Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 3 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de Crónicas de Embora, de Manrique Fernández (00.26), Oso, mamá, si?, de María Lado (8:45), da Obra completa IV, de Roberto Vidal Bolaño (14:25) e de A pantufla de Celia (19:50), de Concha Blanco e Dani Padrón.
Arquivo por etiquetas: Roberto Vidal Bolaño
De Roberto a Roberto
No ronsel posletrego chego á lectura do moi interesante Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, do estudoso e profesor da Escola Superior de Arte Dramática Roberto Pascual (O Carballiño, 1981), unha das voces máis autorizadas no campo da historiografía e a teoría dramática e escénica galegas.
A presente monografía concilia a análise da produción teatral e a peripecia vital de Vidal Bolaño cunha escolma mínima pero representativa das súas pezas. No primeiro destes bloques repásanse as súas etapas como director e factótum dos grupos Antroido e Teatro do Aquí, así como os traballos máis bufonescos ―no máis nobre sentido da palabra―, a súa dedicación á escenografía e o labor de dirección.
Agora ben, o ensaio de Pascual salienta pola acuidade coa que contextualiza a súa andaina autorial, non rexeitando a revisión de episodios espiñentos na súa traxectoria (velaí as polémicas habidas con Agasallo de sombras ou As actas escuras), así como pola lucidez coa que conecta as súas creacións coas doutros autores e teóricos galegos e foráneos.
Particularmente agradecida resulta, polo menos para o que isto escribe, a inclusión no volume dun capítulo centrado en “O oficio da crítica”, unha angueira bolañesa á que ben poucos teñen prestado atención e que revela ata que punto o santiagués era un creador total, perfectamente consciente da transcendencia e importancia de todos e cada un dos elos do circuíto cultural.
Os treitos aquí antologados de Ledaíñas pola morte do Meco, Criaturas, A burla do galo, Doentes e Animaliños son un xeitoso mostrario do global da súa produción, pois abranguen épocas diversas e complementarias da escrita bolañesa, con ambientacións, temáticas e fórmulas igualmente contrastivas.
Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro é un deses libros que ofrecen ben máis do que prometen: lucidez reflexiva, capacidade sintética e didáctica xunto a amenidade expositiva e rigor no dato histórico e o pormenor sistémico. Xa que logo, outra monografía de valor que nos deixa Roberto Pascual, facéndonos máis accesible ao seu inmenso tocaio.
Alumando escuras actas
A peripecia editorial da obra de Roberto Vidal Bolaño é toda unha aventura. Como aconteceu noutros casos, houbo que agardar pola dedicatoria do Día das Letras Galegas para que un autor do seu relevo recibise a atención que dende sempre mereceu.
O caso é que finalmente o conxunto de toda a súa obra pode lerse agora en Edicións Positivas, casa capitaneada polo tan visionario como arriscado Paco Macías, quen se conxurou co máximo especialista na obra bolañesa, Xosé Manuel Fernández Castro ‘Pepes’, para editaren, man a man, os varios volumes dos que constan as Obras completas do de Compostela.
Polo de agora, foron dous (dun total de seis proxectados) os volumes de toda esta escrita escénica que viron luz. No primeiro agrupáronse media ducia de prezas que converxen no coetáneo da súa ambientación, na forte pegada cinematográfica que revelan e na inequívoca galeguidade psicosocial que as alimenta. Pode comprobarse todo isto doadamente coa lectura de Integral, Animaliños, Anxeliños!, Criaturas, Rastros e Saxo Tenor.
Da súa parte, o segundo dos volumes recolle aqueloutros textos de ambientación temporal pretérita ―por máis que remitan codificadamente a un presente alegorizado― rebordantes de personaxes e mundos ben recoñecibles e mesmo míticos (Rosalía, Prisciliano…). Forman parte desta entrega algúns dos, para o meu gusto, mellores títulos de Vidal Bolaño, como Mar revolto, A burla do galo, Doentes e, sobre todo, ese fantástico tríade que constitúen As actas escuras, Días sen gloria e Agasallo de sombras.
