Iluminando o Galego Medio

Nordesía (Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña, 26-1-2020)A década que acabamos de rematar ten sido fundamental para a reconsideración da periodoloxía literaria galega. As investigacións e ensaios que nos últimos dous lustros se levaron a cabo leváronnos a redefinir toda unha época da nosa historia literaria e agora os máis avanzados estudos abandonaron xa a periclitada etiqueta de Séculos Escuros ao referirse ás centurias do XVI, XVII e XVIII para pasar a falar, máis propiamente, de Galego Medio, consonte ao que é adoito en moitos outros sistemas literarios do noso contexto europeo. Cal é a razón disto? O afortunado achado de importantes textos publicados en galego ao longo do século XVIII que demostran algo que moitos de nós sospeitabamos, pero que non podiamos demostrar documentalmente: que ao contrario do que durante tempo se creu, a nosa escrita literaria tivo unha continuidade maior do que se pensaba dende a dourada Idade Media ata o Rexurdimento pleno.

E vén todo isto ao caso pola aparición e recente publicación do Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña (1707), unha peza teatral en verso escrita a principios do XVIII polo coruñés Salvador Francisco Roel que agora recuperan e editan Julio I. González Montañés, Anxo Angueira e Ramón Mariño Paz.

Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña forma parte dunha tradición entremesística galega e hispánica que veu nacer moitas destas obras teatrais ao longo dos séculos XVII e XVIII como as pezas dramáticas breves de máis éxito polo seu carácter cómico e benhumorado. Do xeito resumido, este texto en concreto relata versalmente a ledicia polo nacemento de Luís I, fillo de Felipe V e María Luisa de Saboya, ao tempo que seis parroquianos (tres homes na primeira parte da peza e tres mulleres no remate) van dando conta da situación de Galicia e de España nese momento, con especial atención aos enfrontamentos bélicos con Portugal e á crítica polas notorias desigualdades sociais.

A importancia deste entremés reside no feito de ser o primeiro texto autónomo impreso en galego, un século anterior ao ben coñecido romance anónimo Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento, xa de 1808. Tamén en ser a primeira obra de teatro editada da literatura galega, pois a Contenda dos labradores de Caldelas de Gabriel Feijoo de Araúxo, máis coñecida polo título de Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, aínda que escrita en 1671, ficou manuscrita durante séculos ata que a exhumou Fermín Bouza-Brey en 1953.

Esta edición do Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña conta con tres moi amplos e rigorosos ensaios dos seus editores. No primeiro deles González Montañés ocúpase do “Contexto histórico, teatral e festivo” no que se inscribe a peza, dando cumprida conta da tradición entremesística da que participa e dos antecedentes e textos coetáneos dramáticos galegos que se coñecen.

Da súa parte, Angueira estuda a fondo o xénero, personaxes, trama e estrutura dos case cincocentos versos romanceados da obra, salientando na obra a vontade propagandística, o intenso humor e a capacidade crítica.

Finalmente, Mariño Paz ocúpase da análise pormenorizada da lingua da peza, tanto no que atinxe aos usos gráficos coma fónicos, igual a cuestións morfolóxicas que sintácticas ou léxicas e mesmo fraseolóxicas e onomásticas.

 Canto á fixación ecdótica do propio texto tamén correu a cargo de Mariño Paz, quen realizou unha transcrición con intervencións mínimas e acompañou esta dunha reprodución fotográfica do orixinal para posibles cotexos de especialistas.

Non teño dúbida de que, polo seu interese histórico, lingüístico e literario, o Entremés galego ao feliz e real parto da nosa raíña é unha das máis importantes publicacións dos últimos anos. Xa que logo, cómpre felicitar a Julio I. González Montañés, Anxo Angueira e Ramón Mariño Paz polo seu excelente labor como editores e a Laiovento polo bo facer e sentido da oportunidade ao publicar unha obra de tanto valor.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 26-1-2020]

Algo menos escuros

É máis que coñecida e, polo mesmo, non procede explicala aquí, a supervivencia depauperada pola que transitou a literatura galega durante os Séculos Escuros. Por iso, calquera mostra escrita que na nosa lingua se recupera dese período acaba por converterse non só nunha agradable descuberta, senón nun achado de relevo que vén demostrar que as tales centurias talvez foron unha miga menos escuras do que pensabamos.

