Ars dedicandi: Ramón Piñeiro na RAG

ars_dedicandi_rpineiro_rag

Van alá vinte e seis anos do pasamento de Ramón Piñeiro, un dos personaxes máis influentes da cultura galega do pasado século.

O pensador de Láncara ingresou na Real Academia Galega o 25 de novembro de 1967 co discurso A lingoaxe i as língoas, que Galaxia imprentou para ese día coa resposta ao mesmo de Domingo García-Sabell. Este último e mais Ricardo Carballo Calero e Xulio Rodríguez Yordi foron os que elevaron a proposta en xullo de 1963 co informe favorable de Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, proposta que foi aprobada por unanimidade o 29 de decembro daquel ano.

O ars dedicandi que reproduzo ―xentileza do amigo Xesús Torres Regueiro, quen o recuperou― é, en realidade, unha dedicatoria colectiva do discurso de ingreso piñeiriano asinada por este mesmo e por bastantes outros académicos e as súas mulleres xustamente na xornada da recepción en Tabernas.

A destinataria da dedicatoria é Luísa Crestar (Betanzos, 1908―A Coruña, 1988), autora do poemario Nas orelas do Mendo (1982), no que incluíu un bo mangado de composicións dedicadas a amigos, entre elas unha “A Ramón Piñeiro, que fai tempo dixo que teño no esprito a ledicia das Mariñas betanceiras”.

Poden lerse no ars dedicandi as sinaturas de Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez Risco, Ricardo Carballo Calero, Francisco Vales Villamarín, Fermín Bouza-Brey, Xesús Ferro Couselo, Enrique Chao Espina, Antonio Meijide Pardo, Isidro Parga Pondal, Leandro Carré Alvarellos, Juan Naya Pérez, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Elena Tormo López, María Josefa Bustamante e Isabel López.

Unicamente o recipendiario e quen lle contesta inseriron texto na dedicatoria. O primeiro saudando a “Luisa Crestar, betanceira que sinte cos ‘bós e xenerosos’, coa cordial amistade de Ramón Piñeiro”. O segundo dando “Apertas, boa amiga, D. García-Sabell”.

Neste cabodano acae a lembranza de Ramón Piñeiro e o feixe de colegas e amigos que, a canda el, protagonizaron a escena cultural, social e política galega da pasada centuria.

Imaxes de Piñeiro

Ramón Piñeiro. A vontade da intelixencia. Unha fotobiografía (1915-1990)Este 2015 que se nos vai foi ano de sinaladas efemérides. Entre elas, a do centenario de Ramón Piñeiro, a quen se lembrou en actos e xornadas, homenaxes e recordatorios e, sobre todo, en publicacións que axudaron a actualizar a súa figura.

Préstame hoxe salientar un deses volumes que entendo imprescindible para mellor coñecer a traxectoria vital e autorial do intelectual de Láncara. Estou a me referir a Ramón Piñeiro. A vontade da intelixencia. Unha fotobiografía (1915-1990), obra da que se responsabilizou Henrique Monteagudo e que publicou, con primor, Galaxia.

A Monteagudo debiámoslle xa traballos de mérito arredor da obra de Piñeiro; poño por caso, a súa edición de A linguaxe e as linguas ou o compilatorio O espertar da conciencia galega, mais é sen dúbida neste libro onde mellor espella o fondo coñecemento que atesoura da andaina do escritor.

A presente fotobiografía de Piñeiro constitúe non só un relato visual ben completo dos seus días, senón, sobre todo, un testemuño precioso dos seus pasos, das decisións tomadas en momentos ben complexos, das opinións defendidas en transos transcendentais. Porque cómpre saber que un dos maiores acertos de Monteagudo foi o de ceder a palabra ao propio Ramón PiñeiroPiñeiro para, a partir dun habelencioso cosido de entrevistas e declaracións, facer que sexa o lancarao quen nos vai contando da infancia e adolescencia (1915-1931), da etapa na que agromou o seu compromiso galeguista (1931-1936), dos duros anos da Guerra, a clandestinidade e o cárcere (1936-1949), dos lustros escuros da resistencia (1950-1962), da etapa na que tocou fender muros a prol da causa de Galicia (1963-1976), tamén dos tempos nos que todo foi camiño aberto, agra por sementar ata o derradeiro alento (1977-1990).

