Salinger entre o centeo

salingerCoincidindo co día de aninovo cumpriuse o centenario do nacemento de J. D. Salinger, autor da celebérrima O vixía no centeo, para moitos unha das novelas de maior influencia na literatura mundial dende que se publicara en libro hai agora algo máis de medio século.

Jerome David Salinger naceu en Nova York, o primeiro de xaneiro de 1919, fillo do xerente dunha empresa de importación de queixo e carne de ascendencia xudía e rusa e unha nativa de Iowa descendente de alemáns e irlandeses.

Foi un estudante mediocre, o que acabou facéndoo ingresar nunha academia militar en Pennsylvania en 1934. Unha vez alí comezou a amosar interese pola escrita e traballou no xornal da escola e no anuario de Crossed Sabres. Ende mal, cando logo se matriculou na Universidade de Nova York en 1936, volveu ás baixas cualificacións, polo que rematou por deixalo todo e marchou a Europa a se formar no necesario para axudar a seu pai no negocio de importación.

Logo dun tempo por Polonia e Austria, en 1938 regresou aos Estados Unidos e asistiu un par de semestres a un curso de escritura de relatos curtos impartido na Universidade de Columbia por Whit Burnett en 1939, con quen gardou dende aquela amizade.

Pouco despois, en marzo de 1940, publicou o seu primeiro relato, “The Young Folks”, na revista Story que dirixía o propio Burnett. A partir dese momento e ata a aparición de “Hapworth, 16, 1924” no The New Yorker en xuño de 1965, Salinger deu á luz a novela O vixía no centeo (1951), os tres libros de relatos Nove historias (1953), Franny e Zooey (1961) e Erguede, carpinteiros, a trabe do tellado e Seymour: unha introdución (1963) e case dúas ducias doutras historias en diversas revistas e suplementos. Tamén deixou nove contos inéditos que se custodian hoxe nas universidades de Princeton e Austin e sábese que escribiu dezasete relatos máis que se consideran perdidos.

Entre medias de toda esa andaina literaria discorreu o resto da súa vida, marcada pola intensa vivencia da II Guerra Mundial, na que foi soldado de primeira liña das tropas aliadas, e a súa chegada á fama con O vixía no centeo, que cobrou tal dimensión que fixo que se apartase de todo e vivise dende 1953 ata o seu pasamento en xaneiro do 2010 retirado nunha propiedade en Cornish, New Hampshire, evitando sistematicamente a vida social e literaria.

Ese retiro eremítico, a súa intensa vivencia das filosofías e relixións orientais, as avoltas relacións sentimentais que mantivo e o control case policial que exerceu sobre a proxección da súa obra fixo de Salinger un mito literario marcado pola extravagancia, o que intensificou, aínda máis, o fascinio pola súa intrigante figura.

O vixía no centeo, a súa obra cimeira, ten sido considerada un retrato epocal da mocidade americana no tránsito da adolescencia á madurez, caracterizada pola súa intrínseca rebeldía e inadaptación. A dificultade das relacións interpersoais, a complexidade da vida familiar, o papel da institución escolar, o descubrimento do alcohol e o sexo, as derivas depresivas e a dureza de certos ambientes sórdidos e violentos son outras tantas realidades sobre as que a novela se debruza, pois nese seu proceso de maduración cara á idade adulta, Holden Cauldfield, o mozo protagonista, enfróntase a todas elas dende a súa peculiar personalidade, tan sensible coma inestable.

O éxito fulgurante da novela fixo dela un texto icónico. Lévanse vendido máis de sesenta millóns de exemplares da obra e cada ano esta cifra aumenta nun cuarto de millón. O seu protagonista, o mozo Cauldfield, inspirou cancións a Billy Joel, Guns N’Roses ou Jonas Brothers, entre moitos outros, e son incontables as alusións, recreacións e continuacións, tanto fílmicas coma literarias, pictóricas ou televisivas, que teñen orixe nas súas páxinas.

Ata tal punto chegou a veneración pola obra de Salinger que foron varios os casos nos que arrastrou ao delirio criminal a algúns dos seus lectores. Así aconteceu con Mark David Chapman, o asasino de John Lennon, quen tras acabar co cantante en decembro de 1980 tirou do peto un exemplar da novela e se puxo a lela namentres agardaba a chegada da policía. Máis tarde declarou en comisaría: “Estou certo de que a maior parte de min é Holden Caulfield, o personaxe principal do libro, o resto debe de ser o Demo”.

Cauldfield en galego e outras historias

vixianocenteoA escrita de Salinger foi traducida a ducias de idiomas e é un best seller mundial con millóns de lectores en todo o mundo.

O vixía no centeo pode lerse en galego dende que en 1990 o vertera á nosa lingua Xosé Ramón Fernández Rodríguez. A obra publicouse inicialmente como novena entrega da serie Grandes do Noso Tempo, mais, ao desaparecer esta, pasou á colección Fóra de Xogo, na que vai xa pola novena edición logo de varios miles de exemplares vendidos.

Tamén foron trasladados os Nove contos, neste caso polo escritor e tradutor Xosé Antón López Dobao, quen os verteu para a colección Medusa de Sotelo Blanco Edicións en 1994.

[Faro de Vigo, 10-1-2019]