Non foi Vidal Bolaño un autor grato á autoridade. O seu insubornable compromiso cívico e identitario, o noxo que destilaba fronte ás mil corruptelas e componendas da clase gobernante fíxoo tan antipático a esta como querido polo pobo no que enraizaba a súa creación e ao que ía dirixida a mesma. Non cómpre máis que lembrar as polémicas que suscitou a estrea de Agasallo de sombras ou o secuestro escénico que nos privou por tempo da publicación de As actas escuras para entender do que falo.
Tamén agora semella persistir ese divorcio e, mentres estudosos como Pepes ou editores como Macías poñen nas nosas mans a súa obra dignamente editada a partir de razoables criterios de fidelidade textual, hai institucións ás que parece seguir incomodando a súa popularidade, mesmo a celebración da súa efeméride.
Moi errados andan. A escrita de Vidal Bolaño sobreviviraos a tod@s e a súa vaidade de ineptos dirixentes e nefastos representantes aseguraralles o esquecemento perpetuo polos séculos dos séculos.
Porque Roberto Vidal Bolaño é un clásico e, como tal, está por riba dos ‘animaliños’, coitados ‘anxeliños’ e ‘criaturas’ bechas que tanto abundan neste ‘mar revolto’ de iniquidade.
Beizón a Paco Macías e Xosé Manuel Fernández Castro Pepes por esta valiosa e oportuna edición das súas Obras completas, sobresaliente empresa de Edicións Positivas que ficará como referente máis alá do boureo da feira maiega e asegurará aos afectos bolañistas o acceso a unha escrita teatral por sempre admirable.
[Publicado en Galicia Confidencial, 17-5-2013]
Visolectura bolañesa
Nesta ponte das Letras Galegas na que andamos vén máis ao caso que nunca recomendarlles unha lectura sobre Roberto Vidal Bolaño, o autor homenaxeado, pois ben está que, pasado o vendaval festivo, fique nun algo desa maxia literaria coa que anualmente comungamos.
Así pois, hoxe o libro do que lles quero falar non é outro que Un chapeu negro e un nariz de pallaso, da autoría da crítica e estudosa Montse Pena Presas e mais o ensaísta e director de documentais Gonzalo Enríquez Veloso.
E escribo ‘libro’ e mellor debería escribir ‘libro-cd’ ou mesmo ‘videolibro’, pois iso é o que ofrece Un chapeu negro…: dunha banda, un ameno á par que informado perfil biográfico de Vidal Bolaño no que tamén hai espazo para a análise panorámica dos principais fitos e características da súa produción teatral, contribución que redacta e asina Pena Presas, e, doutra parte, esta publicación inclúe tamén un cd cun moi interesante documental sobre o universo bolañés do que se responsabilizou Enríquez Veloso.
Na parte escrita, quero salientar o oficio de Pena Presas para, dun xeito moi accesible para calquera público —non hai que perder de vista que a obra se publica nunha colección de audiencia potencialmente escolar—, ir espigando os máis decisivos socalcos vitais e referentes literarios que conforman o mundo de Vidal Bolaño. Mesmo a arquitectura capitular, deliberadamente escénica, acae ben a esta achega, alicerzada en apartados breves, espidos de vacuo academicismo e contaxiosos na súa ilusionante aposta por (re)descubrir o autor, a obra e o tempo no que foi.
Tamén si, merece destacarse, e moito, o labor documental de Enríquez Veloso, quen soubo dar á súa aproximación visual un ton entre o divulgativo e o informado máis que pertinente, pois contou con estudos@s, compañeir@s de profesión e familiares do escritor que iluminaron reveladoramente moitas das facetas dese poliedro creativo que Vidal Bolaño foi.
Neste sentido, as palabras dedicadas polo seu fillo Roi Vidal á memoria do pai ou polas súas dúas compañeiras en vida —Laura Ponte e mais Belén Quintáns— proporcionan o coñecemento máis próximo de quen foi o cidadán, saber que se complementa co retrato ‘intra bambalinas’ de actores ou técnicos das que foron as súas compañías teatrais (caso de X. C. Mejuto ou Rubén Ruibal, por exemplo), alén doutras voces autorizadas que achegan pulo analítico, como as dos editores das súas Obras completas, Paco Macías —director de Edicións Positivas— e mais Xosé Manuel Fernández Castro ‘Pepes’, o máximo especialista na súa figura.
