Manuel María narrador

o xornaleiroManuel María é dos poetas referenciais da literatura galega da pasada centuria. A súa abondosa produción neste xénero e a gran popularidade que adquiriu coa musicalización dalgún dos seus versos fixeron del un autor de perpetua actualidade, que acompañou coa súa palabra varias xeracións ao longo de máis de medio século de intenso labor creativo.

Mais o que talvez non se salienta tanto ―e debería― é a importancia que tivo noutros eidos, como a escrita teatral, o ensaio e o xornalismo e, sobre todo, a narrativa, xénero este no que desenvolveu un amplo quefacer durante máis de catro décadas.

Deixando á parte as prosas infantoxuvenís e algún relato solto que publicou nos anos noventa, o groso da súa obra narrativa concéntrase nun período de vinte anos, que vai dende os comezos dos cincuenta ata os anos inmediatamente anteriores á chegada da Democracia. Neste tempo apareceron catro historias no volume colectivo Presencia de Curros y Dª Emilia (1951) ás que sumou outras tres para compor Contos en cuarto crecente (1952). Logo viñeron outros dous relatos longos dados á luz en Grial en 1965 e 1966 e, finalmente, o libro O xornaleiro e sete testemuñas máis (1971).

Na Posguerra a narrativa galega triangulou en tres vértices: a prosa realista, a fantástica e o cambio de ritmo que achegou a chamada Nova Narrativa Galega. A escrita de Manuel María responde, en maior ou menor medida, dependendo dos casos, a algunha destas tendencias. Mesmo por veces hibridou nalgún libro varias ou todas elas. Por tanto, o de Outeiro de Rei foi un narrador do seu tempo, sensible ás modulacións literarias que naquela altura se conformaron.

En síntese, poden distinguirse tres etapas no Manuel María narrador: unha primeira que iría dende os inicios en 1951 ata andados os anos sesenta; unha segunda que coincide cos comezos dos setenta e unha derradeira etapa con historias aparecidas nos noventa.

contos en cuarto crecenteO Manuel María narrador de primeira hora concrétase nos Contos en cuarto crecente e mais nos relatos longos “As augas van caudales” e “Os alugados”. Os textos do libro comparten un mesmo gusto pola prosa de filiación poética, as descricións paisaxísticas, a presentación de amores románticos e, en xeral, un tecido reflexivo puramente adolescente, sempre a debaterse entre a madureza da dúbida existencial e a inxenuidade xuvenil. Da súa parte, as historias da revista ancoran máis na reflexión filosófica e a crítica social, non estando exentas dun marcado telurismo e mesmo dun descritivismo en ocasións etnográfico.

Consonte á profusa produción poética socialrealista e patriótica das décadas dos cincuenta e sesenta, Manuel María practicou en O xornaleiro e sete testemuñas máis e Kricoi, Fanoi e Don Lobonís unha escrita que se caracteriza pola decidida vocación de compromiso e denuncia social, o que concorda co forte activismo político que o chairego desenvolveu nese tempo. Alén diso, estes relatos zumegan tamén un intenso lirismo, o que converte moitas das súas pasaxes máis descritivas en verdadeiros poemas en prosa, rebordantes de metáforas, símiles, anáforas e cadencias fonosimbólicas.

A última etapa, a dos anos noventa, rexistra tres textos breves: a Novena a Santa Isabel (1995) ―unha prosa de difícil adscrición, que resulta ser unha singular recreación do novenario canónico relixioso pero con adicións de pequenos relatos ficticios de milagres obrados por Santa Isabel no seu Outeiro de Rei natal―; o conto “O milagre de Santiago Apóstolo que non figura no Códex Calixtino” ―onde se xoga, novamente, co relixioso e mais co lendario― e a historia “Discurso de ingreso nunha das reais academias galegas do numerario electo M.H.V. que trata de un dos sucesos máis memorábeis acontecido na histórica e ben amada vila de Outeiro de Rei da Terra Cha”, de título abondo descritivo, puro sarcasmo e polarización política.