Quen se achegue a este Ramón Piñeiro. A vontade da intelixencia. Unha fotobiografía (1915-1990), descubrirá pronto o fino labor do editor pespuntando nas fías onde as palabras do intelectual eran escasas ou inexistentes, anotando aquí e acolá esclarecedores pés de foto que iluminan contextos e desvelan personalidades, tamén, xaora, complementando con acaídas citas un discurso ben vizoso, que pon o foco nunha realidade reveladora: Piñeiro foi facendo o camiño cun norte claro, Galicia, mais as xeiras que tivo de andar foron reconfigurando, a cada canto, a maneira na que afrontar tal reto, non houbo no seu proceder, como erroneamente algúns pensan, predeterminacións cegas nin follas de ruta inamovibles.

Especialmente agradecidas son aquelas páxinas nas que Monteagudo recupera entrevistas onde Piñeiro se define verbo de temas moi sensibles, como o da súa aposta polo nacionalismo/federalismo, asunto sobre o que lle falou abertamente a Eugenio Ibarzabal nunha interview para a revista vasca Muga en 1981.

O volume engade, como complemento á espléndida colección de instantáneas, a transcrición de textos históricos como o “Documento dos 29” (marzo de 1977) ou o “Manifesto de Realidade Galega” (marzo de 1980) e remata coa escolleita reprodución dalgúns ensaios epistolares do autor: a “Carta a Álvaro Cunqueiro” (1951), “Carta a Luís Seoane” (1958), “Carta a Celestino de la Vega” (1960), “Carta a Manuel Rodrigues Lapa” (1973) e a “Carta a Rodolfo Prada” (1976). Por remate, unha “Bibliografía esencial de Ramón Piñeiro”, unha nota exhaustiva dos epistolarios publicados nos que figurou como correspondente, unha ramón piñeiro“Bibliografía orientativa” arredor da súa figura e unha extensa nómina de “Entrevistas extractadas ou citadas”.

Valiosa achega a publicación de Ramón Piñeiro. A vontade da intelixencia. Unha fotobiografía (1915-1990), un volume no que Henrique Monteagudo consegue trasladarnos, si, a vera effigies dun pensador incomparable que Salvador García-Bodaño definiu liricamente no poema co que se abre o libro: “Na voz/ que flúe maina/ unha humilde/ firmeza/ e a patria/ na ollada longa/ do futuro/ que comeza…”.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 27-12-2015]

In memoriam Ramón Lugrís

ramonlugrisOnte fóisenos o intelectual Ramón Lugrís, que nacera no Ferrol en 1932. Tradutor na BBC en Londres e na ONU en Nova York, malia a súa diáspora estivo sempre atento á realidade sociocultural e literaria galegas e mantivo o contacto coas figuras principais do galeguismo do seu tempo.

Reproduzo aquí unha carta inédita que enviou a Ramón Piñeiro o 2 de outubro de 1961. Nela, á parte doutras cuestións relativas a envíos bibliográficos, escribiulle ao de Láncara para transmitirlle a súa moi positiva lectura do poemario Nimbos de Xosé María Díaz Castro, opinión que confirmou días despois ao comentar gabanciosamente o libro para o xornal La Noche (9-11-1961).

Piñeiro fíxolle chegar esta carta a Díaz Castro con outra que el mesmo lle escribiu (8-10-1961). Respondendo á mesma (10-10-1961), o de Guitiriz confesoulle ao de Láncara estar asombrado e moi agradecido “polos termos desmesuradamente eloxosos” que Lugrís dedicara a Nimbos, o mesmo que repetiu a Piñeiro noutra carta días máis tarde (24-10-1961), misivas todas estas que hoxe poden consultarse no Epistolario do guitiricense.

Sirvan estas liñas como recoñecemento ao estudoso de Risco, ao galeguista que axudou a pensar os rumbos do país no faladoiro do Derby compostelán, onde coñeceu a Otero Pedrayo, Del Riego, Piñeiro, García-Sabell, Cabanillas e tantos outros e onde logo foi irmán dos Franco Grande, Rodríguez Mourullo ou Cores Trasmonte, o mesmo que na BBC foi compañeiro de Pérez-Barreiro Nolla e Punset e en Nova York compartiu angueiras con Martínez López ou Guerra da Cal.

Casas literarias: Ramón Piñeiro

casa ramon piñeiro

O ano 1990 foi nefasto para as nosas letras. Marcharon Ricardo Carballo Calero, Xosé María Díaz Castro, Xosé Conde, Manuel Lueiro Rey e Ramón Piñeiro.

