Manuel Antonio de corpo enteiro

manuel antonio poesiaXosé Luís Axeitos é un dos investigadores galegos que máis ten contribuído á recuperación de obras e autores de noso nos últimos lustros. Grazas a el coñecemos moito mellor a Frei Martín Sarmiento, Rafael Dieste, Luís Seoane ou Lorenzo Varela, por citar só algúns dos escritores dos que se ten ocupado con decidida afección.

Pois ben, nunca se agradecerá o suficiente o labor de rescate e exhumación que lle debemos ao profesor Axeitos, mercé ao cal temos, por fin, un Manuel Antonio verdadeiramente integral.

Certamente, que un clásico entre os clásicos como o poeta rianxeiro padecese durante tanto tempo o ter en mercado edicións da súa obra incompletas e non fixadas con rigor científico amosa a anemia que, máis veces do que debería, mirra os estudos literarios galegos.

Nesa angueira de devolvernos o retrato textual de corpo enteiro de Manuel Antonio o académico Axeitos edita un volume coa súa Obra completa. Poesía na colección Clásicos da Academia, conveniada no pasado pola RAG coa Fundación Barrié.

Grazas ás súas investigacións de anos, este libro reproduce a totalidade dos versos galegos coñecidos do rianxeiro, éditos e inéditos, pois tamén destes últimos hai mostras nesta obra imprescindible, amais de catro composicións finais noutras linguas (tres en castelán e unha en francés).

manuel antonio perez sanchezA edición de Axeitos ofrece tamén unha moi informada “Introdución” na que se dá conta da procedencia, estado e natureza dos materiais, ao tempo que se xustifican os criterios desta impecable edición filolóxica.

Canto á reprodución e transcrición de orixinais propiamente ditas, debe subliñarse que o aparato a pé de páxina disposto por Axeitos revela detalles ecdóticos decisivos para a comprensión da secuencia e enfoque creativos do poeta, ao tempo que enriquece toda esta visión con non poucas fotografías dos orixinais transcritos e nótulas que vinculan os textos coa correspondencia do escritor ou outras circunstancias da súa biopoética.

Como xa sucedera no seu día cando Axeitos publicara a Poesía galega completa (1992) para Sotelo Blanco Edicións, esta nova revisión do conxunto da súa produción amósase como fundamental e non me cabe dúbida ningunha ao afirmar que aqueles que desexen ler a Manuel Antonio sen restricións deberán beber, a partir de agora, nesta Obra completa. Poesía coa que Xosé Luís Axeitos dá cabo ao proxecto que iniciara hai agora dous anos ao publicar unha primeira entrega coa Obra completa. Prosa que fica, así, idealmente complementada.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 30-11-2014]

Mester de Vida

Lembro unha tarde de augachumbo na cidade amurallada, hai xa ben tempo. Quedara eu cos vellos e benqueridos amigos Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer na cafetería do Gran Hotel, preto da súa casa, para falar dun asunto cunqueiriano. Aínda non ben pisara o local e os saudara cando estes me comunicaron unha nova que me deixou aleuto: “Senta. Falaremos de Cunqueiro, si. Pero hoxe vas coñecer un outro poeta que non ten nada que lle envexar: Arcadio López-Casanova”. Hai agora diso vinte e tres anos e o que isto escribe era estudante de segundo curso de Filoloxía. Sobra dicir que aquela tarde me regalou máis do que sospeitaba: unha lección maxistral da literatura da vida e un amigo de por vida co que aprender a soñar a grande literatura.

Dende aquela sigo con fruición os pasos de López-Casanova, para os amigos simplemente Arcadio. Fíxenme ben cedo cun libro seu que hoxe é inencontrable: Memoria dunha edá (1976), nunha modesta edición da colección Arealonguiña de Akal que reunía toda a súa produción dende 1960 ata 1975, isto é, os Sonetos da espranza presentida (1965) —primeiro libro seu en galego—, Palabra de honor (1967) e outros textos non recollidos nesas obras.

Viñeron logo máis poemarios e, sobre todo, o coñecemento da fulgurante traxectoria do extraordinario escritor, do brillante profesor. Fun sabendo da súa orixe lucense e, máis concretamente, paramesa, pois a Ondara imaxinaria que habita os seus poemas non é senón O Páramo lugués dos seus avós, edén matricial no que cifra o sentimento do cantor en tantos textos. Tamén si, dos seus anos como estudante no vedraio Instituto Masculino de Lugo, hoxe Lucus Augusti. De como alí fascinou a súa precocidade a veteranos profesores como Amable Veiga e, particularmente, da súa chegada en 1959 a Compostela para cursar Xeografía e Historia, pois non existía aínda na secular universidade a carreira de Filoloxía Románica, en non poucos dos saberes da cal, que ironía!, había de acabar sendo Arcadio un auténtico mestre.

Informeime dos seus inicios como poeta na emblemática revista Escritos, onde publicou con tan só dezasete anos o primeiro verso en galego. Coñecín as andainas súas con Piñeiro e García Sabell en Santiago e as xuntanzas con Cilistro e demais confrades do faladoiro do Méndez Núñez en Lugo. E, xaora, entendín a importancia decisiva dos Mesteres (1976), a renovación e cambio de rumbo que imprimiron á poesía galega dos albores dos tempos democráticos, e fun profundando na Liturxia do corpo (1983) e a Noite de degaro (1994).

