Poesía helicoide

xurxoalonsoEn Xurxo Alonso temos un dos pintores poetas máis destacados dos últimos anos. Como artista plástico a súa obra figura en museos e centros de toda Galicia e do resto do Estado e os seus cadros teñen sido expostos en numerosas galerías e feiras internacionais. Como poeta conta con media ducia de títulos ben coñecidos: Onde viven os saqueadores de naufraxios (2002), Cidades de area (2005), Breviario de Aldemunde (2005), Cartas da fronteira (2017) e Oracións profanas (2018), todos eles publicados por Espiral Maior. Por este seu labor ten recibido numerosos galardóns, entre os que merecen salientarse os premios Francisco Añón (1998), Johán Carballeira (2001), Fermín Bouza Brey (2003), Concello de Carral (2004), Concello de Ourense (2016) ou Xosé María Díaz Castro (2018).

A súa sólida andaina continúa a medrar e engade agora un novo título de mérito: No interior do vento, distinguido co Premio Avelina Valladares e publicado nesta ocasión por Edicións Fervenza.

A poesía de Alonso orquestra un delicado equilibro entre as dicotomías da sombra e a luz, o baleiro e os seres amados, as ausencias dolorosas e o alento do clan. Existe nestes versos unha pugna entre o acabamento e a finitude, dunha banda, e a forza vital e a expansión cósmica, doutra; vale dicir, unha loita sen cuartel entre os extremos tanxentes de Tánatos e Eros.

Mais tales antinomías teñen nesta escrita unha converxencia harmónica, que resolve a tese e a antítese de partida nunha feliz síntese: o poder da palabra e o seu reverso, o silencio; tamén os terreos de tránsito entrambos e a incardinación telúrica destes na verba da Terra: “Pola linguaxe inaudible das conxuras/ corre un vapor de auga de carne e óso,/ como ánima de luz vivísima/ feita do aire de ningunha cor./ Baixo a luz astral do silencio,/ aínda que fales calado,/ hante escoitar cos ollos”.

Esa mesma asunción coincidente, a plenitude dos extremos que se tocan na esfericidade, é a que concorre na disolución do Cronos que a poética de Alonso produce. En efecto: igual que na súa pintura o vilagarcián domea o espazo con tenacidade, na súa escrita dinamita o Tempo volvéndoo ubicuo, eternal. Neste caso o tríade presenta os vértices do pasado (edénico, paradiso da nenez fuxida), o presente (que galga no lombo da memoria e a procura do herdo e que ancora a súa angueira na comprensión do ser propio en definición contrastiva cos seres outros, que explora os límites da corporeidade e que amosa unha conciencia problemática da fluencia dese tempo que derroca ata os imperios); e o futuro, cara ao que se avanza asumindo o legado familiar, persoal, colectivo e creativo (“a memoria dos outros escribe ao meu carón”) para proxectarse cara a ese mañá que debuxa o derradeiro poema do libro, punto termo e, asemade, superposición das idades todas: “O futuro é aberto,/ Depende do que fagas,/ dos pasos que deas,/ das cousas que movas,/ do que digas/ e do que cales,/ o futuro ten oídos/ que parecen xordos,/ boca que non fala/ e ollos que semellan non ver./ Mais ten ao día/ o dietario/ do que fixeches”.

Velaí a tensión extrema da poética de Xurxo Alonso: unha escrita do existencial que abala entre o rexistro do íntimo e a metafísica do conceptual, que hibrida plástica e verba (“baixo a ingrave respiración da terra,/ onde viven os poetas e pintores/ entre luz camuflada,/ inmolándose no baleiro”) e que ten ben presente o sentido da nación (“Patria como mansión intocable/ con luz orlada derramándose pola fronteira,/ terra de ninguén sen tempo/ para cousa ou palabra (…) liturxia dun pobo/ que entreabre a pena/ ás entrañas da intemperie”) e o destino do cantor: “Se vives no sacrificio,/ nas colleitas da ruína/ haberás coñecer/ o tempo que apaga,/ a luz que cega, o alimento/ que non chega;/ se vives na perda,/ aprecia o que vale a túa dor,/ que o teu reino/ estalo a erguer, poeta/ ao pé da palabra”.

Fulgurante, intensa e reveladora, a escrita de Xurxo Alonso en No interior do vento é unha explosión sideral de asteroides, corpos astrais, galaxias e cosmografías con estrelas ebrias de noite nunha canción do océano vital inextinguible, xurdida da matriz da terra e os abismos consagrados, poesía helicoide e sen fin.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 31-3-2019]