Pois ben, ás apenas dúas ducias de textos tanto impresos coma manuscritos do XVIII galego vén sumarse agora a recente edición do volume O romance da urca de Santo Antón (1777), significativamente subtitulado ‘Poesía en galego no Ferrol do século XVIII’.

En efecto, o que este libro editado pola Fundación Barrié ofrece é un moi meritorio traballo de recuperación dos profesores Ramón Mariño Paz, Margarita Sánchez Yáñez e mais Damián Suárez Vázquez que dá á luz os seiscentos sesenta e oito versos dun romance no que se relata a accidentada travesía da urca (un tipo de embarcación da época) Santo Antón entre A Habana e Ferrol na primavera de 1777. Durante esa viaxe, os seus tripulantes sofren os rigores dunha terrible tormenta, da que saen vivos de puro milagre. Unha vez chegados a terra firme, deciden dar grazas á Virxe celebrando unha misa solemne na igrexa ferrolá de San Xiao, pois a ela solicitaran intercesión polas súas vidas durante o témero naufraxio. Esta é, en esencia, a historia narrada no romance, que, porén, ofrece moito máis, pois resulta un completo e moi irónico retrato do Ferrol da época, das súas altas xerarquías políticas e administrativas, do día a día da súa xente común e mesmo do preocupante proceso de substitución lingüística que na cidade comezaba a observarse. De por parte, o relato é tamén unha fera diatriba contra algúns dos representantes do estamento eclesiástico, que son presentados como pusilánimes e fatuos, nunha sorte de sátira exemplar non exenta de momentos de auténtica hilaridade.

Os autores desta importante descuberta non foron capaces de determinar a autoría da obra, pero aventuran que, tanto polo tema tratado coma polo evidente coñecemento de cuestións bíblicas e outras referencias cultas, quizabes poida tratarse dun crego ferrolán do momento, sen precisar máis datos.

En todo caso, pouco importa se foi este ou aquel o responsable deste romance escrito, ao que parece, como comunicación epistolar e, por tanto, literatura privada que se conservou no Arquivo Histórico Nacional de Madrid. O que verdadeiramente conta é que grazas á súa recuperación posuímos un texto máis de grande valor documental, histórico e lingüístico, extremos todos estes dos que se ocuparon os tres estudosos que editaron o volume, sendo responsabilidade da edición do texto os filólogos Mariño Paz e Suárez Vázquez, da aproximación histórica a investigadora Sánchez Yáñez e da análise lingüística o amentado Mariño Paz.

O libro complétase cuns cumpridos anexos nos que se detallan todos os impresos e manuscritos galegos que se coñecen para o século XVIII e mais unha imprescindible bibliografía sobre o tema, alén de instantáneas de Kiko Delgado tanto dunha pintura que inmortalizou a urca da narración auxiliada pola Virxe do Carme coma da igrexa de San Xiao.

Excelente nova, pois, esta da exhumación da obra O romance da urca de Santo Antón (1777), un paso máis nese lento pero firme camiñar cara ao cartagrafado sistemático da Ilustración galega, loable esforzo que ten en Ramón Mariño, Margarita Sánchez e Damián Suárez os tenaces protagonistas desta singradura textual.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 28-10-2012]

Novos ‘papés’

Hai agora catro anos, baixo os auspicios do Consello da Cultura Galega, publicábase Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846, exhaustiva compilación de todo canto texto escrito na nosa lingua se redactou nese tempo histórico.

Pois ben, a aquel valioso traballo de recolleita textual que coordinou Ramón Mariño Paz –axudado nas nótulas histórico-biográficas por Xosé Ramón Barreiro e na edición técnica por Rosa Aneiros–, vén sumarse agora un novo volume titulado, xustamente, Papés d’emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea. Nel reúnense un monllo de artigos nos que se analiza a produción escrita en galego nese período, que foron, no esencial, adiantados como relatorios no simposio Lingua Galega e Comunicación nos inicios da Idade Contemporánea, que tivo lugar en Compostela en novembro do 2009.

Esta nova obra editada polo profesor Mariño Paz pon por xunto diversos traballos nos que, dende a óptica do xornalismo, da literatura ou da lingüística, se analiza toda esa escrita miscelánea (poemas, textos dialogados, periodísticos, teatrais, relatos breves, literatura de tradición oral…) aparecida entre finais do XVIII e mediados do XIX.

Seguir lendo