O demo de Twain

Acompañoume estes días a relectura dun clásico: Mark Twain, aquel traballador de imprenta, capitán de barco, oficial confederado e xornalista —entre outras moitas peregrinas ocupacións— que se fixo famoso creando inesquecibles personaxes como Tom Sawyer ou Huckleberry Finn e que acabou por ser recoñecido como un dos máis destacados narradores estadounidenses no tránsito da escrita realista de fins do XIX ata a modernista de comezos do XX.

O título que me deu a escusa para volver ao sempre maxistral Twain foi O forasteiro misterioso, valiosa tradución de Alejandro Tobar do texto orixinal inglés que, xunto ao Servizo de Correos do decote polémico e revolucionario Charles Bukowski, constitúe a estrea dun novo selo editorial capitaneado polo propio Tobar: o compostelán Hugin e Munin.

O forasteiro misterioso é unha peza singular na traxectoria literaria de Twain. Para empezar, non foi nin sequera publicada en vida do autor, senón que este deixou mandado ao seu albacea Albert B. Paine que non se dese a coñecer ata despois da súa morte, como así foi, pois a primeira edición da novela non vería luz ata 1916, cando xa transcorreran seis anos dende o seu pasamento.

En esencia, a trama da obra cóntanos a chegada á pequena vila austríaca de Eseldorf de nada máis e nada menos que Satanás, quen traba amizade con tres rapaces (un dos cales é o encargado de nos transmitir os feitos relatados) e acaba subvertendo a orde social do pobo ata facer aflorar todas as vilezas e miserias agochadas no interior de cada un dos habitantes desa poboación austríaca de fins do século XVI.

O leitmotiv do estranxeiro que chega a unha poboación e caotiza o seu día a día non era novo na prosa de Twain, pois xa o empregara no célebre relato “O home que corrompeu Hadleyburg”, pero aquí alcanza cotas satíricas dunha mordacidade e crueldade implacables ante a hipócrita e mesquiña condición do ser humano que nunca antes zumegaran nel tan profusa acedía.

Tremendamente actual na temática e reflexión sociomoral que propón, O forasteiro misterioso de Twain é unha lectura máis que recomendable nestes tempos de tanta impudicia plutocrática, vesania dos inhumanos mercados e vomitivo proceder do cortello político. A edición que agora ofrece Hugin e Munin a través da versión galega de Tobar ha ser acaída escolla para todos os que se animen con esta obra, moi ben editada e cun agradable deseño e maquetación que, seguro, axudarán a distinguila positivamente nos andeis das nosas librerías.