Arumes literarios

A Ponte de Neira, na parroquia de Cela, O CorgoAtentos aos sonoros títulos de autoría individual e grande aparato publicista das editoriais, hai veces en que aos críticos parecen volvérsenos invisibles outras propostas literarias que, nacendo en berces máis modestos, son tamén fillos ben dignos e, sobre todo, descendencia agradecida para a estesa familia das nosas letras.

Entre esas apostas de base que coido merecen visibilizarse quero hoxe traer a este blog o volume colectivo Premios Terras de Chamoso, recompilatorio dos traballos gañadores deste certame literario na súa IV, V e VI edición, correspondentes aos anos 2010, 2011 e 2012. Un libro que é unha realidade mercé ao abnegado esforzo da Asociación Cultural Arumes do Corgo, plataforma dende a que a veciñanza máis activa deste concello lugués botou a andar un premio para promover a escrita en galego en todas as idades. Tanto é así que nesta obra se recollen poemas e relatos pertencentes a tres categorías: infantil (10 a 14 anos), xuvenil (14 a 18) e de adultos (maiores de idade).

Terras de ChamosoNon me deterei a detallar a participación nas franxas de idade inferiores, pois entendo que, sendo meritorias, son aínda froito dunha obra en proxección, así que o limitado do espazo fará que amente agora só os textos dos maiores. Entre eles, e na edición de 2010, figuran un Xosé Otero Canto gañador da modalidade de poesía con “Chuchas acaroadas das vagas”, intensos versos mareiros recendentes a salseiro, e tamén unha Natalia Alonso Ramos e a súa poética amatoria inzada de imaxes circenses en “A equilibrista e o circo”.

Na mesma convocatoria, Pedro Naveira Pedreira coa prosa “Unha viaxe desacougante” (historia de maldicións con transfondo fantástico) fíxose co galardón do que foi accésit Xosé Luís Vázquez Somoza con “Conta xusta”, humorada tremendista ben trazada.

Novamente Otero Canto con “A praia amanceba” (outra volta marusías de Eros) volveu facerse co premio de poesía no 2011, sendo nesta ocasión accésit Soraya Cortiñas Ansoar con “A avoa”, tenra lírica da memoria do clan. Da súa parte, Xulio Romero Suárez con “Penando” (relato de ultratumba homenaxe ao Castelao de ollada máis vidrada ou o Risco mas alveiriano) e Tito Pérez Pérez con “Elba” (confesión amorosa de innegable pegada poética) foron os distinguidos como narradores.

Na derradeira das convocatorias das que se recollen traballos, a do 2012, os versos gañadores asinounos Javier Rodríguez González, quen en “Homenaxe” propón unha estética neoculturalista de múltiples referencias literarias e evocadoras espacializacións, moi lonxe da escrita de xénero da mindoniense Eva de la Torre Conde en “Nadas de nobre estirpe”, triunfal afirmación enraizada na tradición e o humus propio. A réplica dánllela Marcelino Sisto Deibe, vencedor na modalidade de narrativa con “Mariñeira”, historia de naufraxios vitais e doídos afectos, e mais o xa referido Pérez Pérez, quen en “O conto do esquío e da martaraña” ensaia a prosa de parábola fabulística con eficacia probada.


arumes logoTerras de Chamoso
engade un apartado final que recolle textos de “Escritores que colaboraron nalgunha edición do certame literario”, sección na que varios dos xurados que axudaron a facer posible o premio achegan colaboracións ben en verso ben en prosa. Así, Toño Núñez co relato “Gastroenterite mental” (suxestión futbolística co humor por bandeira); Adela Figueroa Panisse e o seu poema “Um conto chines triste” (versos lusos e viaxeiros dunha oriental que acaba por radicarse entre nós); Isidro Novo co divertimento lírico “Un albanel”, dominio do ritmo de experimentado versificador; Mario Outeiro e “Nosa nai, Galiza!”, prosa patriótica de acendida afirmación nacionalitaria; Marica Campo con “As catro lúas de Agustina-Carolina”, emotiva historia versalizada e en catro estacións da Bela Otero; e, finalmente, a “Fábula do porco rezador” de Antonio Reigosa, conto que bebe do substrato literario da tradición oral e nos fai viaxar ás lonxincuas terras do Oriente Próximo para narrarnos unha fascinante historia que emparenta con As mil e unha noites.

