Efervescencias poéticas

Miriam ReyesDei gorentoso remate á lectura de Punto de ebullición, antoloxía de poetas galegos das últimas xeracións publicada no prestixioso selo hispanoamericano Fondo de Cultura Económica a través da súa filial madrileña.

Punto de ebullición é unha escolma bilingüe na que os orixinais galegos son vertidos ao castelán pola tamén poeta Miriam Reyes (Ourense, 1974), unha das voces máis recoñecidas da escrita peninsular do novo milenio.

Videopoeta e artista multimedia, Reyes deixou os eidos ourensáns con oito anos para marchar a Venezuela, onde estudou Letras na Universidade Central. Regresou logo a España e, tras residir en diferentes cidades, acabou instalándose en Zaragoza. Dende alí deu a coñecer algún dos poemarios máis suxestivos dos tres últimos lustros, como Espejo negro (2001), La bella durmiente (2004), Desalojos (2008), Yo, interior, cuerpo (2013) ou o moi recente Haz lo que te digo (2015), publicados en ben afamados selos: Hiperión, Bartleby, DVD Ediciones.

Responsable da elección, tradución e prólogo desta “Antología de la poesía contemporánea en callego”, Reyes achega ao lector en castelán quince poetas que escolma entre os creadores da Xeración dos 80, a Xeración dos 90 e aqueloutros que se revelaron a mediados da década pasada.

Decididamente interxeracional, politemática e mulitestética, Punto de ebullición observa, exquisitamente, o equilibrio xenérico e incorpora propostas de oito escritoras e sete escritores, abondo diverxentes na súa aposta autorial e aos que, de querer verlles algún punto de contacto, talvez só podería sinalárselles a súa patente vontade de anovar e abrir novas landas para a poética de noso.

Punto de ebulliciónXosé María Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Lois Pereiro, Antón Lopo, Xela Arias, Ana Romaní, Manuel Outeriño, Xabier Cordal, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Olalla Cociña e Daniel Salgado son, cronoloxicamente dispostos, os quince nomes dos que se espigan textos, todos eles tomados de libros xa coñecidos, agás un poema de María do Cebreiro que se publica por vez primeira aquí.

Reyes salva con oficio o difícil transo de verter a unha lingua outra a palabra poética. Neste sentido, máis alá de consideracións de matiz perfectamente discutibles (poño por caso, se é fiel ao noso “balbordo/ da escuma” o “murmullo de la espuma” e similares), cómpre subliñar o coidado labor de acomodación da responsable da escolma, quen ofrece ao público castelán unha lectura da escrita orixinal non só respectuosa, senón moi ben axeitada.

Canto ao prólogo, ha cumprir tamén coas expectativas de quen, dende outras coordenadas culturais, queira coñecer o curso da poesía galega de 1975 ata os nosos días, pois as principais liñas de forza deste camiñar son salientadas con acerto pola editora. Secasí, para min son de especial interese os breves pero moi ben perfilados parágrafos dedicados a caracterizar a poética dos diferentes autores antologados, onde Reyes amosa ser unha poeta de moi fino espírito crítico.

Unhas nótulas biobibliográficas mínimas pero moi informativas completan esta selecta que arredonda as trescentas páxinas, onde cada poeta achegou arredor dunha decena de textos, un libro editado con sumo gusto polo Fondo de Cultura Económica mercé ao deseño de (sobre)cuberta de Armando Hatzacorsián e as fotografías de (sobre)capa de Miguel Saavedra.

Punto de ebullición. Antología de la poesía contemporánea en gallego é un moi loable mosaico que cómpre agradecerlle a Miriam Reyes, ourensá de raíz, que non esquece a verba matricial e a regala, plural, a quen pola súa voz queira coñecernos.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 5-7-2015]

Mondoñedo sempre é Poesía

En Mondoñedo, que é terra de poetas onde as haxa, a hospitalidade é unha relixión e calquera que nos visite para dicir a súa palabra é benvindo.

