Emilio Rúa é un dos cantautores galegos máis destacados dos últimos anos. Con dez álbums publicados, duetos e colaboracións cos máis importantes músicos do Estado e a súa presenza habitual en festivais e outros eventos musicais de referencia, non hai iniciativa melómana de mérito en Galicia na que o seu concurso non se faga imprescindible.
Á súa dilatada e exitosa andaina profesional engade agora o libro-disco Novelovento, onde pon música a catorce poemas de Álvaro Cunqueiro tomados de Herba aquí ou acolá (1980), o que foi o seu derradeiro poemario, unha compilación de textos que fora dando a coñecer ao longo de moito tempo e que apareceron recolleitos por xunto no primeiro tomo da súa Obra en galego completa, poucos meses antes do seu pasamento.
As catorce cancións que Rúa dispón en Novelovento ven agora luz da man da Editorial Galaxia, quen contou coa colaboración do concello natal do poeta. A música é toda do propio Rúa, quen tamén toca a guitarra acústica e española, a harmónica e o piano e é o responsable das programacións. O equipo de intérpretes complétano José García no saxo tenor, Alex Barreira na frauta traveseira e a Lucía Muíña no clarinete, encargándose José Gayoso do mastering. Tamén si, nalgún tema participaron integrantes da Escola de Música de Mondoñedo.
Canto á escolla dos poemas que serviron de base ás musicacións, calquera seguidor da escrita cunqueiriana agradecerá saber que aquí figuran harmonizados non poucos dos máis emblemáticos versos tanto da sección “As historias” coma do bloque “Vellas sombras e novos cantos” de Herba aquí ou acolá. E velaí a suxestiva nómina: “Deica abril”, “Eu son Danae”, “Na outra banda”, “Porque a terra é redonda”, “Ese alguén de meu que nunca volve”, “Os catro chefes da Casa de Gingiz”, “Resucitado”, “Un capitán e o seu cabalo”, “Os oficios de Bran”, “Díxenlle á rula: pase miña señora!”, “Pero Meogo no verde prado”, “Herba aquí ou acolá”, “Retorno de Ulises” e “Lord Dunsany / Epitafio”.
Todos os poemas cantados figuran no libro (curiosamente non pola mesma orde na que aparecen no disco), onde tamén se inclúe un breve texto de presentación do propio Rúa (“De onde vén a herba de namorar”) e mais un magnífico soarego da poeta e narradora Ánxela Gracián (“Novelovento”).
A sonoridade da proposta asegúraa a voz melancólica e asemade rotunda, desgarrada cando cómpre, do cantautor das Ventas da Barreira, que se manexa con oficio no melódico e o pop, con toques soul e algunhas outras fías de vario xorne. O resultado son unhas cancións nas que logra con ben interpretar uns poemas de moi difícil adaptación, dotados sen dúbida de certa música interna, mais escritos con versos moi longos, en ocasións case versículos, faltos de retrousos que axuden á iteración melódica e cunha sintaxe e períodos que case non deixan alentar, o cal engade aínda máis valor ao traballo de Rúa, quen se atreveu con eles cando Herba aquí ou acolá apenas se fora antes musicado, bardante interpretacións xa clásicas como as de Amancio Prada en “Díxenlle á rula: pase miña señora!” ou César Morán en “Unha canción foi prohibida no Sur” de César Morán.
Novelovento toma o seu nome dos versos de “Retorno de Ulises”: “Pende en que pende Penélope pensativa/ perde novelo nove novamente canto (…) os longos dedos que solprendidos dicen/ novelovento, novelo nove pido,/ o meu corazón tecendo mar e soño/ baixo esa ponte de ignorados ríos”. A propia musicalidade desta creación verbal aliterativa dá a pauta toda a un libro-disco con acertos indubidables (recomendo oír a canción “Herba aquí ou acolá”, para min a mellor), pois alén da proposta sonora, a edición da obra engade materiais fotográficos que moito lle prestan e unha impecable composición xeral de Hayat Husein, quen coidou con extremo gusto tipografías, ilustracións, gardas e estampacións.
Os amantes da boa música e da poética de Álvaro Cunqueiro teñen moito que celebrar: Novelovento trae para eles toda a maxia da evocación e recrea, como tan luminosamente anota Gracián no seu proemio, unha “atmosfera de rumor tenro, moi intimista, por veces case un aloumiño, e outras, unha poderosa e fresca, sempre límpida e timbrada fervenza de sonoro e profundo sentir”.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 5-4-2020]