Dávila e Sumai Premios da Crítica

Como cada ano por estas datas, as compañeiras e compañeiros da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) deron a coñecer os Premios da Crítica nas distintas modalidades (poesía e narrativa) e idiomas (catalán, vasco, galego e castelán).

Desta volta a xuntanza da AECL tivo lugar en Logroño, onde se souberon os gañadores para as obras en galego do ano 2013 que previamente votaramos e propuxeramos os membros da Sección Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en reunión que tivo lugar o pasado venres día 4 de abril na Aula 16 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago.

Naquela sesión, os nove críticos alí presentes, logo de diversas roldas de votación (na primeira das cales se tiveron en conta os votos dos que os fixeron chegar por correo), decidimos por maioría que o Premio da Crítica na modalidade de Poesía Galega fose para Raíz da fenda, obra de Berta Dávila publicada por Edicións Xerais. Así mesmo, tomouse tamén o acordo maioritario de distinguir como Premio da Crítica na modalidade de Narrativa Galega á novela A lúa da colleita de Anxos Sumai, publicada pola Editorial Galaxia.

Como teño manifestado o meu parecer verbo de ambas as dúas obras galardoadas con anterioridade, deixo o enlace ao que sobre delas escribín na cita dos propios títulos, aproveitando para parabenizar tanto a Berta Dávila como a Anxos Sumai polo éxito obtido.

Limiar da quebra

O oficio do crítico é sentir medrar a herba, ser quen de albiscar entre a néboa unha silueta apenas enxergada. E Berta Dávila viña avisando da súa presenza dende hai tempo.

Sentín o tremor da arxila pensa nos seus beizos no 2004, cando os seus dezasete anos rabuñaban a vida en “Tres asaltos” distinguidos nos Premios Minerva.

Ceibáronse logo outros mercurios da escrita e, aínda hai escasos días, os loureiros do Premio Repsol de Novela Curta para O derradeiro libro de Emma Olsen. Polo medio, o ánade ferido, a paisaxe calcinada da Raíz da fenda, intenso poemario co que a autora santiaguesa se fixo co Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu.

A morte da avoa, o oco fervente que a súa ausencia instaura, o absurdo da casa baleira sen ela, os restos do naufraxio, as lañas coas que a enfermidade aldraxou. Nese tren da memoria dolorosa van subidos os mellores versos deste libro, onde tamén hai páxinas para convocar as físgoas amorosas e aínda as indagacións autopoéticas, estas en ronseis máis adoitos.

Ler a Berta Dávila en Raíz da fenda é abismar no limiar da quebra, tomar consciencia de que “algo se move debaixo dos pés,/ no subsolo,/ onde as poucas cousas imprescindibles/ cohabitan,/ sosteñen o demais” e, entre esas contadas realidades, quero eu a súa verba.

[Publicado no Faro de Vigo, 26-9-2013]