Demostrámolo onte ao celebrar a primeira convocatoria de ‘Mondoñedo é Poesía’, unha moi singular xuntanza na que se deron cita unha vintena de creadores que agasallaron cos seus versos as xentes que pola vella cidade norlucense andaban a gozar das Quendas, festas e feiras medievais de tradición secular que onte celebraban así o seu día grande.

‘Mondoñedo é poesía’ foi unha actividade organizada polo Grupo Literario Leiras Pulpeiro que contou coa colaboración da Asociación As San Lucas e o Concello de Mondoñedo. Os responsables da mesma foron o dramaturgo Francisco Piñeiro, o narrador Antonio Reigosa, o músico e xestor cultural Fran Bouso —por máis sinais pregoeiro este ano das festas—, o tamén músico e poeta César Morán, aos que axudei o que puiden.

O evento deu comezo de mañá, cando o alcalde Orlando González deu a benvida aos participantes xunto a outros membros da corporación local no Salón Nobre do Concello, onde tamén lles dedicou unhas palabras de saúdo o noso compañeiro Fran Bouso.

Tras a recepción oficial tivo lugar un xantar de confraternidade na Casa de Penela no que participaron os poetas e organizadores, así como tamén outros acompañantes destes nun número que superaba o medio cento.

A actividade propiamente dita comezou ás seis da tarde co recital ‘Poemas polas rúas’. A vintena de escritores invitados foron deleitando os viandantes coa recitación dos seus poemas en seis lugares diferentes da cidade, que principiaron no cemiterio municipal diante a campa mesma de Leiras Pulpeiro e seguiron pola Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro, O Cristo e mais a Praza Jaime Cabot.

Repartidos en grupos de tres/catro, os poetas propiciaron que os versos se espallaran polas rúas empedradas da vella cidade presentados polos que botamos unha man na organización. Os paseantes das Quendas puideron oír así a Olalla Cociña, Iolanda Aldrei, Alicia Fernández, Dores Tembrás, Marica Campo, María Xosé Lamas, Henrique Rabuñal, Paco Rivas, Isidro Novo, Miro Casabella, Carlos Negro, Xacobe Casal, David Otero, Xaime Oroza, Xoán Xosé Abella, Mario Regueira, José Juan Ferreiro, Toño Núñez, Xabier Cordal, Baldomero Iglesias ‘Mero’ e César Morán.

Tras esta primeira actividade, que contou con numeroso público arremuiñado á escoita da recitación en cada unha das estacións poéticas, a festa da palabra rematou co recital poético-musical ‘Mondoñedo é Poesía’ que se desenvolveu no Auditorio Pascual Veiga da cidade. Alí, ducias de asistentes puideron saborear as composicións recitadas dos vinte poetas, que se viron acompañadas da proxección de vídeos, a música de Miro Casabella e César Morán e mesmo as dramatizacións de Antonio Piñeiro, tendo como condutor do acto ao colega Antonio Reigosa e como coordinador técnico do mesmo ao tamén compañeiro Fran Bouso.

Unha apoteose poética que confirmou que Mondoñedo é á palabra poética o que o solpor aos nosos máis fermosos cantís, unha luz irrenunciable.

Beizóns aos poetas que fixeron posible este ‘Mondoñedo é Poesía’, aos compañeiros e patrocinadores que tanto laboraron para botalo a andar e, sobre todo, ao público que, coa súa presenza e apoio, nos convenceu de que esta lumieira que agora lampexa deberá de seguir alumándonos tan sequera mil primaveras máis.

17 poetas do 21

Había xa un certo tempo que non se publicaba entre nós unha antoloxía ambiciosa na que se compendiara o melloriño do momento poético actual. É certo que periodicamente vén luz este tipo de obras, pero tamén que nos últimos anos non se fixera aínda unha escolma epocal ampla, contrastada e que puxese ao día o máis representativo das promocións que comezan a entrar na madureza.

Novas_de poesía. 17 poetas é o título da selecta editada pola tamén creadora Ana Gorría para a colección Valumbo da Fundación Uxío Novoneyra. Nela reúnense case unha vintena de voces dadas a coñecer na pasada década que representan un vitral posible de boa parte do máis salientable do noso viveiro lírico destes lustros.

