Anxos Sumai, Premio García Barros de Novela 2013

Na mañá de onte reunímonos o editor e ensaísta Carlos Lema, a crítica e profesora Inmaculada Otero Varela, o profesor Carlos Loureiro, o investigador e crítico Luís Alonso Girgado e mais o que escribe para decidir o Premio de Novela Manuel García Barros deste ano, inmellorablemente organizado, ano tras ano, polo persoal da área de Cultura do Concello da Estrada.

Tras dúas horas de deliberación e logo de estimar as valías das vinte e unha obras presentadas a concurso, ficaron para as roldas finais de consideración catro novelas de interese, que logo foron dúas e que, finalmente e por unanimidade, ficaron nunha única que resultou gañadora co título provisional de “Neve de abril sobre o río Arakawa”.

Aberta a plica, soubemos correspondía á celebrada escritora Anxos Sumai, ben coñecida por anteriores textos seus moi aplaudidos pola crítica e lectores como Anxos de garda (2003), Melodía de días usados (2005) ou Así nacen as baleas (2007), este último Premio de Narrativa Breve Repsol YPF e Premio Arcebispo San Clemente.

Facíase, así, Sumai co galardón nun ano no que se alcanzan, precisamente, as vinte e cinco convocatorias deste veterano premio, consolidado dende hai anos como un dos máis importantes do panorama novelístico galego, onde é considerado toda unha referencia tanto pola súa longa traxectoria da man do Concello da Estrada e a Editorial Galaxia coma pola importancia e o relevo das novelas e autores distinguidos.

A novela premiada nesta ocasión levará o título final de A lúa da colleita e presentarase no Teatro Principal da Estrada nos finais do vindeiro novembro ou primeiros de decembro, nun acto que cada ano acaba por se converter nunha auténtica festa da palabra de grande concorrencia, á que asiste o máis graúdo dos nosos axentes culturais amais de numerosos lectores.

A lúa da colleita é, tal como redactamos na resolución da acta do xurado, unha novela na que destaca o elaborado traballo de caracterización dos personaxes, nunha historia onde o cuestionamento da identidade e a alteridade se vencella coa memoria e o pasar do tempo. A trama propón fortes doses de intriga, simbolismo e unha arquitectura perfecta, de linguaxe moi visual, que arrastra os personaxes a finais inesperados, pero de implacable lóxica. Todo este mundo, moi cambiante, é recreado a través dunha prosa limpa, da depuración extrema que flúe maina e imparablemente.

Non espoleirizarei aquí o argumento, pero talvez axude aos interesados saber que a novela está ambientada nos nosos tempos (a acción principal transcorre no verán do 1992) e que se localiza nun espazo identificable co remate da desembocadura do Ulla e os comezos da Ría de Arousa (Vilagarcía-Catoira) ao que chega unha muller que padece de bipolaridade e mantén unha denodada loita consigo mesma por recuperar a memoria, as pegadas do seu pasado que axuden a liberala da tiranía amnésica á que esoutra súa personalidade a arrastra. Polo medio, unha historia chea de personaxes poderosísimos, moi ben perfilados, de sombras crueis dunha vida anterior que gravitan sobre o presente e de inquedantes presenzas que van reconfigurando os días da protagonista, das protagonistas, cheos de intensa intriga e final sorprendente.

Non quero rematar sen parabenizar a gañadora e os responsables municipais e editoriais deste Premio de Novela Manuel García Barros, quen coa súa colaboración fixeron posible que o evento chegue xa ao cuarto de século de andaina e ao que se lle desexa siga a acompañarnos durante moito tempo.