Xa vai alá un cuarto de século e parece que foi onte. Aquel vinte e sete de agosto, tras ser hospitalizado, rematou os seus días na vivenda de Xelmírez 4º o autor de Olladas no futuro. Foise no mesmo lugar no que sentou cátedra durante corenta anos, unha universidade paralela e clandestina que dirixía dende aquela atalaia que gobernaba os tellados de Compostela, como moi ben describiu o seu amigo Víctor Fernández Freixanes:

A galería dá á rúa de Xelmírez e pódese ver a rúa Nova ata o cine Principal, os tellados vellos de Compostela, unha tenda de ceras na esquina que semella estar pechada sempre, coma morta, os campanarios (outra vez os campanarios, escuros, gobernados aquí polas altas torres da catedral, que queda un pouco á dereita). Axiña vén a noite polo mes de Santos. Chove a cachón, chove de abaixo pra riba, de riba pra abaixo, e a auga anda xa nas entrañas das cousas, escorregando entre as laxes de pedra, xurrando polas costas e esvaíndo as imaxes. Cando estiña, os cascarolos nocturnos saen dos seus currunchos e van coma fatos de carneiros calados polos granitos.

xelmirez placaA vivenda que avista a Rúa Nova, propiedade da familia García-Sabell, converteuse naqueles anos escuros no epicentro do galeguismo interior, unha sorte de sancta sanctorum ao que cumpría peregrinar para parlamentar co singular apóstolo. O seu xenuíno altar acabouno constituíndo unha vella mesa braseiro. Nela ideáronse moitas das estratexias de supervivencia e proxección da cultura galega dese tempo e tamén alí foron escritas miles de cartas e a obra maior do autor de Láncara.

Piñeiro non tivo un despacho oval. Non lle fixo falla. Tiña Xelmírez 15, 4º e a súa mesa braseiro. E un país na cabeza. E un mundo de xentes pendentes del e do seu consello. A Galicia posible.

Ars dedicandi: Ramón Piñeiro

ars dedicandi ramon piñeiroNunca se insistirá abondo na importancia de Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro (tamén Ricardo Carballo Calero) no nacemento do poemario Nimbos (1961) de Xosé María Díaz Castro. Mercé aos tres, que se confabularon para persuadir o poeta de Guitiriz da necesidade de que puxese por xunto os materiais necesarios para conformar un libro, existe hoxe ese volume que todos recoñecemos como un fito da nosa literatura do pasado século.

Ramón Piñeiro mantivo unha moi extensa correspondencia co escritor dos Vilares, especialmente intensa durante os anos cincuenta e primeiros sesenta, mais constante ata os seus derradeiros días. Nesas cartas o de Láncara confesoulle a Díaz Castro a admiración pola súa poesía, que xulgaba un dos cumes literarios da época, ata o punto de que en 1972 chegou a escribir que o autor de Nimbos era o poeta vivo máis importante de Galicia. Pola súa banda, Díaz Castro correspondeu na estimanza sostendo que o pensador lucense era unha das voces máis brillantes e destacadas do ensaísmo galego do seu tempo.

Malia ser abondoso o epistolario mantido por ambos durante lustros, Piñeiro e Díaz Castro só se viron en persoa unha vez antes da vellez. Foi en Madrid, a onde viaxou o filósofo a finais de maio de 1959 para preparar o especial sobre literatura galega que logo publicou a prestixiosa revista Ínsula como número 152-153 de xullo-agosto daquel ano, entrega na que Díaz Castro foi un dos poetas representados.

Aproveitando a xuntanza, Piñeiro tivo a xentileza de obsequiar a Díaz Castro cunha separata que contiña o ensaio “Pra unha filosofía da Saudade”, que aparecera uns anos antes no volume colectivo La Saudade (1953) publicado pola editorial Galaxia. A dedicatoria ao guitiricense non deixa lugar a dúbidas sobre o aprecio que, como poeta, Díaz Castro espertaba en Ramón Piñeiro.

Hoxe que na sede da Real Academia Galega esta institución honra a memoria do de Guitiriz coa celebración do Simposio Díaz Castro, é un día ben sinalado para recuperar este autógrafo de Piñeiro ao poeta, pois o de Láncara estará o ano que vén de centenario e sucederá, así, ao seu vello amigo do Vilariño, que o estivo este ano que xa remata. Dous nomes maiores das nosas letras unidos pola Ars dedicandi.