Novela matrioska

matrioskhaA escrita de Pura Salceda é sistemicamente irredutible, xenericamente múltiple e identitariamente mestiza. Soña en galego, pasea en catalán e toma o sol en castelán. Esperta narrando o amencer, teatraliza as horas de mantel e descóbrese poeta lunar. É chamaquita na lembranza, noia cosmopolita en mil xeiras e boborense cordial a tempo completo. Tan singular circunstancia defínea como unha creadora plural, de talento amalgamado e orixinalidade mestiza, o que a faculta para transitar territorios literarios para os que ben poucos teñen pasaporte, pois ela é transfronteiriza por definición.

Ese escribir entre dous mundos, o aquén dos días e o alén dos recordos, ten moito que ver co seu último libro: a novela O paxaro de nácara, publicada recentemente pola Editorial Galaxia. Teño dito nalgún outro lugar que esta é unha narración matrioska, un artefacto literario polimorfo que participa por igual da novela de investigación e descuberta, da novela amorosa, da novela social, da novela epocal e mesmo da novela saga. Precisamente na habelencia para coser todas estas fías reside, ao meu ver, un dos grandes acertos do libro, cabal retrato da Galicia da Terra e da Galicia Emigrante dende os ollos dunha muller que vive cun pé en ambas por mor da súa condición de filla de emigrantes que regresa aos eidos familiares de orixe.

O paxaro de nácara é a historia de Nélida, unha editora barcelonesa que recibe a nova do pasamento da súa avoa Delmira e viaxa ata a parroquia de Feás, no concello ourensán de Boborás, para asistir ao velorio e posterior soterramento. Unha vez chega ao lugar atópase con Elías, un amor de mocidade co que estivera a piques de casar, pero que acabou nunha historia de amor fanada porque el emigrou a México DF e ela decidiu non seguilo. Mais o reencontro fará renacer neles a paixón amorosa, que vivirán intensamente. Entrementres gozan desta apaixonada relación van descubrindo asuntos do pasado das súas familias e das da veciñanza que lles eran descoñecidos e que iluminan ángulos moi escuros na emigración mexicana dun tío da protagonista e da filla duns caciques da parroquia. Todo o anterior acontece ao tempo que se sucede un cadoiro de desvelamentos e sucesos que inclúen tanto traizóns e mortes coma amores delituosos e abusos, o mesmo falsidades que enfermizas relacións, todo trenzado nunha espiral de dor e de ocultamentos que se estenden ata o presente.

Narrada en primeira persoa mais salferida de abondosos diálogos, a novela regálanos parlamentos faiscantes, cheos de dobres intencións, moi áxiles e perfectamente trabados, que se complementan de xeito idóneo co fluír principal da historia e a súa trama investigadora, guiada por esa voz omnisciente culta que tesela a historia con alusións ao universo do literario, musical, cinematográfico e pictórico para enriquecer a caracterizacion de personaxes, lugares e tempos.

O paxaro de nácara é unha novela homenaxe, o tributo garimoso dunha escritora filla de emigrantes que espella na súa ficción ese choque de realidades que tantos dos nosos experimentaron ao marchar dos seus telúricos eidos e ter que gañar a vida nunha urbe estraña e vertixinosa, mais que aprenderon a tirar o mellor de cada lugar e comprenderon que o seu ser é xa, necesariamente, dúplice e de medrado caudal nas correntes converxentes das ambasmestas que flúen xenerosas.

[Tempos Novos, 273, febreiro do 2020]

Entre dous mundos

Nordesía (Pura Salceda, 8-12-2019)Hai artistas que son unha ponte entre mundos, unha porta a unha nova dimensión que nos leva a espazos creativos, idiomáticos e identitarios definitivamente singulares. É o caso de Pura Salceda, nacida na emigración mexicana, medrada e asentada en Catalunya, mais de ascendencia e adhesión galega. Ela é, en por si, un corazón hibridado no sentir e no vivir, que espella nunha escrita necesariamente múltiple, mestiza e plural.

Así acontece tamén na súa máis recente novela, O paxaro de nácara (Galaxia), que vén unirse a outros títulos publicados na nosa lingua pola autora, como os poemarios A ollada de Astarté (2016) e Dous corpos nus, espíndose (2016), este último en parcería co portugués Casimiro de Brito.

O paxaro de nácara é unha novela matrioska, un artefacto literario polimorfo que participa por igual da novela de investigación e descuberta, da novela amorosa, da novela social, da novela epocal e mesmo da novela saga. Todas estas fías trénzanse nunha única tanza para compoñer un retrato da Galicia da Terra e da Galicia Emigrante dende os ollos dunha muller que vive os dous mundos na súa condición de filla de emigrantes que regresa aos eidos familiares de orixe.

En esencia, O paxaro de nácara é a historia de Nélida (en moitos sentidos un álter ego da propia Pura), editorialista barcelonesa que se ve impelida a volver á parroquia de Féas, no Concello de Boborás, para asistir ao funeral da avoa Delmira. No seu regreso atópase con Elías, un amor de mocidade que non puido ser cando el emigrou a México DF. Esa fortuíta coincidencia fará renacer neles a paixón amorosa que vivirán intensamente. No curso desta relación irán investigando nos seus pasados familiares ata descubrir escuros sucesos que as súas xentes viviron na emigración mexicana e que teñen que ver coa morte de Gonzalo (un tío de Nélida) e de Nora (unha moza filla duns caciques locais). Mais no curso das súas pescudas Nélida e Elías traerán á luz moito máis: unha fervenza de traizóns, mortes, amores delituosos, abusos, falsidades e enfermizas relacións que desatarán unha espiral de dor e ocultamentos que se estenden ata o presente.

Todo este relato chega a nós a través dunha poderosa narración en primeira persoa que ten nos abundantes diálogos da obra o seu mellor aliado: parlamentos faiscantes, cheos de dobres intencións, moi áxiles e perfectamente trabados, que se complementan de xeito idóneo co fluír principal da historia e a súa trama investigadora, guiada por esa voz omnisciente culta que incorpora ao seu dicir numerosas alusións ao universo do literario, o musical, o cinematográfico ou o pictórico que axudan a caracterizar con moito ben personaxes, lugares e tempos.

Agora ben, O paxaro de nácara é todo iso e é moito máis. Hai nesta novela unha lectura que nos leva a defrontarnos con preguntas abondo transcendentes; poño por caso: cal é a identidade última deses seres de fronteira que son os emigrantes?; como se fixeron as vidas e fortunas dalgúns dos nosos que marcharon para alleas terras?; cal é a integración da realidade emigrante na sociedade galega en xeral e na rural en particular?; ata que punto os nosos emigrantes conservan os sinais inequívocos da súa cultura orixinaria, incluído o idioma?; produciuse unha axeitada transmisión do herdo galego de pais a fillos no mundo da emigración?; e xa noutra orde de cousas: os amores que a emigración esfarela, fenecen para sempre?; cal é a vida dos amores crepusculares, por definición, e dos amores outonizos que teñen a súa raiceira na mocidade, en concreto?

Novela homenaxe á heroica xeración emigrante de Posguerra que, como a dos pais da propia autora, marchou de Galicia pero seguiu sempre a vivir nela no seu imo, O paxaro de nácara é un canto a esa posible ponte entre xentes e pobos, entre modos de entender a existencia que son, á fin, maneiras complementarias e igualmente valiosas de ollar a fascinante, multiforme e irredutible marabilla que é a realidade humana.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 8-12-2019]