As outras xeografías

Unha das lecturas que me ten resultado máis amena e sorprendente nestes últimos meses é a do volume Fóra do mapa, obra do profesor de Xeografía Social da Universidade de Newcastle Alastair Bonnett, agora en galego mercé á tradución de Moisés Barcia para Rinoceronte Editora.

Fóra do mapa, como o seu propio subtítulo aclara, é un libro sobre os “espazos perdidos, cidades invisibles, illas esquecidas, lugares salvaxes e o que nos ensinan sobre o mundo”; vale dicir unha emocionante viaxe por xeografías que aínda permanecen agochadas e gardan, intacto, o seu fascinante misterio, o que nun tempo coma o noso, onde todo parece ter sido explorado, cartografado, descrito e analizado ata o último milímetro, non deixa de ser un convite para se mergullar na aventura do ignoto e arcano.

En Fóra do mapa cóntase de Sandy Island, a enigmática illa do Pacífico, a setecentas millas de Queensland, que os mapas oficiais do Almirantado Británico rexistraran pero á que ninguén fora nun século, ata que no 2012 unha expedición se desprazou ao lugar para descubrir que… non existía! E tamén sabemos de New Moore, a illa do Golfo de Bengala que emerxeu tras un ciclón en 1971 e que agora aparece e desaparece coas inclemencias meteorolóxicas mentres a disputan India e Bangladesh, pois está no límite dos seus territorios.

Do mesmo xeito, coñecemos a triste historia de Príapat, a próspera cidade contigua a Chernóbil que, logo do terrible accidente nuclear de 1986, ficou deserta, converténdose nunha cidade fantasma.

Non menos curioso é o caso de Baarle-Nassau e Baarle-Hertog, a mesma poboación dividida en dous por unha liña imaxinaria que supón a fronteira entre os Países Baixos e Bélxica, de xeito que cruzando unha rúa da mesma localidade se atravesa tamén dun Estado a outro.

Moitas veces pensamos que as tensións independentistas catalás respecto do estado español son unha singularidade, pero Bonnett lémbranos o caso da Unidade Territorial Autónoma de Gagauzia, en Moldavia, unha sorte de república independente, non de todo recoñecida, na que viven case duascentas mil persoas de orixe turco-búlgara. E que dicir de Sealand? Resulta case que o argumento dun filme distópico, pero o caso é que fronte á costa de Essex existe unha plataforma de artillería abandonada duns 550m2 que se declarou estado independente e foi recoñecida así dende os anos 60 do pasado século por algúns outros países.

Os exemplos poderían multiplicarse ata o medio cento que se recollen neste apaixonante Fóra do mapa, mais os aquí dados abondarán para asegurar o entretido da lectura dunha obra que cómpre agradecer ao psicoxeógrafo Alastair Bonnet, pois demostra que as descubertas neste século XXI aínda son posibles e, en ocasións, están ben máis preto de nós do que poida semellarnos.

[Faro de Vigo, 11-6-2020]

O mundo Mumin

Tove_Jansson_1956Sushi Books non deixa de darnos agradables sorpresas. A última é a incorporación ao seu catálogo das obras de Tove Jansson (Helnsiki, 1914-2001), a célebre escritora infantoxuvenil e pintora finlandesa de expresión sueca que creou os non menos famosos Mumin, seres imaxinarios que se popularizaron en toda Europa e dos que se teñen feito series, películas e numerosas adaptacións a diferentes formatos.

Moisés Barcia, responsable último do selo editorial, é quen nesta ocasión se encarga tamén da tradución de dous dos títulos referenciais da autora: A chegada do cometa e mais O sombreiro do mago, xustamente os volumes cos que en 1946 e 1948 gañou prestixio internacional a autora.

O máxico, emotivo e imaxinativo mundo dos Mumin é un universo consistente que serve como parábola marabillosa para ir deitando toda unha visión da nosa realidade. As aventuras que viven os habitantes de Val Mumin dentro e fóra da súa contorna, mesmo as trepidantes viaxes que levan a cabo, van defrontándoos cos obstáculos da existencia para facerlles ir aprendendo a superalos e medrar en sabedoría e bondade.