Atinada aposta, por tanto, a daqueles que se deixen introducir no cativador mundo de Roberto Vidal Bolaño da man deste Un chapeu negro e un nariz de pallaso de Montse Pena Presas e Gonzalo Enríquez Veloso, unha contribución de valor da que presta dar noticia.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 19-5-2013]
Prontuario Vidal Bolaño
Andamos xa metidos de cheo no 2013 e convén lembrar aos que andan menos pendentes das cuestiúnculas adoitas nos círculos literarios galegos que por maio deste ano no que estamos celebraremos o Día das Letras honrando a memoria de Roberto Vidal Bolaño (1950-2002), dramaturgo que o fixo todo no teatro de noso, dende a dirección ata a actuación, dende a escrita ata a tradución, da adaptación ao ensaio crítico, un auténtico factótum do campo teatral sen o que é imposible entender a historia desta arte en Galicia no último cuarto do pasado século.
Que a ninguén lle caiba a menor dúbida de que, co gallo da efeméride, han ser varias as monografías, volumes colectivos, especiais e suplementos que se lle dedicarán á vida e obra do santiagués. De feito, cando escribo estas liñas, son sabedor de que foron publicadas xa moi interesantes achegas de estudosos como Camilo Franco ou Antón Lopo, mais hoxe quero salientar a que, ao meu ver, é a mellor e máis recomendable das monografías integrais sobre a biobliografía bolañesa: A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, publicada en Laiovento por Xosé Manuel Fernández Castro, indiscutible máximo especialista na materia.
Nas case seiscentas páxinas deste volume o profesor Fernández Castro compendia o máis graúdo do ensaio que presentara como tese de doutoramento no 2007 na Universidade da Coruña. Estamos, por tanto, ante un traballo de orixe académica que aquí, sen perder unha miga do seu rigor e profundidade, adoptou unha fasquía un pouco máis divulgativa ata dar co formato axeitado tanto para un lectorado informado coma para o público xeral potencialmente interesado.
Aínda que a división capitular é outra, os bloques de sentido que presenta o libro son basicamente tres: un capítulo introdutorio (“Sobre a importancia de Vidal Bolaño”) no que se fai repaso dalgunhas das opinións e xuízos de valor máis destacados á hora de considerar o papel do creador; un segundo bloque biográfico (“Sobre a carreira de Vidal Bolaño”), no que se recapitula en detalle toda a súa peripecia vital, e un derradeiro segmento centrado na análise pormenorizada dun dos textos capitais da dramaturxia bolañesa: Agasallo de sombras.
Empregando ferramentas hermenéuticas tanto do eido dramatolóxico coma do teórico-crítico, Fernández Castro agrupa a trintena de títulos producidos por Bolaño en dez categorías que formula baixo criterios eclécticos. Deste xeito, atendendo a parámetros que teñen que ver coa definición e apropiación do texto dramático, a escrita do de Santiago presentaría algunhas pezas que non foron ideadas para escena, outras que son adaptacións, outras máis que moi ben pode considerarse reescritas e aínda unhas últimas que, inspirándose en textos alleos, constitúen unha creación xa perfectamente autónoma; doutra parte, tendo presente o factor público, é posible sinalar certas pezas como pensadas para todos os públicos (tamén o infantil, aínda que non exclusivamente); deixándose guiar polo criterio espacial, en Bolaño debe sinalarse o seu cultivo do teatro de rúa; respecto do número de personaxes e as voces comunicantes, debe recordarse que o autor escribiu varios monólogos ou soliloquios; e, finalmente, se atendemos ao vector temporal, habería fábulas catalogables como propias dun territorio cronolóxico do inconcreto, outras que remiten a un pasado histórico e un derradeiro grupo de textos de ambiente coetáneo. En definitiva, un moi amplo mostrario de creacións teatrais que demostran a vizosidade e complexidade desta escrita maxistral.
O case medio cento de páxinas de ítems bibliográficos activos e pasivos e a ducia e media de planas de índice onomástico completan este modélico A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño de Xosé Manuel Fernández Castro, auténtico prontuario bolañés, volume de cabeceira para todos os estudosos do autor, que necesariamente han beber nel como punto de partida para presentes e futuras análises de tan vizoso universo literario e artístico.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 20-1-2013]