladando á lingua de noso a emblemática colección ‘Dalla parte delle bambine’ que hai agora corenta anos comezou a publicar en Italia a escritora Adela Turin, pensadora do grupo milanés Rivolta, moi vencellado ao movemento feminista. Co obxecto de combater a discriminación de xénero dende o ámbito do patriarcado familiar e darlle unha volta ao machismo imperante en boa parte da literatura infantoxuvenil daquela altura, Turin publicou entre 1975 e 1980 unha vintena de títulos ilustrados por Nella Bosnia que ben pronto se popularizaron non só en toda Italia senón en boa parte de Europa.

Daquela iniciativa literaria naceu en París anos despois —tamén da man de Turin e mais de Silvie Cromer— a asociación Du côte des filles, moi activa no estudo e denuncia do sexismo no Ensino e na sensibilización desta problemática nas instancias educativas, culturais e gobernamentais.

Pois ben, imbuídos dese positivo espírito de xustiza xenérica, @s responsables de Kalandraka apostaron por traducir o orixinal italiano Rosaconfetto a través da súa versión francesa, Rose bombon, labor levado a cabo por G. Tolentino, volume de Turin / Bosnia que vén así sumarse a Arturo e Clementina, publicado hai apenas uns meses con unánime aceptación de lectorado e educador@s.

Rosa caramelo, que así se titula a versión galega desta orixinal narración, presenta a vida singular de Margarida (unha licenza de tradución —e non é a única—, pois a protagonista ideada por Turin chámase, en realidade, Pasqualina), unha elefantiña que non consegue ser rosa nin adornándose con complementos desta cor, como si conseguen as súas restantes conxéneres, fermosas aos ollos dos elefantes grises, que entenden que na delicadeza desta observación colorista reside o segredo para, unha vez medradas, seren desexadas como esposas apetecibles.

Esta parábola onde as elefantiñas viven entregadas ao ornato con laciños, zapatiños e colares rosas namentres os elefantiños reloucan despreocupados nas lameiras e verdes prados, é unha moi transparente denuncia dos roles androcéntricos instituídos socialmente, que son liberadoramente subvertidos dende o momento no que Margarida-Pasqualina decide esquecerse do que dela se espera e marcha xogar cos elefantiños, servindo de exemplo ás restantes elefantiñas, que acaban por imitala, completándose a positiva rebelión xenérica.

As magníficas ilustracións que no seu día creara Bosnia para o relato seguen resultando, tantos anos despois, atractivas e moi acaídas para acompañar o texto de Turin, aquí impecablemente editado por Kalandraka en formato álbum ilustrado de tapas duras que ha gustar tanto a nen@s como a maiores que acompañen a lectura dest@s.