Voulles ser sincero: a maioría das compilacións de artigos publicados nos medios polos escritores teñen ben pouco interese. E isto é así porque hai moito escribidor malo polas revistas e xornais adiante que logo, non contento con aburrir as ovellas nestes foros, aínda pretende que se eloxie a recompilación de tan soporífera escrita.
De tal mal está libre O gume dos espellos, de Ramón Caride Ogando. Primeiramente porque este ourensán radicado na Arousa non é escritor que abafe coa súa constante presenza na prensa do país, pois, como el ben sabe, moito e ben, non hai quen. E, segundamente, porque meditar antes de escribir, que é a máxima que parece caracterizar a produción do autor de Lumefrío, non é mal principio para seguir. Por tanto, aquilo que por decantación foi dando a coñecer na prensa destes anos Caride Ogando posúe a profundidade e acuidade necesarias para traspasar a barreira da caducidade esmagadora da prensa periódica e gañar nova vida nun formato máis duradeiro como o do libro.
O gume dos espellos, que conta cun breve limiar de Miguel Anxo Martínez Oubiña, alimenta as súas páxinas de duras crónicas de denuncia social, iluminadores relatos de viaxes, finísimas prosas etnográficas, suxestivos comentarios de obras literarias, meditadas reflexións sobre cuestións de actualidade e mesmo algunha mostra de narrativa de ficción. O conxunto resultante é, pois, vizoso por variado e por lúcido e ensínanos, máis unha vez, que ese tan gasto tópico de que o xornalismo, aínda que sexa de autor, decapita os posibles da alta escrita literaria non só é unha falacia, senón que os exemplos aducibles na súa contra son lexión. Velaí este magnífico O gume dos espellos, colectánea máis que estimable que moito merecía ver luz.
[Publicado co título de “Vizoso por variado” nos xornais Faro de Vigo, 27-1-2011 e La Opinión, 29-1-2011]