Durante anos cruzamos aquí e acolá nas visitas que con frecuencia o trouxeron dende a súa Valencia de adopción ata as terras da súa raizame e fun sendo cada volta máis consciente da miña fortuna ao poder tratar cun dos grandes poetas de noso do último medio século.

Seguramente esa miña devoción polo Arcadio López-Casanova poeta e estudoso —e a súa declarada xenerosidade de moi amigo dos seus amigos— explican que hai uns anos me fixese o inmenso galano de deixarme prologar un dos seus máis recentes poemarios, Dicir unha razón (2006), ocasión na que tiven modo de explicar aquilo do que levo tempo convencido: que Arcadio é unha voz senlleira e incomparable, que a súa escrita dorida e transparente ten a altísima dicción dos poetas transcendentes, que poucos coma el domearon a verba creando unha estilística dúctil, xeométrica e lizgaira a un tempo, celmosa no semántico e de ferinte clarividencia na mensaxe, sempre comprometida co Tempo, co Ser Humano, co Amor, coa Terra e a Memoria.

Todas esas razóns e máis houberon de pesar no ánimo d@s ilustres da RAG, que o recibiron o pasado sábado como un dos seus. Non me queda dúbida de que acertaron. Con el a institución escolmará mellor, expurgará con maior efectividade e innovará máis decididamente. Sexan parabéns no teu Mester de Vida, amigo Arcadio!

[Publicado no Faro de Vigo, 24-11-2013]

Ánxel Fole e a RAG, medio século despois

Tal día coma hoxe, hai exactamente medio século, lía o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega o eximio escritor lucense Ánxel Fole (1903-1986). Fora nomeado a proposta de Aquilino Iglesia Alvariño, Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez-Risco e Julio Rodríguez Yordi, pois coa súa incorporación cubríase a vacante que deixara Manuel Casás, presidente que fora da institución.

O discurso de ingreso de Fole na RAG titulouse “Castelao i-a tradición galeguista” e foi respondido polo daquela presidente Martínez-Risco. Cómpre subliñar que o texto de Fole non foi publicado no seu día, o que non deixa de ser unha ocasión perdida, pois, de terse editado, tería constituído o único volume ensaístico en galego dado á luz en vida do autor.

Porén, para os máis curiosos lembrarei que existen dous epítomes desta conferencia nos artigos de El Progreso “Castelao i-o pobo galego” (1-5-1964) e mais “Castelao i a tradición galeguista” (7-12-1975) e que unha sinopse fidel do contido daquela alocución declaroulla o propio Fole a Perfecto Conde nunha entrevista que lle concedeu para a revista Chan (“Diálogo con Ánxel Fole”, Chan, 22, febreiro de 1970).

Fole ingresou na douta institución un día sinalado: o día de San Froilán, festa grande dos lucenses, aínda que o acto solemne non se celebrou en Lugo, senón na Coruña. A RAG recoñecía co seu nomeamento un narrador e xornalista que, naquela altura, xa publicara clásicos da nosa narrativa do pasado século como Á lus do candil (1953) ou Terra brava (1955) e senlleiras pezas de teatro como Pauto do demo (1958). Un escritor que, como periodista e creador, colaborara durante os longos anos da Posguerra en revistas de aquén e alén mar (Numen, Mensajes de Poesía, Alba, Galicia Emigrante, Vida Gallega, Lucus, Galicia, Vieiros, Grial, Ínsula, Cartel) e en diversos xornais (La Noche, Faro de Vigo, Hoja del Lunes de Lugo), sendo todo un emblema do periodismo lucense que capitaneaba dende as páxinas de El Progreso, onde botou a andar iniciativas históricas como o “Parlamento de las Letras Gallegas” (1961) e onde logo coordinou o inesquecible suplemento “Táboa Redonda” (1970).

Hoxe, cincuenta anos despois, a figura de Ánxel Fole segue viva entre o lectorado galego do novo milenio como o que é, a voz dun clásico. Mais tamén o seu exemplo de entrega a unha lingua e unha cultura fan del un persoeiro que moito merece lembrarse, o que con grande gusto deixo feito dende os parágrafos desta bitácora, por moitos anos, ¡si, señor!

 

A supernova Manuel Antonio

De cando en vez —moi de cando en vez— a investigación literaria en Galicia sorpréndenos coa descuberta de materiais que permanecían ignorados, extraviados ou, simplemente, non eran accesibles. Cando iso sucede prodúcese unha revelación, unha sorte de impacto meteórico que combustiona iluminando o noso ceo literario co seu fulgor.

Pois ben, recentemente ten acontecido un deses estouridos. Mais non se trata dunha pirotecnia calquera, non vaian pensar. Neste caso pódese dicir, sen medo a errar, que estamos ante a contemplación dunha supernova exhumatoria que case nin eramos quen de imaxinar. Refírome á publicación da nova Obra completa do escritor rianxeiro Manuel Antonio, da que apareceu o primeiro dos cinco volumes que se proxectan (dedicado nesta ocasión á Prosa) nunha moi coidada edición que inaugura a colección Clásicos da Academia da RAG.

O responsable desta histórica publicación non é outro que o estudoso secretario da amentada institución, o profesor Xosé Luís Axeitos, auténtica auctoritas na biobibliografía do poeta vangardista, sobre o que leva publicado ducias de traballos.

Grazas á cesión dos fondos manuelantonianos que obraban na Fundación Barrié de la Maza (coeditora desta opera omnia), Axeitos puido descubrir case unha corentena de escritos en prosa do autor de De catro a catro, amais dunha trintena de traducións debidas á súa pluma.

Seguir lendo