A escolma vai precedida dun longo estudo introdutorio de Gorría no que tracexa unha moi informada e rigorosa panorámica das circunstancias e condicionantes nas que a realidade poética galega estivo a desenvolverse nos últimos anos.

Para esta precisa caracterización axudouse das opinións dun grupo escolleito de analistas e/ou críticos literarios que responderon diversas cuestións sobre o momento poético galego: Xosé María Álvarez Cáccamo, Arturo Casas, Luís Cochón, Camilo Valdehorras, Helena González, María Xesús Nogueira e eu respondemos ese cuestionario que logo foi intelixentemente decantado por Gorría ata lograr debuxar un mapa diagnóstico dos puntos fortes e as fraquezas do noso subsistema poético e as súas tanxentes con outros (sub)sistemas propios e alleos.

Á parte, Gorría achega tamén unha sintética pero moi elaborada poética de cada un dos creadores escolmados, conseguindo en breves liñas resumir a atmosfera e vontade autorial que rodea a cada un deles.

Veñen logo os textos dos dezasete poetas escolmados que se anuncian no propio título do libro. Comparecen en versión bilingüe galego-castelá —tamén é así para o texto prologal, impecablemente vertido por Alejandro Tobar—, unha translación que realizou en todos os casos a propia Gorría, agás coa poeta Rosa Enríquez, que preferiu optar pola autotradución.

As autoras e autores escolmados foron Lucía Novas, Baldo Ramos, Antía Otero, Xavier Lama, Daniel Salgado, Elvira Riveiro Tobío, Mariña Pérez Rei, Dores Tembras, Olalla Cociña, Mario Regueira, Xiana Arias, Oriana Méndez, a xa amentada Rosa Enríquez, Diana Varela, Carlos Fontes, Branca Novoneyra e Gonzalo Hermo.

Para a escolma destes nomes tivéronse presentes as preferencias dos estudosos e críticos consultados por Gorría. En todo caso, alén de ausencias posibles, non pode negarse que ofrecen un mostrario vizoso da pluralísima variabilidade estética e temática da escrita lírica galega da primeira década do novo milenio, que se estende ata hoxe mesmo.

A obra péchase cunhas moi completas “Notas bio-bibliográficas” sobre os poetas (tamén bilingües mercé, outra volta, aos bos oficios de Tovar) e adórnase cunhas fermosas capa e cuberta deseñadas por Anxo Pastor.

Novas_de poesía. 17 poetas é un volume para regalar(se) nestas datas que xa chegan e isto por varias razóns: a) é unha mostra ampla, representativa e de innegable valor textual, pois xunto a poemas xa éditos reúne moito material inédito cedido, ex professo, polos autores para a presente antoloxía; b) as páxinas liminares de Ana Gorría achegan un moi suxestivo panorama sobre a nosa encrucillada poética recente, abrindo vías analíticas e propoñendo lecturas novas; c) a materialidade da edición fai desta obra un obxecto máis que logrado, elaborado con sumo gusto tanto no eido da ilustración coma da maqueta e xogo tipográfico; d) o feito de ofrecernos máis de dous centos de poemas en versión bilingüe favorece que poidan abeirarse a esta mostra tanto lectores galegos coma casteláns e hispanoamericanos e, aínda que o xuízo sobre a propia tradución dos poemas merecería comentario á parte, abonda por hoxe saber que este traballo a axudar á visibilización da nosa literatura noutros espazos.

Por tanto, inmellorable oportunidade a que nos ofrecen estas Novas_de poesía. 17 poetas para se familiarizar coas creacións dun bo feixe de poetas deste tempo para os que Ana Gorría e a Fundación Uxío Novoneyra idearon un continente máis que propicio.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 15-12-2013]

Radiocrítica

Dou comezo hoxe a unha nova sección do Criticalia á que decidín chamar ‘Radiocrítica’. Nela irei recuperando as emisións que se inseriron no espazo de comentario de libros de Ames Radio (107.2 FM).

