O primado da Garza

luzpozoA poesía de Luz Pozo Garza é toda ela unha fulguración solar de tantra e música das esferas, unha explosión púrpura que dimana da perfección do loto e a cifra dun códice fidelísimo.

Así é tamén o seu último libro, Pazo de Tor, revisitación pola palabra e homenaxe perenne aos seus devanceiros, á estirpe da Garza, familia que señoreou durante tempo innomeable ese senlleiro feudo das terras de Lemos.

A figura da nai abre e pecha as páxinas deste poemario, un exercicio sincrético no que converxen todos os libros anteriores da autora, que aquí comparecen a través dos seus símbolos máis queridos. Un portento de memoria épica e lírica, regreso ao paradiso íntimo de Tor, xeografía imperecedoira, acaroada á Ribeira Sacra. Un voltar ao Primado da Garza, ese espazo radical, primixenio, no que a nena Luz foi con súa nai en días de infinda felicidade que agora regresan en ondadas de lembranza, nun langor melancólico que verniza os recordos e fai agromar a saudade.

Mais Pazo de Tor é tamén o Verso dos Versos, un biblion inacabable no que todo o cosmos de Palabra estoura como un vórtice xeratriz. E velaí os están o Ars Amandi de Ovidio, os muros da patria de Quevedo, os cervos feridos de Pero Meogo, o unicornio amansado pola doncela virxe, a rosa de cen follas de Rosalía e Cabanillas, a beleza ferida de Díaz Castro, as damas do tempo pasado de Cunqueiro, os nocturnos da cidade de Pimentel, o vento ferido de Casares, o divino Dante e a brétema ceguiña de Noriega, en fin, a noite da alma de San Juan de la Cruz.

A delicada fibra destes poemas encorda e deita a súa música espiritual en modulacións de enlevación oracular, por veces ata extática. E aquí son o misticismo e o sufismo, o orientalismo do Bodhisattva e o pitagorismo, a ascese e as mitoloxías nórdicas.

Nada, fórmula ningunha se resiste ao lóstrego da Garza, que cose na súa escrita músicas e cinema, danza e pintura nun labirinto no que conviven as albas e cantigas de amigo medievais coas elexías e os poemas de superior erotismo, ensaiando rexistros retóricos de virtuosa para a que non teñen segredo os paralelismos mil, as interrogacións retóricas, os tópicos do ubi sunt ou o tempus fugit, os fonosimbolismos, as epanalepses e anadiploses e todo un festival de tropos que vira vangarda nas minúsculas tras punto, nos encabalgamentos abruptos e a liña versal quebrada, na dicción de gloriosas imaxes surreais.

Por xunto, a estética radiante destes versos configura unha auténtica ontoloxía, a enunciación de toda unha metafísica de lindeiros poéticos e espirituais: “Eu quixen contemplar a miña flor de loto/ e indaguei no vacío das cousas infinitas/ e daquela advertín unha luz/ que escribía no ser/ sen palabras sen sombras/ naquel fulgor inmóbil e dicía:/ Todo é un indiviso/ como a alma e a vida/ E ti es pedra solar/ e rosa púrpura/ muller de ser e tempo”.

E así a flor de loto, o amor tántrico, a rosa púrpura, a ánima indivisa, a pedra solar, a ave libérrima, a fonte inesgotable, a lanza de Longinos de sacro fluír, as historias fidelísimas, a música reservada e os espellos transferidos habitan este Pazo de Tor.

Deste dicir de Delfos, misterio que nos envolve na alta voz da Garza, sabe todo Víctor F. Freixanes, máis que prologuista, médium das voces do poema, quen nunhas antolóxicas páxinas cabezaleiras ilumina o sentido último desta poética.

Pazo de Tor, tirado do prelo de Alvarellos, multiplica as labaradas mercé aos maxistrais oficios de Carmen Blanco, artífice dunha edición impecable, na que nada falta e nada sobra, todo canxa no seu lugar e os sedimentos versais que en versións e reversións a poeta irradiou acaban por verse aquí atrapados nun diamante perfecto, volutas verbais que ascenden e ascenden e ascenden ata o firmamento da Poesía vencedora absoluta alén de calquera Tempo.

Saúde eterna e case centenaria ao Primado da Garza, á súa epifanía en campos de azur, ás flores de lis entre escadas e pés descalzos, á antiquísima estirpe de tan puro arco e aves douradas, toda Luz.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 10-2-2019]