kricoiEn conclusión, pode afirmarse que a obra narrativa do autor é unha faceta de relevo no conxunto da súa escrita, pois ofrece unha variedade de fórmulas ben estesa na que predominan temas como o amor, o universo da infancia, a comuñón do ser humano cunha paisaxe e unha terra vitais e, ante todo, o compromiso social, adapte este os subtemas concretos do mundo da emigración, da crítica ao caciquismo ou de calquera outro abuso de poder. Canto á técnica, as preferencias pasan polo acusado lirismo, o gusto pola prosopopea e a fábula e mais o emprego do recurso epistolar. E por remate, salienta tamén o autobiografismo que percorre e informa moitas das súas historias, cheas de elementos reais ficcionados ou, por veces, reproducidos máis testemuñalmente, elementos todos que confirman o interese do Manuel María narrador.

[El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de ArousaDiario de Bergantiños, 17-5-2016]

Ánxel Fole fai 111 anos

escultura foleHai hoxe, exactamente, 111 once anos —cifra capicúa onde as haxa— viña ao mundo en Lugo Ánxel Fole, quen había de ser, andando o tempo, un dos narradores galegos máis importantes do seu século. Aquel rapaz que vía a luz primeira nun antigo casarón da Praza do Campo Castelo (onde agora, e dende hai xa anos, o concello dispuxo unha estatua na súa memoria) foi unha das voces principais da recuperación literaria galega na Posguerra.

Cando aínda a Rede era apenas un asomo do que vivimos, alá polo xa afastado 1997, escribín para o tamén histórico Vieiros un artigo divulgativo (“Ánxel Fole: un narrador diferente”) que hoxe, con mínimas correccións, me presta recuperar a modo de puntual homenaxe a un escritor ao que sempre cómpre volver. Que sexan parabéns, don Ánxel, nese Ceo bravo onde ha de andar parolando e escribindo á lus do candil.

pauto_do_demoÁnxel Fole Sanchez (Lugo, 1903-1986) é un dos nosos escritores máis importantes do século XX. Autor bilingüe en galego e castelán, cultivou ao longo da súa vida todos os xéneros literarios: narrativa, poesía, teatro e mesmo ensaio xornalístico. Mais o eido creativo no que obtén un maior recoñecemento é sen dúbida o da súa obra contística, encerrada, fundamentalmente, en catro libros de relatos: Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).

Entre toda esta produción narrativa sobrancean os catorce relatos reunidos en Á lus do candil, así como tamén o cativador prólogo ficcionalizado que, baixo o título de “Terra do Caurel”, dispuxo Fole como limiar do libro. Neste último texto danse as claves interpretativas para comprender o marco narrativo no que teñen lugar as historias do libro: un grupo de cazadores queda illado, por mor da neve, nunha vella torre do século XIV; fronte á imposibilidade de desenvolver as súas afeccións cinexéticas, deciden “matar o tempo” contando, alternativamente e por rolda, historias vividas por eles ou sucesos dos que foron sabedores. O conxunto deses relatorios é despois transcrito polo autor, que en forma de conto recolle para nós o alí narrado polos diferentes cazadores.

contos_da_neboaOra ben, “Terra do Caurel” vai máis alá da simple xustificación narrativa, pois constitúe, en por si, todo un asistemático e espontáneo tratado etnográfico das terras do sur de Lugo e, metonimicamente, de toda Galicia. Nada escapa ao interese de Fole, que trata aquí sobre as peculiaridades paisaxísticas, botánicas, zoolóxicas, antropolóxicas, sociolóxicas, climatolóxicas, xeolóxicas e lingüísticas daqueles lugares, debuxando con fina prosa un acabado retablo costumista da intrahistoria cotiá das súas xentes.

