A supernova Manuel Antonio

De cando en vez —moi de cando en vez— a investigación literaria en Galicia sorpréndenos coa descuberta de materiais que permanecían ignorados, extraviados ou, simplemente, non eran accesibles. Cando iso sucede prodúcese unha revelación, unha sorte de impacto meteórico que combustiona iluminando o noso ceo literario co seu fulgor.

Pois ben, recentemente ten acontecido un deses estouridos. Mais non se trata dunha pirotecnia calquera, non vaian pensar. Neste caso pódese dicir, sen medo a errar, que estamos ante a contemplación dunha supernova exhumatoria que case nin eramos quen de imaxinar. Refírome á publicación da nova Obra completa do escritor rianxeiro Manuel Antonio, da que apareceu o primeiro dos cinco volumes que se proxectan (dedicado nesta ocasión á Prosa) nunha moi coidada edición que inaugura a colección Clásicos da Academia da RAG.

O responsable desta histórica publicación non é outro que o estudoso secretario da amentada institución, o profesor Xosé Luís Axeitos, auténtica auctoritas na biobibliografía do poeta vangardista, sobre o que leva publicado ducias de traballos.

Grazas á cesión dos fondos manuelantonianos que obraban na Fundación Barrié de la Maza (coeditora desta opera omnia), Axeitos puido descubrir case unha corentena de escritos en prosa do autor de De catro a catro, amais dunha trintena de traducións debidas á súa pluma.

Seguir lendo