Radiocrítica 28-4-2014

Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 28 de abril en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre Maternosofía, de Inma López Silva (I, 00:30), sobre O Gabinete das Marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte de Irene e Rodrigo Pérez Pintos (I, 8:17 e II: o:00); sobre Recuerdos de agosto, de Aurelio Aguirre (II, 2:35)  e mais  A cociña de noite, de Maurice Sendak (II, 7:00).

 

a        http://www.goear.com/embed/sound/4600d87

a       http://www.goear.com/embed/sound/468330f

O caso Aguirre

O caso Aguirre é un claro exemplo de fama mortal. En vida, na súa curtísima vida, Aurelio Aguirre (Compostela, 1833-A Coruña, 1858) foi un escritor moi apreciado, saudado mesmo como o Byron galego, un talento natural chamado ás máis altas empresas que, porén, viu fanadas as súas expectativas cunha tan repentina coma dolorosa morte.

Como en non poucas ocasións acontece, a lousa do silencio sepultou a súa memoria durante moito tempo e ben poucos, por non dicir practicamente ninguén, se ocuparon da súa figura durante décadas.

Para reparar ese esquecemento a Editorial Alvarellos publicou a fins do ano pasado Recuerdos de agosto. Obra poética, 1850-1858, un volume patrocinado polo Consorcio de Santiago e editado por Olivia Rodríguez no que se recolle toda a súa produción poética coñecida, a pouca que el chegou a divulgar en vida e a moita inédita que ficaba esquecida en cadernos que agora se recuperaron para sacalos á luz.

En total, Recuerdos de agosto reúne 133 poemas dos cales máis de oitenta son rigorosamente inéditos, o que dá idea do interese desta exhumación, que amplifica de xeito notable o coñecemento literario que ata agora tiñamos do personaxe.

De entre toda esta produción, unicamente un poema foi escrito en galego, mais non por iso decrece o valor desta achega, pois Aguirre foi un nome clave nos alicerces rexurdimentistas, como o demostra tanto a súa decisiva participación no célebre Banquete de Conxo de marzo de 1846 coma a estreita relación que o uniu aos nomes de Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro.

Do libro imprentado por Alvarellos, que aplaudo no seu conxunto, préstame salientar o exemplar estudo introdutorio asinado polo ensaísta Xurxo Martínez González baixo o título “Aurelio Aguirre Galarraga”. Mercé ás súas investigacións coñecemos os pormenores biográficos e epocais dun personaxe abondo mitificado, que non sempre foi presentado coa obxectividade e rigorosidade que se precisarían e que na voz deste analista vigués fica descrito con impecable pulcritude documental.

Alén de indemostrables affaires con Rosalía ou lendarios afogamentos pola forza do desamor, Martínez González dá conta da súa formación nos círculos liberais e progresistas composteláns, da súa conexión co grupo vigués dos Alejandro Chao, Juan Compañel ou José Ramón Fernández e toda a xente que imantaba arredor da redacción de La Oliva primeiro e El Miño despois e mesmo explica a súa paixón coa culta e instruída Felisa Taboada e como aquela vertixe amorosa foi recibida por Murguía ou Alejandro Chao, quen tamén chegaran a namorar dela nalgún momento.

A morte na praia de San Amaro —amargo e, polo mesmo, premonitorio nome— nun accidente que lle desfixo o cranio contra os cons ocultos dos fondais privounos de comprobar ata onde tería sido capaz de ascender o xenio literario de Aurelio Aguirre. Mais no pouco tempo que permaneceu entre os vivos foi quen de legarnos pezas memorables, como o seu arquicoñecido ‘Brindis’, ás que debe sumarse agora este amplo conxunto de textos que Alvarellos recupera nunha edición que destaca polo coidado da súa materialidade, que se adorna coa reprodución de páxinas manuscritas e retratos do autor que fan aínda máis agradable a lectura dun volume con seguranza destinado a permanecer como unha publicación de referencia.

[Faro de Vigo, “Faro da Cultura”, 24-4-14]