Estes seres, mestura de trolls nórdicos e de puerís hipopótamos, fanse querer e, a pouco que se lles conceda o favor dunhas páxinas de lectura, ben pronto un se verá mergullado o sombreiro do magonas angueiras de Mumintroll, Osmón e Sniff e outros personaxes a cal máis fantástico, que igual descobren sombreiros máxicos que defenden o seu territorio da ameaza dun cometa, o mesmo parolan coa formiga-león que pasean pola Illa dos hatifnatas, e todo acompañados do Rubí Rei, do palangre de Snork, maletas misteriosas e bailes inauditos.

As ilustracións destes libros, obra tamén da propia Jansson, son outro atractivo que engaiola. Presta recomendar libros así, felices volcáns de ilusión que enfeitizan e dan calor aos espíritos aterecidos.

Audioliteratura

Algúns esencialistas andan sempre a laiarse da perversa influencia que as novas tecnoloxías están a ter para o desenvolvemento da literatura no noso tempo. Refugan os multimedia, maldín de internet e teñen ao libro electrónico pola peor praga moderna. Pois ben, voulles dar un desgusto.

Unha das experiencias literarias máis orixinais e reconfortantes dos últimos meses tenma proporcionado un destes soportes alternativos que tanto deostan os lectores da vella garda: un audiolibro producido polo selo Rinoceronte, concretamente Unha lectora fóra do común, do autor inglés Alan Bennett, que fora xa publicado con anterioridade por esta editora en formato libro.

Esta nova versión da novela Unha lectora fóra do común sérvese da precedente, impecablemente traducida por Moisés Barcia, e chega ao público da man do locutor Santiago Cortegoso, dono dunha dicción e ortofonía admirables que fan máis que agradecido o acceso ao relato por esta vía.

O que Bennett nos propón nesta gurgullante trama é unha xenuína distopía contemporánea: figurémonos que á súa maxestade Isabel II lle dese por, de súpeto, converterse nunha lectora compulsiva, obsesiva, absolutamente entregada; ¿como afectaría iso ao desempeño das súas reais tarefas?, ¿que mudanzas provocaría no seu xeito de comportarse e, o que é máis importante, no seu modo de ser?

Velaí como, a partir dun feito en aparencia nimio e intranscendente, todo o que rodea á raíña vai mudar completa e definitivamente ata conducir a súa maxestade a un final inesperado.

Mais o que fai da obra de Bennett un texto notable non é só o cativador do seu argumento, senón, sobre todo, o humor e a fina ironía que destilan as situacións e personaxes, que axudan a recrear unha atmosfera de revelación constante, onde o mundo dos formalismos e a ríxida orde establecida acaba esboroándose sen remedio.

Así pois, non fica dúbida na centralidade da importancia da lectura como tema principal de Unha lectora fóra do común, pois a tese arredor da que xira toda a narración é a de que non se é a mesma persoa se se vive alleo ao mundo dos libros que se se acompañan os días con eles. Mais tamén hai neste texto fondas reflexións sobre o papel da función pública, a estrutura monárquica ou a condición homosexual, realidades todas que os diferentes personaxes da novela fan evidentes ao lector malia a súa complexidade, o que non deixa de ser un novo acerto do autor.

Unha lectora fóra do común foi preseleccionada para o premio de literatura cómica Bollinger Everyman Wodehouse no ano 2008, ademais de para o premio Booksellers’ Book Prize, o que ben se entende se se ten presente a abraiante capacidade de Bennett para crear textos de todo tipo nos que a visión humorística conduce a unha ollada singular do contemplado.

Rinoceronte Editora pon no mercado a novela de Bennett xunto con outro feixe de audiolibros non menos apetecibles. Títulos de André Kaminski (Os xardíns de Mulai Abdalá), David Albahari (Götz e Meyer) ou Natsume Soseki (Botchan) que, de seguro, han resultar igualmente agradecidos para o degustador literario do século XXI, quen estimará poder gozar destas obras namentres conduce, descansa xunto á súa cadea hi-fi ou, se ten a paciencia de trasladar os arquivos mp3 a calquera dispositivo de memoria, se acompaña deles en calquera smartphone, tablet ou portátil alá onde queira que estea, por non falar daqueles aos que a vista xa non perdoa e atoparán aquí seguro descanso. Porque a literatura, amais de polo ollos do corpo e a imaxinación, tamén entra polos oídos soñadores.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 28-4-2013]

De re lexicographica

Ano tras ano chegan ao mercado bibliográfico galego obras lexicográficas de interese diverso, que tentan dar resposta ás demandas dunha comunidade de falantes, en non poucas ocasións, problematicamente interferida.