En conversa coa xornalista Nazaret López e baixo o control técnico de Juan Luis Silva, en luns alternos co bo amigo e investigador Xosé Antonio López Silva, trazo unha panorámica do máis salientable, para o meu gusto, entre os títulos recentes e, cando a actualidade así o demanda, comento tamén outro tipo de circunstancias literarias.

Desta volta, na emisión do 11 de novembro, quixen determe en textos de Manuel Álvarez Torneiro, Berta Dávila (Parte I, 7’), Olalla Cociña (I, 8’15), Xavier Seoane (I, 9’20), Luís Rei Núñez (I, 9’50), Miguel Anxo Fernández (I, 12’30), Manuel Veiga (II, 0’45), Raúl Dans (II, 2’10), Xosé Ramón Pena (II, 3’25), Suso de Toro (II, 4’15), Valente (II, 5’), a revista Oink! (II, 6’15), Ramón Caride Ogando (II, 9’20) e Antonio García Teijeiro (II, 10’).

http://www.goear.com/embed/sound/57b0470

http://www.goear.com/embed/sound/68ceb01

Agardo que esta nova sección sexa do voso agrado. Boas (radio)lecturas!

Coma un bosque de faias

Lin —dun tirón— Ningún precipicio, o máis recente poemario da viveirense Olalla Cociña. Había semanas que agardaba facerme con el. Conseguino e, no mesmo día, deille cabo devorando os versos como peixe ao que o ar queima as galaxes, nun ir e vir de páxinas imbadas con alentar abrasado.

Ningún precipicio é un calidoscopio da memoria sentimental. Atravésao ese impreciso e fuxidío tren dos instantes que se coseron aos fígados dos tempos miúdos e vai medrando nun rumor que de primeiras conta velaíño e, aos poucos, acaroa na tesitura grave das verdades máis profundas.

A nena que marchou para non volver. Esa unha que se foi pero supura nas pústulas dos días solares do recordo. E tamén a cómplice compaña das horas que foron, as andainas entre lapiseiros, beiramares descubertas, paseos vilegos e aínda benamados ronseis dos devanceiros.

Cociña rememora non para estiñar feridas, tampouco non para evocar tempos mellores. A súa ladaíña conxura os espectros, precisa saber, entenderse no camiño andado, comprender os por ques do hoxe que se habita, como ata aquí se chegou e que fica no presente do que se foi.

Deitar a ollada aos vieiros esboroados da nenez é asemade o natural contrapeso para as peaxes doridas do amor. Acre destilación dun afecto esvaecente que se tempera na aceptación das crebas que a maré amorosa deixou.

Agora si, a tanza que estrica as vísceras deste Ningún precipicio ten fías de autoindagación poética e señorean polo libro adiante os versos interrogantes deste oficio de sombras que é a propia escrita. As cinzas que aventan nas verbas calcinadas, esporas que han xermolar nas voces que dentro dunha laian, confeitadas de pavura, de abraio, de melancolía.

Poemas coma cantís versais, paralelística do sentido, anadiploses metralladas que perforan os sangumiños reverberando infindas. Toda unha arquitectura de elisións, de elipses fulgurantes que ancoran a dicción en aléns intuídos.

Ningún precipicio ve luz da man da noiesa Editorial Toxosoutos, ultimamente aguadianada, abondo necesitada de ríos de augas caudais coma este cántico dos pretéritos que Cociña deixa fluír manancial.

Púxolle abrigosa soleira á obra un outro poeta de interese e valía, o leonés Ildefonso Rodríguez, quen escribe, no seu castelán do vello reino nunha altura compartido, palabras reveladoras sobre as costuras sutís e os delicados fantasmas que o libro convoca e atrapa Marcos Vigo nos seus deseños de suxestións evanescentes.

A sibila que oraculiza por treitos este libro revela especular: “faláronlles da túa voz, iluminadora/ coma un bosque de faias/ en canto te escoiten vir cos escuros conceptos/ que te enigman/ sentiranse confortados/ apuntarán as túas citas”. E abofé, no conforto deste enigma elévase o escuro concepto da voz iluminada que chamamos Olalla Cociña, coma un bosque de faias.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 20-10-2013]