Vivimos nun mundo avolto, en permanente conflito. Desafortunadamente, as guerras, enfrontamentos armados e situacións de violencia extrema son unha tristísima realidade, por iso é preciso que as xentes de paz coñezamos ben a orixe destas situacións, as súas consecuencias e a intensa e lacerante vivencia que producen.
Un xeito revelador de se achegar a tan témera experiencia é a vía literaria. Os escritores captan sensiblemente o traumático impacto que, tanto dende a pura carnalidade coma tamén dende o psicolóxico, acaba por cangar as vidas daqueles que se ven arrastrados por un conflito bélico. Por iso, os libros que tratan esta temática teñen de ser unha fonte de lectura esencial para mellor comprender as causas e ronseis que a vesania violenta desata e, deste xeito, aprehender e mellorar na rehumanización do individuo moderno.
Un eido no que a escrita sobre motivo bélica é especialmente valiosa é o infantoxuvenil. Na literatura inicialmente destinada aos máis novos engádese ao estético ou evocador un plus reflexivo do que adoito se desprende unha lectura de valores, mesmo pedagóxica en ocasións, que fai deste tipo de obras unha referencia ben recomendable para os que están a se formar.
Todo o anterior pesou, sen dúbida, no ánimo do equipo que preparou a edición de Reflexos das dúas guerras mundiais na LIX, volume coordinado por Blanca-Ana Roig Rechou, Isabel Soto López e Marta Neira Rodríguez no que unha corentena de especialistas tanto galegos coma do resto do Estado, de diferentes lugares de Europa e tamén de América colaboran con estudos e panorámicas sobre ámbitos literarios nacionais a propósito dalgúns dos grandes títulos desta temática.
A amplitude e variedade dos traballos que integran este volume imposibilita que en breve espazo sexa quen de dar conta de todos eles, así que me conformarei con dicir que poden lerse nel artigos marco tan interesantes como o asinado polo profesor da Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Porto José António Gomes, quen fai un moi documentado repaso ás principais achegas e tratamentos das obras deste tema en literaturas como a alemá, a británica, a canadense, a castelá, a catalá, a francesa, a galega, a italiana, a holandesa, a irlandesa, a israelí, a norteamericana, a polaca ou a portuguesa.
Do mesmo modo, coido tamén traballos do máximo proveito as panorámicas verbo da presenza das dúas guerras mundiais en ámbitos do espazo ibérico e iberoamericano como a literatura española (nun artigo que asina o profesor Jesús Díaz Armas, da Universidade da Laguna), catalá (Joana Maria Cladera Socias, Universidade das Illas Balears), portuguesa (Ana Margarida Ramos e Sara Reis da Silva, Universidades de Aveiro e Minho), éuscara (Xavier Etxaniz e Manu Lopez Gaseni, Universidade de País Vasco), brasileira (Thiago Alves, Universidade Estadual do Norte do Paraná), mexicana (Laura Guerrero Guadarrama e Áurea Xaydé Esquivel Flores, Universidade Iberoamericana) e, xaora, galega (Marta Neira Rodríguez, Universidade de Santiago).
Ás anteriores achegas cómpre aínda engadir iluminadoras aproximacións a obras clave da literatura infantoxuvenil de asunto bélico como o Diario de Ana Frank, o Maus de Art Spiegelman, A balada do Mar Salgado de Hugo Pratt, o Otto de Tomi Ungerer ou O neno do pixama de raias de John Boyne, por citar só algunhas das dúas ducias de libros que son aquí estudados monograficamente.
O volume péchase cun magnífico ensaio a propósito da imaxe e as ilustracións na bibliografía infantoxuvenil bélica que realizan Carmen Franco Vázquez e Guillermo Calviño Santos (USC), que complementa o estudo dese produto hibridado que son os álbums e os libros ilustrados, onde a importancia da imaxe está ao nivel —e por veces mesmo por riba— do interese que xera o propio texto.
Reflexos das dúas guerras mundiais na LIX é unha publicación máis que necesaria. Non só porque salva do esquecemento na pura oralidade ás intervencións do congreso internacional homónimo que hai uns meses organizou en Compostela a rede LIJMI (Literaturas Infantiles y Juveniles en el Marco Ibérico e Iberoamericano), todas elas contribucións analíticas ben apreciables, senón tamén porque baixo o guieiro de Roig Rechou, Soto López e Neira Rodríguez os mellores especialistas na materia ofrecen textos impagables para os profesionais da mediación (docentes, bibliotecarios, familias, animadores culturais, lexisladores educativos, editores) e tamén para o público xeral que ande na procura de instrumentos de consulta e orientación que acheguen ao lectorado máis novo obras de calidade literaria nas que poidan aprender que a violencia, o sufrimento, a persecución, a tortura, o egoísmo e as guerras son males que non poden deixarnos indiferentes e cómpre mudalos sempre pola paz, a comprensión, o respecto, a compaixón, a benevolencia e a xenerosidade.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 13-11-2016]