Os volumes son, como ben se deducirá, moi variados tanto polo seu enfoque coma pola súa extensión e ambición e, así, a canda glosarios escolares e repertorios máis divulgativos ou iniciadores xorden tamén outros grandes dicionarios monolingües, bilingües e mesmo multilingües, glosarios especializados, catálogos léxicos profesionais e varia outra produción.

Mais, malia esa certa vitalidade publicista, o certo é que aínda seguimos —tras case tres décadas da promulgación da LNL— moi necesitados nalgúns eidos lexicográficos particulares e, entre eles, o dos dicionarios bilingües verdadeiramente actualizados e funcionais non é o terreo no que máis sobre os traballos.

Daquela, que a Editorial Morgante poña en circulación un novo texto co sonoro título de Superdicionario castelán-galego (SDCG) a algúns talvez lles esperte un espontáneo comentario un moito inxusto na inapelable condena prexuicística do “outro máis”: Porén, quen se deixe arrastrar por esa simplificación deixará de lado a posibilidade de facerse co, hoxe por hoxe, quizabes mellor diccionario bilingüe castelán-galego existente.

¿Razóns que sosteñen esta miña última afirmación? Velaí van, nas liñas que seguen, algúns argumentos que quen queira poderá contrastar doadamente coa consulta deste excelente volume, redactado nas entradas base por un equipo formado por Rebeca Lemat Freire, Raquel Rodríguez Salgueiro, Susana Collazo Rodríguez, Santiago Freire Cordeiro, Carmen Pereiro, Natalia Cora e Iolanda Mato Creo e a axuda decisiva no ámbito fraseolóxico de Manuel Rodríguez Alonso, Héitor Mera Herbello e Moisés Barcia.

O primeiro que salienta no SDCG é a súa considerable amplitude, máis de 27.000 entradas, ben por riba das que ofrecía o texto ata hoxe de referencia neste punto, o Dicionario castelán-galego (DCG) da RAG, quen apenas se alcanzaba os 25.000 rexistros e, amais, non incorporaba nin as 17.000 frases feitas nin os 2.500 topónimos con que si conta o SDCG.

Doutra parte, o SDCG corrixe numerosas incoherencias e erros detectados no DCG e suma ao seu caudal léxicos as achegas do VOLGA, CORGA, Termigal e outros imprescindibles corpora de consulta.

O resultado é un dicionario onde, ben a través dunha equivalencia léxica directa ben por medio dalgunha locución próxima, @s usari@s han poder dar cumprida resposta á tan común cuestión nunha poboación salvaxemente diglósica como a nosa de “¿como se di isto en galego?”.

Alén doutras consideracións moito máis puntuais e hiperespecializadas que aquí evitarei, quero subliñar o valioso feito de que este SDCG forneza dun moi completo apéndice toponímico de máis de dous milleiros e medio de entradas que foron fixadas, por colación, dende os atlas, vocabularios e nomenclátores máis importantes para o caso, apostando en non poucas ocasións por formas para as que ninguén antes ofrecera sequera unha posibilidade. O mesmo que aconteceu, por certo, con moito léxico común, que se nutriu da intensa experiencia tradutora acumulada por parte do equipo desta editora durante o último lustro, o que posibilitou integrar no SDCG voces contrastadas no exercicio de transvase idiomático que foron, deste xeito, calibradas no seu uso contextual.

Mais de entre todos os acertos —que non son poucos— desta magnífica ferramenta, quero salientar o xenuíno corpus fraseolóxico co que se complementan tantas e tantas entradas, pois, lonxe dese mimetismo castelanizador que inza aquí e acolá en mil e un dicionarios, o SDCG evidencia un esforzo denodado por achegar expresións inequivocamente de noso, paralelizando xiros e modismos, pero dende a raiceira sociocultural propia, afastando sempre a lacra adoita do calco.

As máis de catrocentas páxinas de ben apertada letra dobrecolumnada dan fe da moi traballada redacción deste Superdicionario castelán-galego que, se algunha crítica negativa merece, non responde á súa textualidade tanto como á súa máis que opinable maqueta, compracida nun rotulado colorista propio de fanzine de superheroe máis que doutra cousa, ao que se lle suma un título un moito pretensioso e nada formal, probablemente atractivo para discentes e algúns docentes, mais de aspecto pouco serio e abondo disuasorio para profesionais da escrita e a lingua, detalle este que ao mellor convén que reconsideren os editores para futuras, e agardamos que prontas, reimpresións deste máis que plausible volume.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 22-10-2012]