Evidentemente, Ánxel Fole non foi única e exclusivamente un autor sensibilizado coa nosa realidade material, máis ou menos folclórica, senón que tamén mereceu a súa atención a realidade inmaterial do mundo do parapsicolóxico ou metapsíquico. Porén, foi indubidablemente un grande paisaxista, pintor con trazo firme do existir máis arredío e ríspeto duns homes e mulleres que, nos duros tempos da Posguerra, (sobre)viviron humilde pero dignamente mantendo viva toda unha cultura material e espiritual sen a cal non sería posible entender a nosa historia como comunidade diferenciada no conxunto das nacións peninsulares en particular e europeas en xeral.

selo_folePrecisamente por estas razóns, “Terra do Caurel” é un inestimable etnotexto literario, pois a paisaxe e a paisanaxe que habitan nestas poucas páxinas ofrécennos a mellor radiografía dun singular xeito de ser no mundo: o galego, o do noso labrego e o seu contorno vital. “Terra do Caurel”: cartografía foleana do mapamundi cultural galaico.

Rosalía de conto

Esta semana na que andamos, sabido é, vén sendo de obrigada cita rosaliana pola efeméride do seu cabodano. Mais desta volta vira un moito especial en tanto en canto coincide no ano en que celebramos, tamén, o sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos.

Con tal motivo, diversas iniciativas foron xurdindo no país nos últimos meses e, así, hai nada soubemos da aparición dun retrato inédito, un suposto autógrafo da escritora e un manuscrito reproducindo un outro texto sobre ela e aínda estes días a fundación que leva o nome da autora está a desenvolver un ciclo de xuntanzas con varias actividades.

Pois ben, sumándome á onda admirativa e rosaliófila, quero hoxe destacar aquí a oportuna edición facsimilar do durante moito tempo coñecido como “Conto gallego” de Rosalía realizada pola Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos con motivo do aínda recente cento setenta e cinco aniversario do natalicio da escritora.

Este traballo opuscular vai precedido dun valioso artigo do estudoso Xesús Torres Regueiro que fora publicado, inicialmente, na revista Grial (195, 2012). O texto, resumidamente, explica o seguinte, moi pertinente para comprender o facsímile ao que precede: o relato que se exhumara de xeito póstumo en 1923 co nome de “Conto gallego” e a atribución deste a Rosalía foi obxecto de revisión pola profesora María do Carme Ríos Panisse en 1995, quen descubriu que non era propiamente inédito, pois aparecera publicado como folletín no periódico El Avisador da Coruña en 1864, aínda que alí figuraba asinado só coas iniciais R. C., o que fixo dubidar a esta analista da súa autoría. Grazas á descuberta dunha segunda edición de 1868 en El Eco Ferrolano —que é a que aquí se facsimila co título co que apareceu, “Contos da miña terra”— confirma a autoría, inequívoca, de Rosalía Castro de Murguía, nome marital co que era adoito asinaren as esposas neste tempo. Canto ao título, parece insinuar a idea dunha serie que, de existir, se perdeu, aínda que é posible que nunca fose continuada pola autora e se esgotase nesta primeira e única entrega.

Acompaña esta edición facsimilar, amais do artigo sinalado, o sobradamente coñecido retrato de Rosalía realizado a carbón por Antonio Portela sobre o orixinal de Luis Sellier, tras do que aparecen as vinte e dúas planas deste folletín de 15,5cm X 18,5cm. amarelado polo pasar do tempo.

Benia á Asociación Cultural Eira Vella, á que tantos e tan salientables esforzos a prol da nosa cultura debemos, e a Xesús Torres Regueiro por axudar a recuperar un retalliño máis dese perfil que, aos poucos, vai conseguindo esbozarse de quen é a nosa máis transcendental e gabada autora.

