Como cada ano por estas datas, as compañeiras e compañeiros da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) deron a coñecer os Premios da Crítica nas distintas modalidades (poesía e narrativa) e idiomas (catalán, vasco, galego e castelán).
Desta volta a xuntanza da AECL tivo lugar en Logroño, onde se souberon os gañadores para as obras en galego do ano 2013 que previamente votaramos e propuxeramos os membros da Sección Crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en reunión que tivo lugar o pasado venres día 4 de abril na Aula 16 da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago.
Naquela sesión, os nove críticos alí presentes, logo de diversas roldas de votación (na primeira das cales se tiveron en conta os votos dos que os fixeron chegar por correo), decidimos por maioría que o Premio da Crítica na modalidade de Poesía Galega fose para Raíz da fenda, obra de Berta Dávila publicada por Edicións Xerais. Así mesmo, tomouse tamén o acordo maioritario de distinguir como Premio da Crítica na modalidade de Narrativa Galega á novela A lúa da colleita de Anxos Sumai, publicada pola Editorial Galaxia.
Como teño manifestado o meu parecer verbo de ambas as dúas obras galardoadas con anterioridade, deixo o enlace ao que sobre delas escribín na cita dos propios títulos, aproveitando para parabenizar tanto a Berta Dávila como a Anxos Sumai polo éxito obtido.