Teatro reunido de Manuel María

Nordesía (Manuel María, 2-12-2018)Falar de Manuel María é falar dun dos poetas máis coñecidos e recoñecidos da literatura galega do último medio século e, nese sentido, sobra calquera recordatorio. Mais o que talvez se lembre menos do que debería é que o de Outeiro de Rei foi tamén un interesante narrador, un laborioso articulista e, sobre todo, un entregado dramaturgo, faceta esta última que adoita pasarse por alto e na que agora me gustaría determe.

Dáme a escusa a aparición da súa Obra teatral completa, editada, introducida e anotada por unha das súas mellores coñecedoras: a profesora da Universidade da Coruña María Pilar García Negro, quen dispuxo esta magna obra de máis de setecentas páxinas para a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, responsable da súa impresión.

Poida que aos menos versados os sorprenda saber que Manuel María escribiu máis dunha trintena de obras teatrais. Foi esta unha querenza que cultivou dende a primeira hora, pois con tan só vinte e oito anos publicou Auto do taberneiro, ao que seguiron unha morea de títulos e que rematou coa aparición no 2001 da peza Auto do Alugado ou O encanto de Raboces, cando tiña xa setenta e dous anos, un texto, por certo, que ideou expresamente para que fose representado polo grupo de teatro Coto do Faro de Nois, en Foz.

Entre un e outro foron xurdindo esas tres decenas de obras de innegable valía non só polo que respecta á súa propia traxectoria autorial, senón tamén por seren pezas fundamentais na vertebración histórica do noso teatro de Posguerra, Transición e Democracia.

Quen lea este teatro escrito por Manuel María descubrirá ben pronto trazos definitorios comúns coa súa obra poética e ensaística, nomeadamente a notoria implicación crítico-social, o afondamento nas circunstancias histórico-simbólicas que nos definen como nación e, tamén si, o reflexo das vivencias persoais que o foron conformando como autor e como individuo. En palabras da editora: “todo un universo psíquico-sentimental, en paralelo a un decorrer histórico da Galiza nun tempo decisivo. Soidade, amor, esperanza no futuro, patriotismo, peso da censura, españolización crecente, represión da lingua e combate pola súa normalización, abandono do campo, emigración, movimentación social, recuperación da historia específica da nación”.

Toda esta produción —na que sobrancean as fórmulas do auto e, en menor medida, a farsa e o entremés— recóllese nesta Obra teatral nuns casos para volvela pór en circulación ou actualizala, mais en moitos outros constitúe unha auténtica recuperación, pois non poucos títulos foran publicados en edicións venais ou de escasa circulación, por veces mesmo fóra do noso territorio ou en suplementos de prensa ou editoriais hoxe desaparecidas, polo que a súa compilación adquire un valor documental e de consulta innegable.

De todas estas cuestións dá cumprida noticia García Negro na luminosa introdución que dispón ao volume, onde non só explica o porqué da edición, senón que tamén traza unha certeira síntese arredor da restauración do xénero teatral na inmediata Posguerra e incide na importancia desta escrita como autobiografía literaria e espello histórico.

O volume complétase coa reprodución, en apéndices, dun texto redactado por Manuel María para a celebración do Día Mundial do Teatro o 27 de marzo de 1994 (un auténtico manifesto en defensa da nosa dramaturxia), dous amplos e rigorosos artigos a propósito de “O Teatro de Manuel María” (asinado este pola propia editora) e “Os primeiros autos de Manuel María no contexto do teatro galego dos anos 50 e 60” (da autoría de Henrique Rabuñal), amais dunha ben larga “Escolma bibliográfica sobre o Teatro de Manuel María”, responsabilidade de Camilo Gómez Torres.

Cumprimentos para a Fundación Manuel María por promover esta destacada publicación, ás deputacións de Lugo e A Coruña e mais á Xunta de Galicia por axudar á súa execución e, sobre todo, parabéns á súa editora María Pilar García Negro polo excelente labor levado a cabo na actualización, recuperación e posta en valor desta parte fundamental da grande obra do inesquecible Manuel María.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 2-12-2018]