Ferruxes literarias

Autores hai tan esquecidos no fondo do baúl da memoria que semellan enterrados baixo sete chaves de olvido. Por iso sorprende, e mesmo marabilla, que alguén se decida, xenerosamente, a rescatalos desa condena ao ostracismo do recordo no que parecen durmir eternamente.

Dáme por pensar tal ao ver, con gozo, como as meritorias Edicións do Cerne —histórico selo de noso hoxe felizmente recuperado polas xentes da non menos emblemática Libraría Couceiro de Santiago— reeditaron hai uns meses Ferruxe, a que fora a primeira novela publicada polo ferrolán Aurelio Ribalta (1864-1940) e, tamén si, unha das primeiras editadas integramente en galego en formato libro, pois a súa aparición remóntase nada máis e nada menos que ao recuado xoves do primeiro de febreiro de 1894, como reza no seu colofón.

Case cento vinte anos despois, por tanto, ponse en circulación un facsímile desta novela curta que, en esencia, non é senón un retrato social do seu tempo no que o protagonismo feminino adquire principalísimo relevo.

En efecto, as dúas personaxes centrais, Petra e Mercedes, tía e sobriña respectivamente, vense empurradas a sobrevivir como costureiras logo de, por diferentes causas, perderen os seus esposos. A dura vida de viúvas, a soidade insolidaria á que a veciñanza as obriga e a dignidade coa que ambas aturan a súa miseria e pesares fan destas mulleres seres heroicos, que se superan no grisallo día a día no que viven inmersas.

Publicada no seu momento cun traballado gravado de Urbano González adornando a cuberta que volve reproducirse para esta edición, Ferruxe —que alude no título ao carácter inflexible e resistente dunha das protagonistas— constitúe unha valiosa recuperación que trae de novo á luz un dos textos en prosa pioneiros da novelística galega moderna e, asemade, volve pór de actualidade o nome dun narrador, poeta e ensaísta fundamental da nosa escrita de Entre Secúlos, Aurelio Ribalta e Copete. Así pois, súmase esta reedición a outras achegas aparecidas nestes últimos anos, como a cinematográfica de José Antonio Durán, que rodou sobre del a curtametraxe Galicia en Castela. A España galeguista de Aurelio Ribalta (1990), ou a atención crítica que lle prestou Eulalia Agrelo Costas ao editar a súa Obra narrativa en galego (2000), polo que o presente facsímile de Ferruxe contribúe a facer renacer o interese pola súa figura, extremo este polo que cómpre, abofé, aledarse.

A supernova Manuel Antonio

De cando en vez —moi de cando en vez— a investigación literaria en Galicia sorpréndenos coa descuberta de materiais que permanecían ignorados, extraviados ou, simplemente, non eran accesibles. Cando iso sucede prodúcese unha revelación, unha sorte de impacto meteórico que combustiona iluminando o noso ceo literario co seu fulgor.

Pois ben, recentemente ten acontecido un deses estouridos. Mais non se trata dunha pirotecnia calquera, non vaian pensar. Neste caso pódese dicir, sen medo a errar, que estamos ante a contemplación dunha supernova exhumatoria que case nin eramos quen de imaxinar. Refírome á publicación da nova Obra completa do escritor rianxeiro Manuel Antonio, da que apareceu o primeiro dos cinco volumes que se proxectan (dedicado nesta ocasión á Prosa) nunha moi coidada edición que inaugura a colección Clásicos da Academia da RAG.

O responsable desta histórica publicación non é outro que o estudoso secretario da amentada institución, o profesor Xosé Luís Axeitos, auténtica auctoritas na biobibliografía do poeta vangardista, sobre o que leva publicado ducias de traballos.

Grazas á cesión dos fondos manuelantonianos que obraban na Fundación Barrié de la Maza (coeditora desta opera omnia), Axeitos puido descubrir case unha corentena de escritos en prosa do autor de De catro a catro, amais dunha trintena de traducións debidas á súa pluma.

Seguir lendo