Parabéns, pois, ás xentes de Arumes e aos seus patrocinadores dende a Deputación Provincial de Lugo por facer posible a publicación deste Terras de Chamoso, exemplo de como fóra das grandes arañeiras editoriais tamén escoa, entre as fírgoas, interesante e necesaria literatura.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 28-9-2014]

 

Ames literaria

Como cada ano dende hai xa oito o Concello de Ames publica nun volume os traballos distinguidos no seu Certame Literario. Relatos curtos e poemas de participantes que concursan en categorías infantís, xuvenís e de adult@s e que son premiad@s por un xurado de creador@s e crític@s designado polo propio concello coa axuda da AELG.

Nesta ocasión foron case unha vintena os textos recollidos neste libro do VIII Certame Literario Concello de Ames: seis correspondentes a contos e poesías de concursantes ata os trece anos, outros tantos de moz@s ata os dezaoito e outra media ducia de propostas para maiores de idade.

Desculparáseme que non me deteña en todos e cada un dos textos do volume —secasí, para os que queiran saber a relación completa d@s premiad@s figura no etiquetado do post—, pois conformareime con salientar tan só algúns dos que, ao meu ver, sobrancean no conxunto.

É o caso do relato de desamor “Zume con cabezas” do noiés Ismael Ramos Castelo, gañador na modalidade de narrativa entre os catorce e dezaoito anos, unha historia con finura psicolóxica abonda e sutil manexo do rexistro humorístico, calidades que contrastan coa prosa fragmentaria e calidoscópica mais tamén sentimental de “Porcións”, de Lara Porto Mato, segunda nesta mesma categoría.

Est@s autor@s son tamén primeiro e terceira premiad@s na súa categoría de poesía, revelándose el como poeta do metaliterario e xogo imaxinístico e ela do amatorio e o marítimo.

Xa entre @s adult@s, o texto máis sólido, con moita diferenza, é o de todo un consagrado como Xesús Manuel Valcárcel, narrador que regala aquí unha peza curta de extraordinaria factura, “Selección persoal”, lograda parábola verbo da presión do grupo sobre @s individu@s e o afogamento da liberdade do eu na disolución asolagadora da masa atafegante.

A canda o relato de Valcárcel merecen nomearse a prosa irónica de Lois Pérez Díaz en “O voto da escultora” e a contística evocadora e rememorativa de María Xosé Ónega Filgueira en “Proxeccións”.

Da súa parte, a poética de Marcela Porto Mato —irmá da amentada Lara e da tamén escritora Andrea— en “Pentágono” gañou o favor do xurado na categoría para @s máis nov@s pola súa clave de cifra simbólica e amor de beiramar.

Finalmente, na categoría de poesía para maiores de dezaoito foron o verbo desconforme e acendido de Natalia Alonso Ramos en “Desexo”, a erótica entregue de Cruz Martínez Vilas en “Atraídos por un choque de feromonas” e mais a arquetípica d@s amantes complementari@s de Xosé Daniel Costa Currás en “Amantes de maínzo” @s que acadaron os galardóns.

Por xunto, xa que logo, os textos reunidos neste VIII Certame Literario Concello de Ames ofrecen un mosaico diverso de estilos e temas nos que escritor@s máis coñecid@s e noveis comparten protagonismo e fan deste premio un referente no seu xénero. Un logro polo que cómpre felicitar ao Concello de Ames e, moi especialmente, á súa Técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro, secretaria do concurso e verdadeira alma mater deste feliz evento ao que lle desexamos moitas futuras convocatorias.