Cucaina literaria

Teño escrito nunha morea de ocasións que, malia o que poida aparecer, aínda é moito o que no eido da tradución dos clásicos universais ao galego resta por facer. Retrucaráseme, e con razón, que ese é un labor sen fin e que decote ha de haber títulos ou novos libros que conviñera ter trasladado á nosa lingua.

Pois ben, sendo verdade o anterior, non é menos certo que esa relativa indixencia na que por veces nos movemos, se fai máis acusada cando nos estrañamos de que certos autores ou obras aínda non fosen revisitados.

Por todo o anterior, a nova de que unha colección de clásicos traducidos apareza no mercado é sempre moi grata e prometedora. É o caso da serie Cucaina, da división galega de Vicens Vives, que inaugura a súa andaina coa publicación de dous interesante títulos: A voz dos soños e outros contos prodixiosos, de H. Lupton e mais O xigante egoísta e outros contos, de Oscar Wilde.

Deste último quero agora dicir. Porque talvez a imaxe que moitos teñan do escritor irlandés —irónico, lostregueante, cáustico— se acomode pouco ao rexistro que nos relatos deste libro practica: o de contador de delicadas historias, cheas de tenrura e emoción, onde os valores máis nobres e fondos do ser humano afloran á superficie.

Os cinco contos que compoñen este volume coinciden todos eles nesa visión amable e esperanzada, nesa proxección dos valores máis positivos a modo de parafábulas didácticas nas que seres animais humanizados ou mesmo obxectos representan ou simbolizan tales bondades de carácter.

“O xigante egoísta” (paradigma da aposta pola amizade como medio para superar o egoísmo), “O príncipe feliz” (modelo de xenerosidade e solidariedade), “O amigo fiel” (lección contra a inxenuidade), “O ilustre foguete” (retrato da ilusión por abrirse ao mundo e aos máis) e “O reiseñor e a rosa” (arquetipo de amor fondo e entregado) son as cinco narracións exemplares que podemos ler en galego grazas ao pulcro labor de tradución levado a cabo por Alejandro Tobar, sempre encomiable nestas tarefas.

Lectura ideada, antes que nada, para escolares, aínda que tamén proveitosa para outras idades, O xigante egoísta e outros contos é unha estimable contribución da nova xeira de Vicens Vives Galicia, que agardamos siga a procurarnos agradables sorpresas.

Advertisements